Máis de 2.300 persoas beneficiáronse en 2011 dos programas de mobilidade postos en marcha por Xuventude

23 Xul 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos participantes en dous intercambios internacionais do programa de participación e mobilidade ‘Xuventude en Acción’ da Unión Europea en Vedra e Boqueixón

Ovidio Rodeiro lembrou que un dos nove eixos do Plan estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil, entendida como a adquisición de novas capacidades nun entorno cultural e social novo

Esta formación “deberá servir para a posterior posta en prácticas de novas ideas e novas formas de traballar”, ademais de outorgar un “plus curricular” aos mozos e mozas participantes MOBILIDADE

Máis de 2.300 mozos e mozas participaron en 2011 nos diferentes programas de mobilidade postos en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Destes, un total de 1.300 participaron no programa ‘Xuventude en Acción’, tanto nos 54 proxectos que se desenvolveron en Galicia como nos 13 intercambios no estranxeiro.

Así o salientou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, nas reunións que mantivo cos participantes en dous intercambios internacionais do programa de participación e mobilidade ‘Xuventude en Acción’ da Unión Europea. No primeiro deles, que se celebra en Vedra (A Coruña) organizado pola Asociación Casa dos Peóns, 25 mozos e mozas de Bulgaria, Portugal e Galicia que traballarán durante unha semana as relacións entre o patrimonio natural e artístico e o desenvolvemento social.

O intercambio de Boqueixón (A Coruña) está organizado pola Asociación Xuvenil Acción Voluntaria e conta coa participación de 30 mozos de Grecia, Bulgaria, Italia, República Checa e Galicia. O obxectivo desta iniciativa é o estudo dos programas de mobilidade como unha alternativa ó desemprego.

Ao respecto, Ovidio Rodeiro lembrou que un dos nove eixos do Plan estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil, entendida como “a adquisición de novas capacidades nun entorno cultural e social novo, tanto a través da formación regrada como dos propios procesos de educación non formal que conleva a participación neste programa”.

Así, esta formación “deberá servir para a posterior posta en prácticas de novas ideas e novas formas de traballar”, ademais de outorgar un “plus curricular” aos mozos e mozas participantes. Esta experiencias permiten tamén acadar un incremento da responsabilidade e da autonomía da mocidade.