Campaña EYID 2020

28 Abr 2020

Con motivo do Día Europeo da Información Xuvenil, a Axencia Europea de Información e Asesoramento Xuvenil, ERYICA, dá voz ás persoas mozas para que expresen a súa opinión acerca da emerxencia climática.

É un feito que o quecemento global está a afectar aos nosos ecosistemas e á forma en que vivimos, como alertan os científicos. Con todo, aínda hai líderes políticos que cuestionan ou negan o cambio climático.

Ao mesmo tempo, a desinformación e os bulos esténdense por Internet e as redes sociais.

Por iso, a mocidade decidiu poñerse á fronte da loita contra esta realidade e liderar as protestas contra a falta de acción a nivel global.

O obxectivo da campaña EYID 2020 é concienciar sobre a importancia de comprobar a veracidade dos feitos e prestar atención ás fontes de información. Tamén pretende animar ás persoas mozas a coñecer e compartir a realidade deste problema, así como apoiarlles na procura de formas de reducir o seu impacto no medio ambiente.

Trátase dun labor conxunto de ERYICA, os diferentes servizos de información xuvenil e a propia mocidade.

Ademais, ERYICA está a desenvolver, en coordinación con Eurodesk, unha publicación sobre servizos de información ecolóxicos para a mocidade, cuxo fin é explorar o papel dos servizos de información xuvenís no contexto da emerxencia climática, proporcionar consellos e exemplos de boas prácticas á hora de deseñar proxectos sostibles.

Espérase que este documento se publique oficialmente con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente da ONU, o 5 de xuño de 2020.

https://www.eryica.org/news/2020/3/31/european-youth-information-day-2020