- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a instalación “Os Chacotes” de Palas de Rei e o albergue xuvenil de Portomarín
- A provincia de Lugo é a segunda con máis prazas na campaña de verán, cun total de 1818
Preto de 470 mozos e mozas de entre 9 e 17 anos participarán durante este verán nos campamentos que se están a levar a cabo no albergue xuvenil de Portomarín e na instalación “Os Chacotes” de Palas de Rei.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata estes dous centros, para coñecer de preto as súas actividades.
No caso do campamento xuvenil “Os Chacotes”, durante esta quenda están a participar no mesmo 60 mozos e mozas de entre 12 e 14 anos. O programa, que se denomina Aventura-T, propón actividades de escalada en rocódromo, bicicleta todoterreo, rotas de sendeirismo, actividades ao aire libre e piscina.
Pola súa banda, o albergue de Portomarín acolle nesta primeira quincena de agosto a 50 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos. O campamento leva por título “Xogando no encoro. A nosa primeira aventura”, e conta con actividades con kaiak por augas bravas no río Ferreira, iniciación á escalada, minigolf, rotas en bicicleta todoterreo, piscina activa e sendeirismo.
Rodeiro lembrou que a provincia de Lugo é a segunda galega con máis prazas na campaña de verán, cun total de 1.818. Ademais destas dúas instalacións, na provincia tamén se organizan actividades no albergue xuvenil de Area (Viveiro), no campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo), e no complexo xuvenil Lug II da capital.
A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.