Un total de 20 mozos de Martinica e Galicia participan nun intercambio sobre voluntariado e medio ambiente en Valdoviño e Catoira

08 Ago 2012
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe en Santiago aos protagonistas desta iniciativa que forma parte do programa de mobilidade ‘Xuventude en Acción’ da UE
  • O obxectivo da iniciativa é fomentar actitudes de respecto e conservación da natureza e a posta en valor do patrimonio ambiental dos pobos como medio para combater a pobreza
  • Rodeiro destacou que un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil e, por iso, a Consellería de Traballo e Benestar xestionará ao longo de 2012 máis de 2.350 prazas a través de diversos programas deste eido

voluntarios_martinicaValdoviño (A Coruña) e Catoira (Pontevedra) acollen estes días un intercambio xuvenil entre mozos e mozas de Galicia e a Illa A Martinica na que están a participar 20 mozos e mozas que forman parte da asociación Union des jeunes de Monnerot e do colectivo galego Futura XXI.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe en Santiago aos protagonistas desta iniciativa, que baixo o título ‘Voluntariado e medio ambiente: oportunidades contra a pobreza e a marxinación’ busca fomentar actitudes cotidiás de respecto e conservación do medio ambiente; a posta en valor do patrimonio ambiental dos pobos como medio para combater a pobreza; e entender os proxectos de voluntariado como unha forma de compromiso activo e ferramenta para aumentar ou mellorar as competencias cara ao desenvolvemento persoal, social e profesional.

A convivencia permitirá durante 15 días que os 20 mozos e mozas, pertencentes a dúas comunidades, descubran as súas similitudes e diferenzas e coñezan os proxectos de voluntariado ambiental.

Rodeiro destacou que os intercambios xuvenís son “unha gran oportunidade” para a mocidade e, por iso, indicou que un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil. Así, apuntou que a Consellería de Traballo e Benestar xestionará máis de 2.350 prazas neste eido ao longo de 2012 a través de diferentes programas como ‘Xuventude no mundo’, unha iniciativa que a Xunta puxo en marcha en 2010 para que os mozos poidan realizar un programa de actividades noutras partes de Europa. O seu principal obxectivo é obter experiencias de educación non formal no estranxeiro, ampliar o coñecemento doutras linguas, culturas e costumes e incrementar a responsabilidade e potenciar valores como a solidariedade, o voluntariado e a tolerancia.

A cuarta edición deste programa, que vai dirixido a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos, ofertou este ano 108 prazas para realizar intercambios en 10 países diferentes.

Por último, e no eido do voluntariado, o director xeral destacou que o departamento autonómico puxo en marcha en 2011 o servizo de voluntariado xuvenil, un proxecto piloto inspirado no servizo de voluntariado europeo que en 2012 permitirá a 1.000 mozos e mozas galegos, de entre 18 e 30 anos, incorporarse a proxectos de voluntariado que leven a cabo entidades e os concellos de Galicia que estean inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Os proxectos que se subvencionen teñen de media unha duración de entre 15 días e dous meses e financiarase un máximo de 8 persoas voluntarias por iniciativa. Ao rematar cada actuación, os seus participantes poden obter unha certificación oficial da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que lles servirá para acreditar curricularmente a experiencia adquirida.