- O delegado territorial visitou hoxe o situado en Trasestrada, en Riós, onde asistiu a unha clase práctica de orientación
- Os participantes neste programa realizan tarefas de vixilancia disuasoria para a prevención de incendios, en coordinación co Distrito Forestal de Verín-Viana
- Rogelio Martínez aproveitou a súa estadía no municipio para analizar co alcalde, Francisco Armando Veiga, as actuacións que o Goberno Galego está a desenvolver neste concello.
O programa de Voluntariado Ambiental para a prevención e defensa contra os incendios forestais, posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar e a Consellería de Medio Rural, permite o desenvolvemento de máis de 120 accións voluntarias na provincia de Ourense neste verán. O seu ámbito de actuación son as principais masas forestais dos concellos de Allariz, Celanova e Riós, lugares onde dende o mes de xullo e ata finais de agosto se están a desenvolver campos de traballo deste programa e nos que participarán preto de 100 mozos e mozas.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe o campo de traballo situado en Trasestrada, en Riós, onde asistiu a unha clase práctica de orientación, consistente en buscar no mapa diferentes puntos desde o alto do monte e na que se usou cartografía da zona, compás e GPS. O representante do Goberno galego estivo acompañado polo alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga, e polo xefe territorial da consellería de Traballo e Benestar.
Os voluntarios que participan neste programa realizan tarefas de vixilancia disuasoria para a prevención de incendios forestais, en coordinación co Distrito Forestal de Verín-Viana. O seu ámbito de actuación son os montes de Fumaces, Pedroso e tamén os que lindan co concello de Vilardebós. Ao tempo, os participantes reciben formación en materia de especies forestais autóctonas e máis importantes dende o punto de vista de produción para sabelas identificar e diferenciar; nocións básicas de orientación como o manexo de cartografía e do compás...
O programa de Voluntariado Ambiental ten como obxectivo principal sensibilizar a través da participación cidadá da necesidade de conservar o noso patrimonio natural, ao tempo que os voluntarios adquiren os criterios e coñecementos básicos sobre prevención, información e vixilancia contra os incendios forestais, e protocolos de aviso e comportamento no monte en caso de lume.
Está concibido como un campo de traballo e desenvólvese en quendas de 5 días nas que grupos de 8 voluntarios e voluntarias, xunto cun monitor, realizan as diferentes actividades. Os participantes no programa, que promoven as consellerías de Traballo e Benestar e de Medio Rural, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
Balance de actuacións
Rogelio Martínez aproveitou a súa estadía no municipio de Riós para manter un encontro de traballo co alcalde deste concello ourensán no que analizaron as actuacións que o goberno galego está a desenvolver no municipio.
Na xuntanza ambos mandatarios analizaron os Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) polos que o concello recibirá este ano máis de 53.400 euros. Segundo lle trasladou o rexedor ao delegado territorial, esta partida destinarase á mellora de varios camiños para facilitar o tránsito. A actuación beneficiará aos veciños das parroquias de Castrelo de Cima, Veiga do Seixo, Castrelo A Veiga e Mourisco.
Por outra banda, o alcalde de Riós informoulle tamén ao delegado territorial do remate das obras de construcción de beirarrúas que se desenvolveron na estrada N-525 ao seu paso por San Cristovo, o lugar do municipio onde se concentra o maior número de comercios. Esta actuación realizouse grazas a unha subvención da consellería de Economía e Industria concedida ao abeiro da Orde do 22 de febrero de 2011 de Adecuación e modernización de equipamentos comerciais en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, publicada no DOG o 4 de novembro de 2011. O orzamento total da obra cifrouse en case 100 mil euros (99.690,46 euros), dos que a Xunta achegou 74.767,84 euros e o concello o resto.