A carpa de Xuventude achega os proxectos de voluntariado á mocidade en Ferrol

31 Ago 2012
  • A carpa despregarase hoxe durante toda a tarde na Praza de España de Ferrol, que está celebrando as festas do verán e que ademais é punto e final da décimo terceira etapa da Volta Ciclista a España
  • Os técnicos da Dirección Xeral centrarán a súa oferta informativa nas diferentes posibilidades que teñen os mozos e mozas galegos para participar en proxectos de voluntariado
  • O departamento autonómico conta este verán con presenza en 33 localidades galegas a través desta carpa informativa

A carpa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, despregarase hoxe durante toda a tarde na Praza de España de Ferrol, que está celebrando as festas do verán e que ademais é punto e final da décimo terceira etapa da Volta Ciclista a España.

Alí, os técnicos da Dirección Xeral centrarán a súa oferta informativa nas diferentes posibilidades que teñen os mozos e mozas galegos para participar en proxectos de voluntariado. Mañá a mesma carpa estará despregada na Praza do Concello de Cambre (A Coruña).

O estudio ‘Xuventude Galega 2010’ sinala que un 60,3% dos mozos galegos estarían dispostos a participar nas actividades das organizacións non gubernamentais. De aí a importancia de informar e promocionar entre a mocidade as diferentes posibilidades de colaboración en proxectos de voluntariado que ofertan tanto as entidades de acción voluntaria como a mesma Administración.

A carpa informativa destacará o novo servizo de voluntariado xuvenil, posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar e que permite a incorporación como voluntarios de 1.000 mozos e mozas nos diferentes programas dos concellos e das entidades galegas.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado conta este verán con presenza en 33 localidades galegas a través dunha carpa informativa, na que se achega a pé de rúa os programas para a mocidade da administración autonómica.

Esta iniciativa forma parte dunha nova metodoloxía de traballo coa xuventude, que busca renovar o enfoque do traballo a través da animación e da dinamización como métodos para abordar as oportunidades dos mozos e mozas.

Esta estratexia de traballo ponse en marcha para fomentar e promover actividades de educación non formal, para que a xuventude desenvolva todas as súas capacidades de emprender accións de participación social, creatividade, asociacionismo, voluntariado ou empregabilidade.

Esta instalación contará con información dos diferentes programas de Xuventude e Voluntariado, como a campaña Libre, a liña de axudas para a obtención do Carné de Conducir, das vantaxes dos diferentes carnés para a mocidade, do novo programa de voluntariado xuvenil, das prestacións do servizo Quérote+ ou dos diferentes programas de mobilidade.

Ademais, os dinamizadores xuvenís que atenderán a carpa tamén informarán aos mozos das accións das diferentes Consellerías dirixidas directamente á mocidade que recolle a Estratexia Xuventude 2013.