Convocada a XVIII edición do premio ‘Euroscola’, un concurso ‘online’ sobre asuntos europeos

22 Feb 2012
  • O prazo de inscrición está aberto ata o 1 de marzo e toda a información se pode atopar en ‘www.xuventude.net’
  • Para participar é necesario inscribirse por equipos, formados por 10 alumnos e un profesor que é o líder
  • A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado premiará ao equipo gañador de Galicia cunha estancia dunha semana no Albergue Xuvenil de Gandarío, na provincia da Coruña

EUROESCOLA2012

A Oficina de Información do Parlamento Europeo en España convoca a XVIII edición do concurso ‘Euroscola’, destinado a mozos e mozas de entre 15 e 18 anos de idade, que estudan ensinanza secundaria obrigatoria, bacharelato ou ciclos de formación profesional de grao medio en centros españois.

Para participar é necesario inscribirse por equipos, formados por 10 alumnos e un profesor que é o líder.O prazo de inscrición está aberto ata o 1 de marzo e toda a información se pode atopar en ‘www.xuventude.net’.

Trátase dun xogo ‘online’ de habilidades, participación, traballo en equipo, destrezas e coñecementos, vinculado a temas de gran transcendencia europea. Por cada comunidade autónoma haberá un finalista. Os 9 equipos mellor clasificados de entre todos os finalistas serán os gañadores do premio. Cada gañador debe ser dunha comunidade autónoma diferente.

Os gañadores obtén como premio principal a participación no Programa Euroscola do Parlamento Europeo en Estrasburgo, no que participan grupos de profesores e mozos e mozas dos 27 países membros da Unión Europea. Pola súa banda a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado premiará ao equipo gañador de Galicia cunha estancia dunha semana no Albergue Xuvenil de Gandarío (A Coruña).

Na edición deste ano, coincidindo coa celebración do 25 aniversario do Programa Erasmus e do Ano Europeo do envellecemento activo e a solidariedade interxeneracional 2012, o tema central será dar a coñecer as oportunidades que brindan os programas europeos de intercambio educativo, destacar a importancia da aprendizaxe ao longo de toda a vida (aprendizaxe permanente) e fomentar a solidariedade entre xeneracións.

Do mesmo xeito, o concurso fomenta o uso de Internet como ferramenta educativa, informativa e comunicativa e a aprendizaxe doutra lingua, fundamental para conseguir unha Europa unida. Por iso o xogo desenvolveuse en dúas versións lingüísticas, castelán e inglés. Os participantes puideron optar a calquera dos dous idiomas.

O coñecemento doutras linguas europeas por parte dos participantes é moi importante porque os gañadores que viaxen no programa ‘Euroscola’ a Estrasburgo deberán integrarse en reunións de comisións parlamentarias, as que se desenvolverán en inglés ou francés e nas que non haberá intérpretes.

Hai que destacar que o concurso ‘Euroscola’ é un proxecto pedagóxico de ‘Educación en valores’. Os puntos que decidiron os gañadores obtivéronse a través de traballos que foron o resultado da reflexión dos alumnos e das súas propostas orixinais e documentadas.

‘Euroscola’ conta coa colaboración da Representación en España da Comisión Europea, das entidades e institucións relacionadas co tema do concurso, os organismos de educación e xuventude da grande parte das Comunidades Autónomas e das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla.