O asociacionismo xuvenil a debate nun seminario que reúne a 20 participantes de seis países europeos en Santiago

24 Ago 2012

IMG_8076No marco do programa Xuventude en Acción, acción 4.3. estase a celebrar en Santiago o Seminario “Un novo contexto para o asociacionismo xuvenil” que reúne a 20 participantes de seis países europeos (Portugal, Bulgaria, Italia, Hungría, Rumanía, Alemania e España). Entre os participantes encóntranse representantes de institucións municipais , como o Concello de Hölloko (Hungría), o Concello de Berlín (Alemania) e a Municipalidade de Monforte de San Giorgio (Messina-Italia); representantes de asociacións xuvenís, no caso dos participantes de Bulgaria, España e Portugal); e representantes de asociacións centradas no ámbito cultural, como o caso de Rumanía e Cerdeña (Italia).

Os obxectivos deste proxecto son: desenvolver unha nova metodoloxía no asociacionismo xuvenil, máis creativa e adaptada á situación actual; establecer un modelo de asociacionismo que aporte dinamismo e posibilite a mobilidade entre as entidades; acercar ás entidades o novo programa Erasmus for All, que entrará en vigor a partir do 2013; e compartir boas prácticas no campo do asociacionismo xuvenil baixo a máxima “+ con –“ a partir de experiencias noutros países que resultaron exitosas.

Os participantes no Seminario estiveron reunidos no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil con persoal da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Na mesa redonda foron obxecto de análise a situación na que se encontra o movemento asociativo en cada un dos países de orixe dos participantes no proxecto.

‘Xuventude en Acción’ é un programa creado para promover a mobilidade dos mozos e mozas europeos, infundindo así un sentimento de cidadanía europea activa, solidariedade e tolerancia entre a mocidade co fin de promover a súa implicación na construción europea. O programa fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.

Neste ámbito, destacar que un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil. Así, a Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado xestionará máis de 2.350 prazas neste eido ao longo de 2012 a través de diferentes programas.