Oportunidades para a mocidade no ámbito rural da UE

11 Mai 2020

As persoas mozas que viven en zonas rurais da Unión Europea teñen menos oportunidades que aquelas que viven en cidades.

Isto é unha evidencia provocada polos movementos cara a núcleos urbanos ou o paulatino envellecemento da poboación.

A Comisión Europea sinala que estes fenómenos teñen un impacto decisivo no acceso á educación, as perspectivas laborais ou a calidade dos servizos públicos, tales como a sanidade ou o transporte.

Segundo Eurostat o risco de pobreza aumenta a un ritmo superior no ámbito rural, onde afecta ao 27,1% da poboación, fronte ao 24,3% das cidades.

Por iso é fundamental garantir os dereitos das persoas mozas que viven nesta contorna, como reclama o Parlamento Rural Europeo da Mocidade, que se reuniu en Candás, Asturias, o pasado mes de novembro.

Alí púxose de manifesto a necesidade de asegurar uns servizos públicos de calidade, conectividade de datos e oportunidades de vivenda, así como de modernizar e adaptar o sector agrícola e gandeiro para facer fronte aos retos económicos, climáticos e sociais, apoiándose na investigación e o desenvolvemento.

Tamén se expuxeron problemas como a desigualdade de xénero, as dificultades ás que se enfrontan os emprendedores ou as agresións contra o medio ambiente.

Coa súa Declaración de Candás, os 70 mozos profesionais que forman o EYRP esixen un diálogo aberto entre os responsables da toma de decisións e a sociedade civil para impulsar as zonas rurais e garantir a igualdade de dereitos entre os seus mozos e os dos núcleos urbanos.

Esta declaración é o resultado de varias actividades de networking e de recollida de opinións levadas a cabo durante os últimos dous anos e o evento é a culminación dun encontro que reúne a máis de 70 mozos profesionais de 16 países.

Aquí podedes ver máis información e a Declaración: https://erp2019.eu/noticias/el-parlamento-rural-europeo-de-la-juventud-llama-a-la-accion/