O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presidiu hoxe a Comisión Interdepartamental de Xuventude na que fixo un balance das políticas desenvolvidas en 2011
A Consellería de Traballo e Benestar destinou ao redor de 81 millóns de euros ao fomento do emprego xuvenil en 2011, o 45% do orzamento total
No marco do Diálogo Social, de forma conxunta cos axentes sociais, foi consensuado o programa Forcon, pioneiro no Estado, e dirixido a mozas e mozos sen ou con baixa cualificación, que combina a formación en centros integrados cun contrato laboral dunha duración mínima de seis meses
No eido da mobilidade, este ano porase en marcha o programa ‘Galeuropa’, que vai ofrecer 200 novas prazas para realizar prácticas laborais en empresas de cinco países europeos e está previsto que dispoña dun orzamento de 530.000 euros
No marco da vivenda, grazas á redución de gravames impositivos, preto de 13.000 mozos e mozas aforraron máis de 23 millóns de euros nos dous últimos anos
Preto de 25.000 mozos e mozas beneficiáronse en 2011 das accións de fomento do emprego incluídas no Plan Estratéxico da Xuventude do Goberno galego, que contaron cun orzamento de ao redor de 81 millóns de euros, o 45% do total do plan. A esta cifra hai que engadir aos preto de 1.500 mozos e mozas que obtiveron axudas para darse de alta como autónomos.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presidiu hoxe a Comisión Interdepartamental de Xuventude, na que fixo un balance das políticas desenvolvidas en 2011 no marco desta Estratexia.
As medidas encamiñadas a incentivar o emprego de maneira directa, a través de axudas a contratación, permitiron a contratación indefinida de preto de 2.000 mozos e mozas, así como a contratación temporal de mozos e mozas en situación de risco de exclusión social; e de maneira indirecta, a través do apoio á realización de prácticas en centros de traballo.
Ovidio Rodeiro indicou que tamén, a través dos programas de cooperación con entidades locais e outros organismos das administracións públicas, como universidades e entidades sen ánimo de lucro, facilitouse a contratación de preto de 2.300 mozos e mozas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. A estas cifras súmanse os 2.000 mozos e mozas con algún tipo de discapacidade
No eido da formación cómpre salientar que máis de 17.000 mozos e mozas galegos teñen participado nalgún dos programas formativos da Consellería que teñen como finalidade facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.
Neste eido destaca o programa Forcon, consensuado no marco do Diálogo Social, de forma conxunta cos axentes sociais, un proxecto pioneiro no Estado, dirixido a mozas e mozos sen ou con baixa cualificación, que combina a formación en centros integrados cun contrato laboral dunha duración mínima de seis meses, e conta en 2012 cun orzamento de 1,4 millóns de euros aos que se suman os preto de 1,6 millóns de euros destinados a incentivos á contratacións realizadas dentro deste programa.
Tamén co obxectivo de mellorar a empregabilidade, nos próximos días se porá en marcha unha nova liña de subvención parcial para a obtención do carné de conducir, que vai acompañada dun curso complementario de responsabilidade na condución. Unha iniciativa que conta cun orzamento de 200.000 euros, que se repartirán en axudas de 200 euros para 1.000 mozos e mozas.
Plan “Xuventude 2013”
Ovidio Rodeiro engadiu que o plan ‘Xuventude 2013: una estratexia para a mocidade galega’ contempla medidas transversais que implican a todo o Goberno que ten investido en dous anos máis de 480 millóns de euros para este colectivo, dos que a metade foron destinados ao emprego, e que se compón de 286 medidas, das que xa están en marcha o 95%.
Ademais do eido laboral e formativo, o plan conta con outras medidas de apoio á mocidade, tales como as axudas directas para o aluguer, a compra ou a rehabilitación de vivendas, das que se beneficiaron máis de 24.000 persoas en 2011; e a redución de gravames impositivos, grazas ao que preto de 13.000 mozos e mozas aforraron máis de 23 millóns de euros nos dous últimos anos.
No referente á mobilidade, os programas desta área teñen máis de 2.300 prazas. Unha oferta que repetirase este ano e ampliarase co novo programa ‘Galeuropa’, que vai ofrecer 200 novas prazas para realizar prácticas laborais en empresas de cinco países europeos e está previsto que dispoña dun orzamento de 530.000 euros.
Esta estratexia complétase con outras iniciativas, como o compromiso co voluntariado a través da Lei de Acción Voluntaria de Galicia aprobada por unanimidade o pasado mes de novembro e que garante que os voluntarios reciban unha certificación oficial que acredite a súa experiencia; o Plan Estratéxico de Acción Voluntaria, que recolle 89 accións para promover o voluntariado; ou o Servizo de Voluntariado Xuvenil, que o pasado ano permitiu a 150 voluntarios participar en 50 proxectos.