Preto de 300 mozos e mozas participarán este verán no campamento xuvenil Penedos de Xacinto, en Entrimo

03 Ago 2012
  • O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, acudiu a visitar aos case 90 participantes da actual quenda, dos que 15 son rioxanos e o resto galegos
  • Durante once días desenvolverán actividades de aventura e deporte

penedos_de_xacintoUn total de 281 rapaces de idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos pasarán este verán polo campamento xuvenil Penedos de Xacinto, da localidade ourensá de Entrimo, dentro da campaña de verán organizada pola Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de dita consellería, José Selas, visitou esta mañá aos 86 mozos e mozas que participan na quenda do 2 ao 13 de agosto neste campamento. Durante a súa estadía en Entrimo os rapaces poderán participar en actividades de aventura e deporte que inclúen escalada en rocódromo, piscina, sendeirismo, rutas ecolóxicas e en bicicleta, piragüismo....Tamén se realizarán competicións deportivas, obradoiros, excursións, xogos e unhas xornadas de astronomía.

A Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado oferta campamentos de intercambio con outras comunidades autónomas, que contempla a participación de mozos galegos nos albergues xuvenís de Cantabria, País Vasco, Estremadura, Castela León, Rioxa e Navarra. Pola súa banda, mozos destas seis comunidades tamén participan na Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Concretamente, no campamento de Entrimo nesta quenda hai quince rapaces rioxanos e o resto son galegos.

Campaña de verán

Nesta campaña de verán a Xunta de Galicia oferta na totalidade da comunidade máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo. O orzamento total desta iniciativa ascende a preto de 2,4 millóns de euros. Este investimento permite que as empresas de ocio e tempo libre poidan contratar este verán a ´máis de novecentos monitores, na súa gran maioría xente nova.