Reforzo dos puntos de activación do Carné Xove

17 Xun 2021

A partir da vindeira semana, o Centro sociocomunitario de A Coruña e a Residencia Altamar de Vigo súmanse aos puntos de activación xa habilitados polo territorio galego. Deste xeito, serán 36 os lugares onde as mozas e mozos poderán activar o carné, 12 deles na provincia da Coruña, cinco en Lugo, sete en Ourense e 12 na provincia de Pontevedra. Con estas novas localizacións, o Goberno galego procura axilizar o servizo de activación desta iniciativa, que está a ter un grande éxito entre a mocidade.

Esta tarxeta, vixente desde hai máis de tres décadas en Galicia, é por primeira 100% gratuíta e ilimitada. Isto quere dicir que a Xunta de Galicia está a enviar de oficio o Carné Xove ao domicilio dos 400.000 galegos e galegas de entre 12 e 30 anos sen necesidade de solicitalo, de que paguen ningunha taxa nin tampouco de renovalo, posto que xa non ten data de caducidade como ata o de agora, senón que estará en vigor ata que a persoa cumpra os 31 anos.

Se as mozas e mozos xa tiñan o carné antes de que se lles enviara á casa, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e xa estará listo para utilizar. Aqueles que non tiñan Carné Xove con anterioridade, o que deberán facer é activalo nalgún dos puntos habilitados en toda a Comunidade para completar un número de identificación. Este é o único proceso que necesitarán facer para gozar de todas vantaxes do Carné Xove de xeito ilimitado ata o máximo de idade. É importante sinalar que o prazo para activalo, dun mes, é flexible.

Máis información sobre o carné xove en: http://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove

Reforzo dos puntos de activación do Carné Xove