Un total de 180 rapaces e rapazas de entre 11 e 13 anos pasarán este verán polo campamento da Illa de Ons

09 Ago 2012
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe as instalacións deste campamento
  • Os participantes contan cunha programación que inclúe sendeirismo, orientación, bicicleta ou iniciación á canoa e ao kaiak

visita_ciesUn total de 180 rapaces e rapazas de entre 11 e 13 anos pasarán, en diferentes quendas e durante este verán, polo campamento da Illa de Ons. Esta actividade está enmarcada na campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe as instalacións deste campamento.

Na quenda actual están a participar un total de 60 mozos e mozas de 12 a 13 anos. A actividade denomínase “Aventura na illa” e inclúe actividades como: sendeirismo guiado, orientación, bicicleta, natureza mariña, astronomía, iniciación á canoa e ao kaiak de mar, e unha travesía en barco para coñecer a illa desde o mar.

Entre os obxectivos destas actividades, sitúase recoñecer a importancia do medio natural no desenvolvemento social, cultural e histórico da illa, e aproveitar os recursos locais; ao tempo que se fomentan hábitos de vida saudábeis, de convivencia e de integración.

Cabe destacar que as instalacións da Illa de Ons tamén forman parte da oferta concertada que organiza Xuventude para permitir que asociacións xuvenís e outras entidades sen ánimo de lucro conten cos medios e instalacións axeitadas para desenvolver os seus programas de lecer e tempo libre. A oferta concertada nestas instalacións desenvolverase entre o 18 e o 29 de agosto.

A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permite a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.