Máis de 100 mozos e mozas galegos participan nun intercambio no extranxeiro no marco do Programa ‘A Xuventude no Mundo’

02 Set 2012

Nesta cuarta edición da iniciativa posta en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar, os mozos puideron optar a un total de 12 destinos, en 10 países distintos

O número de participantes galegos por intercambio é de nove, mozos con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade

Un total de 108 mozos e mozas galegos participaron ao longo do 2012 no programa de mobilidade ‘A Xuventude no Mundo’, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Nesta cuarta edición da iniciativa, os mozos puideron optar a un total de 12 destinos, en 10 países distintos: Figueira da Foz (Portugal), Alghero (Italia), Chisinau (Moldova), Trento (Italia), San Petesburgo (Rusia), Abruzzo (Italia), Minsk (Bielorrusia), Budapest (Hungría), Veliko Tarnovo (Bulgaria), Kiev (Ucraína), Estambul (Turquía) e Ceska Trebova (República Checa).

O número de participantes galegos por intercambio é de nove, mozos con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade. Os participantes fixéronse cargo dos custes de desprazamento ata o país de intercambio.

Cada intercambio versou sobre unha temática: asociacionismo e participación xuvenil; autoemprego e emprendedurismo; mobilidade laboral e emprego; voluntariado xuvenil; liderado e creatividade e talento.

Un dos requisitos para a obtención de praza era que cada interesado debía remitir á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un documento cunha extensión mínima dun folio e máximo de tres onde se abordara a temática do intercambio e a súa situación en Galicia, para os efectos da súa exposición nos foros de debate que se celebrarán ao longo da experiencia con mozos e mozas do país de intercambio.

‘A Xuventude no Mundo’ é un programa de mobilidade xuvenil que ten como obxectivo que os mozos e mozas de Galicia poidan desenvolver un programa de actividades de interese para a mocidade noutras partes de Europa, que obteñan experiencias de educación non formal no estranxeiro, amplíen o seu coñecemento doutras linguas, culturas e costumes, ao tempo que incrementan o seu nivel de independencia e responsabilidade.

Un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil. Así a Consellería de Traballo e Benestar xestionará máis de 2.350 prazas neste eido ao longo de 2012 a través de diferentes programas como ‘A Xuventude no Mundo’ ou ‘Xuventude en Acción’.