Xuventude impartirá durante o mes de setembro na provincia once cursos e obradoiros dirixidos a mozos e mozas a través do programa Activa

29 Ago 2012

Os concellos da Baña, Rois, Tordoia, Narón, Carnota, Vilarmaior, Dodro, Touro, Bergondo, Fene e Oza dos Ríos contarán cunha das catro modalidades enfocadas a temas de especial interese para a mocidade, como son as habilidades para a busca de emprego, a participación e o asociacionismo, os recursos existentes para mozos e mozas e a formación centrada na oratoria

Persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil encargarase de impartir os obradoiros

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude, impartirá ao longo deste mes once cursos e obradoiros dirixidos a mozos de outros tantos municipios a través do programa Activa, que contempla temas de especial interese para este colectivo.

Os concellos da Baña, Rois, Tordoia, Narón, Carnota, Vilarmaior, Dodro, Touro, Bergondo, Fene e Oza dos Ríos celebrarán durante o mes de setembro estas xornadas e en cada caso acolleranse a unha das catro modalidades de formación previstas, que tentan abranguer cuestións transversais e de relevancia para a mocidade. Persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil encargarase de impartir esta actividade en cada un dos lugares escollidos.

A primeira das catro tipoloxías leva por título ‘Comunícate’ e versará sobre a importancia de saber transmitir e comunicarse con eficacia. O obradoiro centrarase en descubrir as claves comunicativas fundamentais para enfrontarse con solvencia ás necesidades de cada día. Este curso terá lugar na Baña e en Vilarmaior, o 5 e o 22 de setembro, respectivamente.

A divulgación de recursos para a mocidade galega será o tema clave da segunda modalidade de cursos que se levarán a cabo a través do programa Activa. Así, ‘Programas e axudas para mozos e mozas’ procurará amosar qué oportunidades e medios ten este colectivo á súa disposición sobre temas como vivenda, mobilidade, voluntariado, asociacionismo, emprego ou bolsas e axudas. Comezará a impartirse o 12 de setembro en Bergondo, o 19 en Narón e o día 21 en Oza dos Ríos.

Os municipios de Carnota e de Touro acollerán unha terceira modalidade, que leva por título ‘Emprégate’. Esta terá como finalidade mellorar a empregabilidade da mocidade, achegando as ferramentas axeitadas para atopar un emprego. Deste xeito, tratarase de que os participantes acaden unha idea clara do mercado laboral, cáles son as oportunidades dispoñibles en momentos de crise, cómo elaborar un curriculum ou enfrontarse a unha entrevista de traballo. A través desta iniciativa, ademais descubrirán o programa ‘Emprende’ da Dirección Xeral de Xuventude.

Por último, en Rois, Tordoia, Fene e Dodro celebrase ao longo do mes de setembro o curso ‘Mediación xuvenil para a participación’, que se centra na formación en competencias sobre xestión e funcionamento interno de entidades xuvenís e na difusión de elementos que potencien o asociacionismo e a participación da mocidade.

Beneficiarios dos cursos
Os destinatarios destas xornadas serán os menores de 30 anos, técnicos locais de emprego, animadores e animadoras xuvenís, concelleiros e concelleiras, asociacións e grupos informais, aínda que están abertos a calquera colectivo interesado no eido da mocidade.

Para consultar os lugares de realización destes obradoiros, así como a súa duración, os interesados poden obter máis información na páxina web www.xuventude.net.