Convertemos palabras en apertas

23 Abr 2020

O grupo de Correspondentes Xuvenís do IES Saturnino Montojo de Ferrol convidannos a participar na seguinte actividade:

"As persoas maiores son o grupo máis vulnerable ao virus COVID-19. Como o resto de cidadanía, están a gardar corentena: algunhas nos seus domicilios e outras en residencias. Malia que non todas as persoas viven o illamento da mesma maneira, hai quen non conta cunha rede de apoio que poida coidalas, aínda que sexa na distancia.

Os correspondentes, co noso espírito de voluntariado, propoñemos compartir palabras e agarimo contra a soidade. O contacto coa mocidade daralles ánimos para manter a súa moral elevada. A nós enriquecerannos coa súa experiencia e tamén nos permitirán sentirnos mellor.

Propoñemos as seguintes accións:

- Comprometernos a chamar periodicamente a anciáns da nosa contorna, familiares, amigos, veciños...
- Pedirlles que nos conten anécdotas felices das súas vidas; comentar con elas e eles temas que resulten interesantes (como era a escola antes, como é agora, que propostas teñen para mellorala; que opinan das novas tecnoloxías...)
- Contactar con residencias de maiores por se lles interesa que organicemos charlas cos residentes sobre temas do seu interese.
- Deseñar exercicios de memoria ou xogos para esquecer un pouco o drama que se está vivindo.
- Gravar vídeos ou audios con lecturas para entretelos.
Con esta última proposta podemos comezar hoxe co gallo do Día do Libro"