- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos participantes que están a tomar parte nos campamentos de Gandarío e da Mariña Española
- A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións
- A Consellería de Traballo e Benestar está a destinar 2,3 millóns de euros a esta iniciativa coa que se contratarán este verán a uns 900 monitores e directores de tempo libre
Máis de 1.780 mozos e mozas participarán ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro nas actividades que a Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver no complexo xuvenil das Mariñas (nos albergues de Gandarío e da Mariña Española) a través da campaña de verán.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos mozos e mozas que están a tomar parte nas actuacións que están a ter lugar esta semana nas instalacións máis grandes da área autonómica. De feito, as prazas que se ofertan neste complexo supoñen máis dun 22 por cento das dispoñibles na campaña de verán, detallou o responsable de Xuventude.
Estes días estas instalacións acollen tres actividades diferentes. En Gandarío estanse desenvolvendo dous campamentos: ‘Actividades do Mar’ para 90 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos e ‘Vela e táboa’ para 50 participantes de entre 15 e 17 anos.
Na Mariña Española, estase a realizar ‘A miña primeira aventura’ dirixida a 100 nenos e nenas de 9 e 10 anos.
Rodeiro apuntou que a campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para elo, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.