Un novo programa permitirá crear unha bolsa de voluntarios formada por reclusos para colaborar con entidades galegas

24 Xul 2012

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe esta iniciativa, que leva por nome “Voluntariado desde dentro”

Este programa lévase a cabo en colaboración coa Asociación para a prevención da exclusión social (APES) e cos centros penitenciarios de Galicia

O obxectivo é crear unha bolsa de 40 persoas voluntarias e 20 entidades colaboradoras

Xuventude xa formou este ano en voluntariado a 71 reclusos

O proxecto inscríbese nos obxectivos do Plan galego de acción voluntaria, do que xa se teñen executado o 45 por cento das medidasVOLUNTARIADO

A Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración coa Asociación para a prevención da exclusión social (APES) e os centros penitenciarios de Galicia, veñen de poñer en marcha un programa para crear unha bolsa de voluntarios formada por persoas que cumpren condena.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, presentou hoxe en rolda de prensa esta iniciativa, que leva por nome “Voluntariado desde dentro”. O seu obxectivo é conseguir unha bolsa de 40 persoas voluntarias e 20 entidades colaboradoras nas que estas persoas poidan colaborar.

Para levar a cabo este programa, APES encárgase de realizar o contacto cos centros penitenciarios e facer unha selección entre os reclusos interesados. Ademais, ocuparase de xestionar o perfil máis adecuado ás necesidades das entidades que desexen acoller a cada voluntario, e manterá reunións periódicas coa bolsa de voluntarios para coñecer as súas necesidades.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ocúpase de promover o programa, especialmente entre as entidades sen ánimo de lucro; e de formar aos posibles candidatos. Tamén se encargará de xestionar as solicitudes das entidades que decidan contar con algún destes participantes, e de inscribir a estes últimos no “Rexistro de accións da persoas voluntarias de Galicia”, para que estas poidan ser certificadas e incorporadas ao seu currículo.

Ata o momento, xa se procedeu á selección dos potenciais participantes e á súa formación en voluntariado. En concreto, ao longo deste ano, o departamento autonómico levou a cabo 5 cursos de iniciación ao voluntariado para persoas privadas de liberdade. Nesta formación participaron de xeito presencial 71 reclusos nos centros penitenciarios de Teixeiro (A Coruña), Monterroso (Lugo) e Pereiro de Aguiar (Ourense), así como nos Centros de inserción social (CIS) de Vigo e A Coruña.

A partir de agora, segundo explicou Mato, afróntase a segunda fase: a promoción do programa entre as entidades galegas; a xestión das solicitudes das que estean interesadas; e a selección do mellor candidato para cada actividade segundo o seu perfil.
Deste xeito, favorecerase a “reinserción social das persoas que cumpren condena, ao tempo que se sensibiliza á sociedade ante este colectivo e poténciase o labor das entidades a través da posta á súa disposición de voluntarios”

Plan galego de acción voluntaria
Mato subliñou que esta iniciativa “encaixa á perfección” cos obxectivos marcados no Plan galego de acción voluntaria 2011-2014, que xurdiu do diálogo e o consenso con máis de 800 entidades de acción voluntaria.

No ano e medio que leva en marcha este plan, xa se desenvolveron o 45 por cento das 89 medidas previstas, o que supuxo un investimento de máis de 2 millóns de euros. Unha das medidas máis destacadas é a posta en marcha do Servizo de voluntariado xuvenil, que comezou como proxecto piloto en 2011, e que este ano permitirá a 1.000 mozos e mozas galegas de entre 18 e 30 anos incorporarse aos proxectos de voluntariado que levan a cabo entidades e concellos de Galicia.

Ademais, estanse a desenvolver (entre outros), programas de: voluntariado de acompañamento a persoas con alzhéimer; acompañamento domiciliario e hospitalario a persoas tuteladas pola Funga; voluntariado ambiental e dixital; e un plan de formación que ten programados 21 cursos este ano cunha estimación de 6.000 beneficiarios.

A conselleira referiuse tamén a outro importante avance acadado nesta materia, como foi a aprobación de xeito unánime por parte do Parlamento da Lei de acción voluntaria a finais do pasado ano.

Este texto actualiza á normativa anterior, do ano 2000, e adáptase aos novos tempos e ás recomendacións da Unión Europea. Entre outros avances, regula por primeira vez a certificación oficial da actividade voluntaria para incorporala no currículo e aposta polo fomento das novas tecnoloxías.

En definitiva, rematou Mato, “a acción voluntaria permite ás persoas sentirse útiles e axuda a xerar valores moi positivos que favorecen ao conxunto da nosa sociedade. Uns valores que se multiplican cando falamos de persoas privadas de liberdade”.