Máis dun cento de mozos participan hoxe en Ribeira no programa conecta de Xuventude centrado no emprendemento no eido do ocio

09 Xun 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou na mesa redonda ‘Administración e xuventude’, na que explicou a importancia das políticas dirixidas á mocidade

Na iniciativa tamén tomarán parte o primeiro piloto galego en competir en Fórmula 2, José Luís Abadín; o xornalista deportivo, Terio Carrera; o director da empresa Ilusións Máxicas, Xacobe Sanz; e o membro da Asociación Xuvenil Vella Escola de Noia, Pablo Castiñeiras

Ao longo da xornada levaranse a cabo diferentes actuacións como unha exhibición de breakdance e un obradoiro de graffiti, ao tempo que os participantes poderán gozar de actividades deportivas como a tirolina e o rapelBOIRO

O auditorio de Ribeira acolle hoxe un encontro dirixido á mocidade dentro do programa Conecta da Consellería de Traballo e Benestar que nesta ocasión está centrado no emprendemento no sector do ocio e do tempo libre. Na xornada, que se prolongará ao longo de todo o día, están a tomar parte máis dun cento de mozos e mozas e 15 asociacións da comarca do Barbanza.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou a iniciativa e, a continuación, participou na mesa redonda ‘Administración e xuventude’, xunto co alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, e a concelleira de Xuventude de Padrón, Carmen María Lois Ferrón.

Rodeiro expuxo a importancia das políticas dirixidas á mocidade que se levan a cabo desde as administracións, así como os proxectos e programas que desde a Dirección Xeral de Xuventude se están a desenvolver na actualidade.

Neste eido, destacou que os temas que afectan á xuventude non dependen dun só departamento da administración, senón que competen a todos eles. “De aí que a Xunta de Galicia aprobase para esta lexislatura a Estratexia Xuventude 2013, un Plan que obriga e compromete a todo o Goberno galego, para converter as políticas de xuventude nunha materia transversal que ocupa a todas as consellerías”, apuntou.

Así mesmo, afirmou que o Parlamento de Galicia ten previsto aprobar a próxima semana a primeira Lei de Xuventude de Galicia,” polo que poderemos dicir que se cumpre unha débeda histórica que a autonomía galega mantiña coa nosa mocidade “, precisou.

Así mesmo, o director de Xuventude, no seu relatorio, puxo como exemplo o programa ‘Conecta’, que se está a realizar en diferentes cidades e vilas de Galicia co obxectivo final de ofrecer á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación, así como fomentar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas. Neste senso, afirmou que a finalidade última deste programa forma parte dos eixos prioritarios de traballo da Estratexia Xuventude 2013 da Xunta.

Programación en Ribeira
En Ribeira, esta iniciativa está centrada no eido do tempo libre e, así, están programadas diferentes actividades relacionadas con este ámbito ao longo de toda a xornada. Pola mañá celebraranse relatorios sobre o tempo libre e a tecnoloxía e sobre o ocio na cultura urbana cunha exhibición de breakdance. Ademais, terá lugar a ponencia ‘Creando futuro’ na que tomarán parte o xornalista deportivo, Terio Carrera, e o primeiro piloto galego en competir en Fórmula 2, José Luís Abadín. A constancia e a dedicación serán as claves do relatorio onde os participantes darán a súa visión persoal dos pasos a seguir para emprender desde os diferentes ámbitos.

A tarde comezará coa mesa redonda ‘Fai do teu ocio o teu negocio’ na que tomarán parte o director da empresa Ilusións Máxicas, Xacobe Sanz, e o membro da Asociación Xuvenil Vella Escola de Noia, Pablo Castiñeiras. O emprendemento xuvenil desde a vocación é o tema central desta actividade onde cada un dos poñentes explicarán a súa experiencia profesional para iniciar un proxecto empresarial desde o ocio persoal.

A continuación celebrarase unha mostra de asociacións e ONG´s, que tamén se organizará pola mañá, así como obradoiros de graffiti, turntablism Dj e de beatbox. Así mesmo, terán lugar actividades deportivas de tirolina e rapel.

A xornada concluirá co relatorio ‘Viaxa con Europa’, onde se exporán as características básicas do programa Xuventude en Acción da Unión Europea. Farase un repaso das posibilidades que ofrece esta iniciativa para poder levar a cabo diferentes actividades e intercambios financiados pola Unión Europea. Como colofón haberá unha actuación de maxia.