A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Asociación Empresarial de Viseu apostan polas profesionais artesanais en risco de desaparecer
O programa ‘Xuventude Emprendedora en Europa (JE-EU)’ permitirá aos novos emprendedores atopar asesoramento para garantir a viabilidade da empresa que queira poñerse en marcha
O obxectivo é proporcionar as ferramentas necesarias a todos os mozos e mozas interesados en recibir en transferencia empresas xa creadas
O prazo de inscrición para presentar os proxectos ábrese mañá
A Consellería de Traballo e Benestar participará no proxecto ‘Xuventude Emprendedora en Europa (JE-EU)’ que ten como obxectivo promover entre a mocidade galega e portuguesa os oficios tradicionais e artesanais en risco de desaparecer por non atopar novos profesionais que consideren atractiva a súa continuidade como empresarios destes sectores. Así, mañá abrirase o prazo de inscrición para aqueles mozas e mozos que estean interesados en poñer en marcha as iniciativas para crear ou transferir unha idea empresarial.
Este programa, un proxecto conxunto entre a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Asociación Empresarial de Viseu, en Portugal, permitirá aos novos emprendedores atopar asesoramento en todos os trámites e pasos necesarios, tanto a nivel organizativo como de transferencia, para alcanzar un nivel óptimo de asentamento e viabilidade da empresa do seu interese.
A iniciativa está financiada pola Comisión Europea, a través do Programa de Aprendizaxe Permanente Leonardo da Vinci de Transferencia de Innovación e o seu obxectivo principal é proporcionar as ferramentas necesarias a todos os mozos e mozas interesados en recibir en transferencia empresas xa creadas. Unha iniciativa similar xa se realizou nas rexións de Lombardía e Toscana, en Italia, cun notable éxito de participación.
Unha vez que se teña a relación de participantes, haberá xornadas formativas para todos os proxectos e, cando se analice cada proposta, organizarase a posta en funcionamento e o programa de seguimento de cada actividade empresarial concreta.
En ‘Xuventude Emprendedora en Europa (JE-EU)’ tamén participan como colaboradores a Institución do distrito industrial da provincia de Arezzo, a Asociación Integra da Coruña e a consultoría Globaladamastor de Viseu. Toda información complementaria así como o formulario de inscrición e requisitos estará publicada na páxina www.xuventude.net, no apartado de programas europeos dentro do espazo dedicado a proxectos de Transferencia e Innovación.