Aloxamento nas Residencias de Xuventude durante o curso 2021/2022

29 Xul 2021

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dispón de instalacións que durante o curso académico funcionan como residencias xuvenís.

Como é habitual as ditas instalacións póñense a disposición dos mozos/as estudantes e para a mocidade traballadora. Resérvase un 9% para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen.

As instalacións a disposición dos mozos e mozas residentes durante o curso académico ofrecen aloxamento e mantenza, nelas desenvólvese unha serie de actividades e convivencias educativas a través das que se intenta fomentar valores sociais, culturais e deportivos.

Modalidades de prazas:
a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes (BS303B).
b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras (BS303C).
c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras (BS303D).

Convocatoria de prazas para o curso académico 2021/22:

CUADRORESIDENCIAS3

Requisitos xerais:
- Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.
- Non ter perdido a condición de residente por causa imputable a persoa solicitante.
- Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2021. As persoas colaboradoras bolseiras terán que ter os 18 anos cumpridos.

A mocidade estudante que solicite praza de residencia, ademais:
- Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.
Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.
- Que no concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante.

As persoas estudantes que soliciten prazas nas residencias e a concesión de bolsas como colaboradoras deberán reunir os seguintes requisitos específicos:
- Ter os 18 anos cumpridos e non superar os 30 a data 31 de decembro de 2021.
- Ter unha renda media familiar inferior ao 150% do indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem) do ano en curso.

A mocidade traballadora tamén deberán cumprir os seguintes:
- Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
- No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida terá que ter unha duración mínima de 3 meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
- No caso de ser unha persoa traballadora por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.

Prezo:
a) Habitación dobre: 324 € por residente e mes.
b) Habitación cuádrupla: 250 € por residente e mes.

Período de estadía:
O período máximo de estadía das persoas beneficiarias será de 11 meses e estará comprendido no período establecido para o curso académico 2021-2022, exceptúanse os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.
As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes, iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico no que estiveran matriculadas (respectando sempre o período máximo antes indicado) e en todo caso concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.
En calquera caso as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estadía na residencia como prazo máximo o 31 de outubro.

Prazo de presentación das solicitudes: Estará aberto ata o 31 de agosto de 2021.

Solicitudes:
As solicitudes están dispoñibles na sede electrónica da xunta https://sede.xunta.es, entrando no procedemento BS303B para estudantes, BS303C para persoas colaboradoras bolseiras e BS303D para traballadores/as.

Máis información no DOG do 29 de xullo de 2021

Lugo: http://reaj.com/albergues/residencia-juvenil-lug-ii/
Ourense: http://reaj.com/albergues/residencia-juvenil-florentino-lopez-cuevillas/
Vigo: http://reaj.com/albergues/residencia-juvenil-altamar/