Preto de 220 mozos e mozas participarán este verán nas actividades do campamento e do campo de traballo de Melide

07 Ago 2012
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o campamento xuvenil de “Furelos” e o campo de traballo “Babelia”
  • O campamento, onde participan mozos e mozas de entre 12 e 17 anos nas distintas quendas, é a instalación galega que inclúe a actividade de iniciación á equitación
  • Pola súa banda, no campo de traballo hai mozos e mozas de distintas nacionalidades, así como outros procedentes de comunidades autónomas

Preto de 220 mozos e mozas participarán durante este verán nas actividades do campamento xuvenil “Furelos” e no campo de traballo “Babelia”, ambos situados en Melide.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe ambas instalacións.

No campamento xuvenil de Furelos terán participado, ao final do verán, 180 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos, repartidos en quendas de 60 participantes. Nesta quenda, están a tomar parte nas actividades mozos e mozas de entre 12 e 14 anos.

O programa que se desenvolve nestas instalacións denomínase “En bicicleta e cabalo na natureza”, e comprende actividades lúdicas e de aventura co obxectivo de promover a educación e participación social na conservación dos recursos.

Entre as distintas actividades que se están a levar a cabo, inclúese a de iniciación á equitación, sendo este o único campamento galego desta campaña de verán que inclúe este recurso. Tamén se organizan saídas en bicicleta de montaña en grupos reducidos, rutas de orientación, iniciación ao tiro con arco e rutas interactivas de sendeirismo.

Pola súa banda, o campo de traballo “Babelia” é unha actividade de voluntariado e mobilidade de dinamización social, baseado na inmersión lingüística e na importancia histórica das diferentes linguas e culturas traídas polos peregrinos a través dos séculos.

Os participantes nesta actividade realizarán actividades de dinamización e apoio lingüístico a peregrinos e veciños de Melide. Está dividida en dúas quendas, con 20 participantes cada unha. A primeira delas comezou onte, con participantes de entre 18 e 30 anos procedentes de 9 nacionalidades distintas: República Checa, Francia, Italia, España, Arxentina, Holanda, Eslovaquia, Estados Unidos e Turquía. Entre os participantes españois, hai galegos, andaluces, castelán leoneses e canarios.

Na segunda quenda participarán outros 20 mozos e mozas que virán de Alemaña, Reino Unido, Grecia, Turquía, Rusia, Italia, Arxentina, Aragón, País Vasco, A Rioxa e Galicia.

A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.