Melide acolle o sábado o programa Conecta de Xuventude que se centrará no deporte como un sector para o emprendemento

15 Xun 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe a iniciativa que se está a desenvolver por toda Galicia

A actividade, financiada polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal da UE, ofrece á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación

No sexto foro ‘Conecta’ que se celebra na Comunidade autónoma participarán persoas que fixeron do deporte o seu medio de vida, como o campión de España de Rallyes, Sergio Vallejo, ou o piloto de Moto 2, Daniel Rivas MELIDE

A sexta xornada do programa ‘Conecta’ celebrarase este sábado en Melide. Trátase dun espazo dirixido aos mozos e mozas onde terán a oportunidade de expoñer as súas inquedanzas, proxectos e actividades, fomentando un traballo en rede.

A iniciativa en Melide, segundo explicou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, xirará en torno ao deporte como un sector onde os mozos e mozas poden atopar oportunidades para emprender a través da participación xuvenil. Neste sentido, o responsable da área autonómica explicou que o deporte é “un medio apropiado” para conseguir valores de desenvolvemento persoal e social na mocidade, como afán de superación, integración, tolerancia, traballo en equipo e autodisciplina.

Trátase duns valores que se intentarán trasladar aos participantes de ‘Conecta’ a través de conferencias, debates ou obradoiros. Así, contarase coa colaboración de persoas que fixeron da súa paixón e do seu compromiso polo deporte o seu medio de vida. Ao respecto, Rodeiro avanzou que entre os poñentes destacan o campión de España de Rallyes, Sergio Vallejo, ou o piloto de Moto 2, Daniel Rivas.

Así mesmo, Rodeiro explicou que ‘Conecta’ estase a desenvolver en diferentes cidades e vilas de Galicia co obxectivo final de ofrecer á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación, así como fomentar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas. Neste senso, afirmou que a finalidade última deste programa forma parte dos eixos prioritarios de traballo da Estratexia Xuventude 2013 da Xunta.

Ademais, o responsable da área autonómica sinalou que ‘Conecta’ busca renovar o enfoque do traballo coa mocidade a través da animación e da dinamización como métodos para abordar as oportunidades dos mozos e mozas, unha liña de traballo pioneira en España. “O que pretendemos é fomentar e promover actividades de educación non formal para que a xuventude desenvolva as súas capacidades para emprender accións de participación social, creatividade, asociacionismo ou voluntariado”, apostilou.

Neste ámbito, Rodeiro explicou que para potenciar a educación non formal a Consellería de Traballo e Benestar puxo en marcha esta lexislatura un novo modelo de participación xuvenil a través dos programas Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil. “Estamos convencidos que a través da participación xuvenil e da responsabilidade persoal que leva implícita pódese desencadear nos mozos e mozas un verdadeiro proceso de educación non formal de gran utilidade para o futuro”, subliñou Rodeiro.

En definitiva, afirmou que con programas como ‘Conecta’ o que se intenta desde a Consellería de Traballo e Benestar é achegar á mocidade as capacidades da administración para poñer ao seu alcance os recursos e os programas da Xunta.

O sexto foro de ‘Conecta’
A actividade que terá lugar o sábado en Melide será o sexto foro ‘Conecta’ dos 10 que se realizarán por toda a xeografía galega. Son actividades de carácter sectorial. Así, en Santiago abordáronse as relacións entre a universidade e a empresa; en Vila de Cruces as oportunidades no rural galego; en Ferrol a formación para o emprego; en Burela o emprendemento no agro e no mar; e en Ribeira o sector do ocio e o tempo libre.