Xorde o Festival Virtual do Libro de Galicia, cuxa primeira edición nace coa intención de que “o libro e a literatura do país non fiquen parados polas circunstancias que vive o mundo”.
A primeira convocatoria celebrarase de maneira virtual entre os días 26 e 28 de xuño no portal web www.fliv.gal que será o punto de encontro deste novo festival literario.
O FLIV é un “punto de encontro virtual” que terá apartados para a literatura e as peregrinacións e fará un repaso por todos os xéneros literarios: novela, ensaio, poesía, teatro e literatura infantil e xuvenil, sen descontar o cómic ou a presenza doutras literaturas na literatura galega por medio da tradución.
No soportal do FLIV desenvolveranse distintas actividades relacionadas co libro: presentacións, debates, clubs de lectura e tamén encontros entre autores coa vantaxe, segundo explican os organizadores, de que “estes contidos permanecerán na web e seguirán sendo accesíbeis unha vez pasadas as datas do festival”.