- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro e o de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, visitaron hoxe os labores que se están a realizar
- Os participantes permanecerán no concello coruñés ata o 30 de xullo
- Os voluntarios son de Turquía, Francia, Bélxica, Italia, Rusia, Venezuela, Cantabria, País Vasco, A Rioxa e Andalucía, ademais de Galicia
- A actividade forma parte da campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar que oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas
- A Xunta está a investir nesta iniciativa, que permitirá a contratación de 900 persoas, máis de 2,3 millóns de euros
Un total de 20 mozos e mozas de entre 18 e 28 anos están a participar ata o día 30 de xullo no campo de traballo arqueolóxico que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado está a organizar no castro de Gastrar, en Boqueixón.
O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, e o director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, visitaron hoxe aos voluntarios que están a tomar parte nesta actividade internacional. En concreto, proceden de 11 rexións diferentes: Turquía, Francia, Bélxica, Italia, Rusia, Venezuela, Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Andalucía e Galicia.
Os participantes están escavando o Castro de Gastrar, un asentamento fortificado da Idade de Ferro no que se observa a presenza de medorras (mámoas). A intervención arqueolóxica complementarase con prácticas de limpado, siglado e debuxo arqueolóxico do conxunto.
Ademais, os voluntarios tamén teñen programada outras actividades, como obradoiros de cerámica e barro de simboloxía castrexa, de aproximación á música e á lingua galega e de lendas e costumes galegas. Aproveitando a súa estadía en Boqueixón, tamén visitarán as instalacións do Centro do cabalo de pura raza galega e realizarán as rutas de sendeirismo do Pico Sacro e do Río Grande
Rodeiro apuntou que os campos de traballo son actividades de voluntariado e de mobilidade, encamiñados a fomentar a convivencia a través da participación en diversos traballos sociais, culturais ou medio ambientais, que se levan a cabo en distintos países.
A cambio do seu labor, os mozos reciben unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, da práctica de deportes e da visita a lugares de interese, tanto turísticos como históricos ou culturais.
A Consellería de Traballo e Benestar pon a disposición un total de 260 prazas dirixidas aos mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior.
As prazas están distribuídas en quendas de 11 ou 15 días de duración en Cíes, Boqueixón, Rois, Melide, A Coruña, Celanova e Ourense.
Os mozos e mozas galegos, ademais, asisten ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español (100 prazas) e no estranxeiro (96 prazas).
A campaña de verán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado inclúe campamentos, intercambios con outras comunidades autónomas; oferta concertada de prazas nas instalacións xuvenís do departamento autonómico; actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo; e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior.
En toda Galicia ofertaranse máis de 8.000 prazas o que supón un investimento de 2,3 millóns de euros. Ademais, a posta en marcha deste programa conlevará a contratación de preto de 900 monitores e directores de tempo libre.