Xuventude xestiona este ano preto de 2.350 prazas en distintos programas de mobilidade para os mozos e mozas galegos

16 Abr 2012

VIGOO director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe en Vigo na presentación da campaña da Unión Europea “Son mozo, son europeo. Non me paro”

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en desenvolver un programa propio de mobilidade, denominado “Xuventude no mundo”

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, xestionará este ano preto de 2.350 prazas en distintos programas de mobilidade destinados aos mozos e mozas galegos.

Así o salientou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na presentación da campaña da Unión Europea “Son mozo, son europeo. Non me paro”. Esta iniciativa da UE ten como obxectivo poñer ao alcance da mocidade a información necesaria e os recursos europeos en materia de formación exterior.

Neste sentido, Rodeiro destacou que esta campaña “coincide plenamente” cos obxectivos da Administración autonómica en materia de xuventude. Ao respecto, lembrou que un dos nove eixos do Plan estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil, entendida como “a adquisición de novas capacidades nun entorno cultural e social novo, tanto a través da formación regrada como dos propios procesos de educación non formal que conleva a participación neste programa”.

Así, esta formación “deberá servir para a posterior posta en prácticas de novas ideas e novas formas de traballar”, ademais de outorgar un “plus curricular” aos mozos e mozas participantes. Esta experiencias permiten tamén acadar un incremento da responsabilidade e da autonomía da mocidade.

A área de xuventude do Goberno galego ten varios programas destinados a este fin: Galeuropa, Xuventude en acción, Imaxina atlántica, campos de traballo internacionais ou o Xuventude no mundo. Este último programa converteu a Galicia na primeira comunidade autónoma en desenvolver unha iniciativa propia de mobilidade.

Finalmente, Rodeiro valorou o esforzo desta campaña europea e adiantou que os recursos e medios de información xuvenil dependentes deste departamento autonómico axudarán a difundir esta campaña en Galicia.