Benestar organiza a primeira convocatoria do ‘Parlamento Xove’ dirixida en exclusiva a alumnos de Secundaria

16 Abr 2012

PARLAMENTO_XOVEEnmárcase dentro de terceira edición desta iniciativa, que se celebra desde o pasado mes de novembro e que inclúe tamén a alumnos de bacharelato

Nas edicións anteriores, os alumnos de Secundaria participaban xunto cos de bacharelato, pero decidiuse levar a cabo competicións paralelas para evitar problemas pola diferenza de idade

O tema de debate proposto para esta edición é a análise do papel da xuventude no contexto mundial actual

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organiza hoxe a primeira convocatoria do ‘Parlamento Xove’ dirixida en exclusiva aos alumnos de 3º e 4º de Educación Secundaria. Terá lugar no Centro Coordinador de Documentación e Información Xuvenil en Santiago.

Este concurso enmárcase na convocatoria xeral de ‘Parlamento Xove’, que está a celebrar a súa terceira edición desde o pasado mes de novembro e que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a xuventude galega.

Nesta terceira edición de ‘Parlamento Xove’, unha das novidades é esta competición paralela de carácter experimental para alumnos de 3º e 4º de ESO. Nas edicións anteriores, os alumnos de Secundaria participaban xunto cos de Bacharelato, pero decidiuse levar a cabo competicións paralelas para evitar problemas pola diferenza de idade.

Os equipos de alumnos de Secundaria que participan son cinco: o Colexio Filipense Sagrada Familia, de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra); o CPL Divino Maestro de Lugo; o IES Becerreá (Lugo); e o Colexio Internacional Sek Atlántico de Poio (Pontevedra), con dous equipos.

‘Parlamento Xove’ é unha competición entre centros de ensino da comunidade autónoma na que os participantes de cada equipo, formados por catro alumnos e un profesor, investigan, escriben e finalmente debaten sobre o tema proposto pola organización. Inclúese tamén a elaboración de artigos en blog e a realización dun dossier de investigación sobre o tema tratado.

O tema de debate proposto para esta edición é a análise do papel da xuventude no contexto mundial actual e a reflexión que se busca é se a mocidade vai cara un modelo máis participativo ou máis individualista.

Durante o mes de febreiro, un total de 28 equipos de 1º e 2º de bacharelato participaron nas xornadas preliminares, dos que 8 pasaron á fase final que descorreu o 17 de marzo no Parlamento de Galicia e no que o IES Laxeiro de Lalín (Pontevedra) quedou como gañador, recibindo como premio unha viaxe valorada en 6.000 euros.

Esta actividade contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas: competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita; e comprensión oral e escrita); competencia matemática, xa que nos debates se manexan datos e porcentaxes que avalan a argumentación; tratamento da información e competencia dixital; competencia social e cidadá, porque contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; competencia cultural e artística porque nos debates dialécticos esíxese o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e competencia para aprender a aprender e iniciativa persoal.

Xunto a esta fase experimental, outra novidade desta terceira edición de ‘Parlamento Xove’ foi a incorporación dunha nova fase de formación para todos os equipos inscritos, tanto de bacharelato como de ESO, que se desenvolveron en varias fins de semana de decembro e xaneiro en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Nestas xornadas de formación os alumnos participantes recibiron coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate.