O programa Conecta de Xuventude trasládase a Ribeira o sábado e centrarase no emprendemento no sector do oci

06 Xun 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe a iniciativa que se está a desenvolver por toda Galicia

A actividade, financiada polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal da UE, ofrece á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación

Rodeiro destacou a importancia do ámbito do tempo libre na Comunidade autónoma, xa que os mozos e mozas dedican un total de 21,8 horas semanais a actividades de lecer

Neste eido, resaltou que a Xunta puxo en marcha este ano un total de 16.500 prazas en diferentes programas de ocio alternativoRIBEIRA

A localidade de Ribeira acollerá este sábado a quinta xornada do programa ‘Conecta: Actívate en emprende’, un espazo dirixido aos mozos e mozas onde terán a oportunidade de expoñer as súas inquedanzas, proxectos e actividades, fomentando un traballo en rede.

A iniciativa en Ribeira centrarase no emprendemento xuvenil no sector do ocio e o tempo libre, tal e como anunciou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na presentación desta actividade que se financia a través do programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal da Unión Europea (POCTEC).

Na actividade participarán asociacións xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude, así como empresas de ocio e tempo libre, membros das administracións públicas e diferentes personalidades como José Luís Abadín, primeiro piloto galego en competir en Fórmula 2, Terio Carrea, xornalista deportivo, ou Xacobe Sanz, director da empresa Ilusións Máxicas, entre outros.

Rodeiro explicou que ‘Conecta’ estase a desenvolver en diferentes cidades e vilas de Galicia co obxectivo final de ofrecer á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación, así como fomentar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas. Neste senso, afirmou que a finalidade última deste programa forma parte dos eixos prioritarios de traballo da Estratexia Xuventude 2013 da Xunta.

Así mesmo, o responsable da área autonómica sinalou que ‘Conecta’ busca renovar o enfoque do traballo coa mocidade a través da animación e da dinamización como métodos para abordar as oportunidades dos mozos e mozas, unha liña de traballo pioneira en España. “O que pretendemos é fomentar e promover actividades de educación non formal para que a xuventude desenvolva as súas capacidades para emprender accións de participación social, creatividade, asociacionismo ou voluntariado”, apostilou.

Neste ámbito, Rodeiro explicou que para potenciar a educación non formal a Consellería de Traballo e Benestar puxo en marcha esta lexislatura un novo modelo de participación xuvenil a través dos programas Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil. “Estamos convencidos que a través da participación xuvenil e da responsabilidade persoal que leva implícita pódese desencadear nos mozos e mozas un verdadeiro proceso de educación non formal de gran utilidade para o futuro”, subliñou Rodeiro.

Por último, o director xeral de Xuventude destacou a importancia da temática que se abordará o sábado en Ribeira, o emprendemento no sector do tempo libre, xa que apuntou que segundo o estudo Xuventude Galega 2010, os mozos e mozas galegas dedican un total de 21,8 horas semanais a actividades de lecer.

Neste eido, ademais, a Administración autonómica puxo en marcha este ano un total de 16.500 prazas en diferentes programas de ocio alternativo e destacou que as 39 escolas de tempo libre galegas expediron en 2011 un total de 1.117 títulos, sendo desde o 2000 o ano con máis alumnos nestes centros.

“Coa posta en marcha de programas de ocio podemos desestacionalizar o labor das empresas especializadas neste sector, e, polo tanto, os monitores de tempo libre poderán atopar con máis facilidade un posto de traballo durante todo os meses do ano”, concluíu Rodeiro.

O quinto foro de ‘Conecta’
A actividade que terá lugar o sábado en Ribeira será o quinto foro ‘Conecta’ dos 10 que se realizarán por toda a xeografía galega. En Santiago abordáronse as relacións entre a universidade e a empresa; en Vila de Cruces as oportunidades no rural galego; en Ferrol a formación para o emprego; en en Burela o emprendemento no agro e no mar.