A Xunta financia 86 propostas planificadas e protagonizadas pola mocidade ao amparo do programa Iniciativa Xove

04 Ago 2020

As axudas contan cun orzamento global de 400.000 euros e benefician directamente a 430 mozos/as como promotores/as dos proxectos.

Na concesión das subvencións deuse prioridade a iniciativas orientadas á posta en valor do Camiño do Santiago e a concienciar sobre o cambio climático, entre outra temáticas

A Xunta de Galicia financia, ao amparo do programa Iniciativa Xove, 86 proxectos liderados pola mocidade e nos cales as persoas novas son as protagonistas, a través da participación activa na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas. ElDiario Oficial de Galicia(DOG) publica hoxe a resolución das axudas que contan cun orzamento global de 400.000 euros e benefician directamente a 430 mozos/as como promotores das iniciativas.

O programa Iniciativa Xove diríxese tanto a organizacións xuvenís como a grupos informais de mozos e mozos que desexen realizar unha iniciativa xuvenil. Estes deberán estar formados por un mínimo de cinco e un máximo de oito persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. As asociacións e grupos informais beneficiarios destas achegas económicas terán un prazo de dez días para solicitar un anticipo do 80% da cantidade outorgada. O período para a realización dos proxectos comezou o 1 de xaneiro e finaliza o próximo 15 de outubro.

Este ano, como novidade, engadiuse como temática prioritaria os proxectos orientados á posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo; así como as iniciativas centradas na promoción de actitudes e hábitos sustentables e na concienciación sobre o cambio climático.

Tamén se deu prioridade aos proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade; a difusión de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil; a promoción de actitudes creativas e innovadoras; e o fomento da inclusión social e laboral, así como da accesibilidade dos mozos/as pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

Así mesmo, co programa Iniciativa Xove tamén se apoian proxectos vinculados ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC); o fomento da participación e empoderamento das mulleres novas; a posta en valor do patrimonio cultural e natural; e a dinamización do medio rural e da lingua galega entre a xente nova.

A Xunta de Galicia investiu preto de seis millóns de euros desde a posta en marcha do programa Iniciativa Xove no 2010. Este orzamento permitiu financiar máis de 1500 proxectos promovidos por mozos, sexa a través de asociacións e entidades xuvenís como de grupos informais. Así, neste tempo, as persoas beneficiarias directamente como promotores supera as 7500.