- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, percorreu hoxe as diferentes prazas da cidade, onde se están a desenvolver as distintas intervencións artísticas do proxecto ‘Imaxina Atlántica: Teatros de pedra’
- Entre as actividades programadas, que se desenvolverán ata o 12 de agosto, destaca a creación dun percorrido turístico alternativo a través das artes da música, escultura, graffiti, expresión corporal ou a danza
- Con esta iniciativa, da Consellería de Traballo e Benestar, dáse a coñecer a Europa Atlántica, a cultura galega e inténtanse recuperar lugares emblemáticos de Santiago
Santiago acolle ata o próximo 12 de agosto o proxecto ‘Imaxina Atlántica: Teatros de Pedra’, unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que está a converter estes días sete prazas de Santiago en sete ‘Teatros de Pedra’. En concreto, nove mozos e mozas creadores están a desenvolver diferentes representacións artísticas para dinamizar lugares emblemáticos da cidade e, desta forma, dar a coñecer a Europa Atlántica e a cultura galega.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acompañado polo concelleiro de Xuventude de Santiago, Adrián Varela, percorreu hoxe as distintas rúas e prazas nas que se está a desenvolver esta actividade.
A ruta comezou polas prazas de Sal e Oliveira, onde Rodeiro coñeceu de primeira man os traballos de dous mozos artistas, un grafiteiro e un videocreador. Por unha banda, o responsable de Xuventude foi partícipe directo da creación dun grafitti, onde un dos mozos creativos está a plasmar sobre un panel unha alegoría efímera á cidade de Santiago e ao misterio que garda a cidade en si. E, por outro lado, Rodeiro veu unha videocreación na que se reinvindica a importancia do aceite de oliva na historia de Galicia e a súa posta en valor.
Posteriormente, acompañados por unha personaxe caracterizada, seguiron co percorrido por Entremuros, ata chegar a Praza de San Roque, onde a música e a pintura son as protagonistas. Unha moza artista está a representar na súa obra pictórica a unión de Galicia e Gales a través da música. A escultura está presente na Praza de San Fiz, a canción tradicional na Praza de San Miguel e a expresión corporal na rúa Campás de San Xoán.
Se ben cada especialidade ten presenza propia en cada unha das sete prazas, todas converxen nun traballo multidisciplinar que se levará a cabo na Praza da Inmaculada, na que os 9 participantes no programa crearán un traballo todos xuntos sobre unha temática: a choiva dende diferentes puntos de vista.
O programa está enmarcado dentro do proxecto ‘Imaxina Atlántica: espazo atlántico, territorios creativos innovadores’ aprobado ao abeiro do proxecto ‘Espazo Atlántico’, no que participan rexións de España, Francia, Reino Unido e Portugal.
A finalidade desta iniciativa é promover e estimular a creación de artistas dentro dos parámetros da arte actual, unha promoción do intercambio urbano a través dos artistas e os propios espazos cidadáns; crear unha actividade artística relacionada coa xuventude; e fomentar un punto de encontro entre mozos e mozas creadores e non creadores pero con inquedanzas artísticas que fagan unha posta en común.