Aventuras no monte das artes, para familias

20 Abr 2020

A Xunta de Galicia pon en marcha esta semana na Cidade da Cultura o programa Aventuras no monte das artes, unha actividade en liña que achegará ás familias contidos para que a cativada explore as súas habilidades artísticas a través de xogos e divertidos desafíos. Trátase de ofrecer recursos culturais e de lecer neste momento de confinamento e no marco da campaña da Consellería de Cultura e Turismo #aculturasegue.

A través da personaxe a Raposa Fedella iráselles presentado ás familias –no Facebook, Instagram ou Twitter da Cidade da Cultura- desafíos e retos vencellados coa pintura, coa arquitectura, coa fotografía ou con outras disciplinas artísticas. O Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante do Museo Centro Gaiás deseñou este programa adaptando os contidos dun xeito pedagóxico para rapaces e rapazas de Educación primaria.

O obxecto é que esta aproximación ás artes sexa unha experiencia dinámica, estimulante e divertida na que os máis pequenos e pequenas poñan en práctica o seu enxeño e habelencias, á vez que lles supoña unha aproximación desde o xogo e as tecnoloxías.

https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/aventuras-no-monte-das-artes-resolve-os-retos-da-raposa-fedella