A Fundación Banesto e Traballo colaboran para impulsar o espírito emprendedor dos mozos e mozas galegos

17 Set 2012
  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a directora da Fundación Banesto Sociedade e Tecnoloxía, Victoria Zuasti, presentaron hoxe en Santiago o programa “Yuzz”
  • Esta iniciativa, impulsada pola Fundación Banesto, está dirixida a mozos e mozas de 18 a 30 anos co fin de ofrecerlles novas oportunidades á mocidade con ideas innovadoras de carácter tecnolóxico
  • A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo serán as cidades que entrarán a formar parte das outras 35 localidades españolas nas que xa está presente este programa
  • Mato lembrou que o fomento da creatividade e do espírito emprendedor é unha das principais apostas deste departamento autonómico

presentacion_yuzzA Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Banesto colaboran para impulsar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas galegos. Ambas partes veñen de firmar un convenio de colaboración co fin de traer o programa Yuzz da Fundación Banesto a Galicia. Esta iniciativa, dirixida á xuventude entre os 18 e os 30 anos, ten como obxectivo estimular ideas innovadoras de base tecnolóxica que poidan ser susceptibles de traducirse nun proxecto empresarial.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a directora da Fundación Banesto Sociedade e Tecnoloxía, Victoria Zuasti, presentaron hoxe en Santiago este proxecto. No acto tamén estivo presente a directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González.

Grazas a esta colaboración, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo entrarán a formar parte das outras 35 localidades españolas onde xa está presente este programa da Fundación Banesto, que funciona como un viveiro de formación e asesoramento.

O programa Yuzz pon a disposición dos seleccionados o soporte necesario para desenvolver a súa idea no mercado: unha rede de expertos, formación empresarial, asesorías e titorías personalizadas, unha plataforma de traballo colaborativo en liña, así como todo o soporte administrativo e xurídico preciso en caso de que a súa idea poida materializarse nun proxecto empresarial.

Serán un máximo de 80 o número de participantes seleccionados en Galicia. A convocatoria de recepción de candidaturas permanecerá aberta do 17 de setembro ao 31 de outubro. Para participar, os interesados deberán enviar os seus datos a través dun formulario localizado na web www.yuzz.org.

Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento de sete meses de duración que se realiza en todos os centros Yuzz, os mellores participantes realizarán unha viaxe a Silicon Valley, a meca mundial da innovación no eido das novas tecnoloxías.

Ademais, ao concluír o ano, os tres mellores proxectos de entre todos os finalistas a nivel nacional recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para colaborar na materialización da súa idea empresarial.

A conselleira valorou que este proxecto constitúa un “programa especializado, de alto rendemento e innovador”, xa que considerou que a aposta polo emprendemento da mocidade debe ser tamén “de calidade”, de xeito que non sexa só un elemento “para lograr un emprego, senón para plasmar ideas que poidan enriquecer á sociedade e xerar valor engadido”.

Pola súa banda Victoria Zuasti, destacou o resultado do proxecto desde o seu inicio en 2009, "desde que comezou Yuzz, e entre as tres edicións, preto do 60% dos participantes teñen creado a súa empresa ou están en constitución. Ata a data, levan pasado por Yuzz 665 participantes e creáronse 393 empresas. Yuzz é un trampolín de talento, e nesta nova edición 80 mozos e mozas galegos terán a oportunidade de desenvolver as súas ideas, apoiados polos mellores profesionais nun contorno de alto rendemento, para convertelas en proxectos empresariais de futuro.”

Por iso, o Goberno galego está a colaborar con esta iniciativa porque se trata dunha “oportunidade para aproveitar o talento que hai, e moito en Galicia, e para seguir apostando polo desenvolvemento das novas tecnoloxías como impulso transversal á sociedade”, subliñou Mato.

Neste sentido, lembrou que esta iniciativa inscríbese nunha liña de traballo máis amplo desta área autonómica, na que destaca a Estratexia Xuventude 2013, que inclúe entre os seus obxectivos principais o fomento da creatividade e o espírito emprendedor. Nesta mesma liña enmárcanse tamén programas como o Emprende, na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. En total, este ano a Xunta investirá 23,6 millóns no fomento de iniciativas emprendedoras, unha aposta que se complementa agora co programa Yuzz.