Un total de 25 alumnos e alumnas participarán desde hoxe no II Máster xuventude e sociedade da USC

17 Set 2012

O Máster conta coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Xuventude vai facilitar a utilización dos Espazos Xove e do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil para que os estudantes do Máster poidan desenvolver os contidos formativos relacionados co labor que se realiza neles

As prácticas que realizarán os alumnos constarán de 300 horas e computarase un crédito por cada 25 horas de prácticas realizadas

A Consellería de Traballo e Benestar colabora coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) no desenvolvemento do II Master de Xuventude e Sociedade, que comezou hoxe.

Despois da boa acollida das prácticas realizadas polos alumnos do I Master de Xuventude e Sociedade nos Espazos Xove da Rede galega de Centros de xuventude, as dúas institucións renovan o convenio de colaboración para a realización desta segunda edición desta iniciativa. O número de prazas dispoñibles para esta segunda edición do Máster é de 25.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar vai facilitar a utilización dos Espazos Xove da Rede Galega de Centros de Xuventude (casas da xuventude) e do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil para que os estudantes do Máster Universitario en Xuventude e Sociedade poidan desenvolver, nos mesmos, os contidos formativos relacionados coa labor que se realiza neles.

Concretamente serán nos Espazos Xove de Ourense, Tui, Vilagarcía, Lalín, Noia, Betanzos, Curtis, Pontedeume, Carballo, Vilalba, Viveiro e Chantada, así como o Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia, ubicado en Santiago de Compostela.

As prácticas que realizarán os alumnos constarán de 300 horas. Computarase un crédito por cada 25 horas de prácticas realizadas. Parte destes créditos ou na súa totalidade poderanlles ser recoñecidas aos alumnos e alumnas que traballan ou traballaron como informadores xuvenís e teñan traballado máis dun ano continuado. Estes créditos recoñeceranse segundo o estableza o programa de estudo.

A coordinación das prácticas correrá a cargo dunha comisión académica, actuando como supervisores o profesorado universitario responsable das materias conforme ao estipulado no plano de organización docente e a coordinación de ditas prácticas corresponderá aos profesionais que actúen como titores das mesmas. Ao remate de cada período de prácticas, os alumnos deberán elaborar unha memoria final sobre o traballo realizado que deberá ser avaliada polos supervisores responsables.