A Xunta pon en valor o traballo realizado pola asociación Amabul no coidado medioambiental da comarca do Ulla

04 Out 2021

A Xunta puxo en valor o traballo realizado pola asociación Amabul no coidado medioambiental da comarca do Ulla. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os voluntarios e voluntarias que desenvolveron xornadas de formación e traballos de control e erradicación de especies exóticas invasoras no sistema fluvial Ulla-Deza ao seu paso polos concellos de Vedra, Boqueixón e A Estrada.

Este proxecto, dirixido a persoas de entre 16 e 35 anos, está incluído dentro dos programas de Iniciativa Xove da Xunta de Galicia para que a mocidade poida poñer en práctica e realizar as súas ideas. Durante o encontro, no concello de Vedra, a directora xeral apuntou que esta iniciativa de Amabul permite incidir nun punto moi importante como é a concienciación ambiental nas contornas rurais.

A Xunta de Galicia financia, ao abeiro de Iniciativa Xove, 85 proxectos liderados pola xuventude e nos cales a mocidade é a protagonista, a través da planificación e realización das actividades. O Goberno galego achega preto de 400.000 euros a este programa, ao que xa leva destinado 6 millóns de euros para financiar unhas 1.500 ideas desde que se puxo en marcha hai 11 anos.