O Circuíto da Creatividade de Xuventude regresa a Ourense cunha exposición de artes plásticas e videocreación de 14 mozos e mozas

15 Feb 2012
  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a mostra que estará no Espazo Xove de Ourense ata o próximo 13 de marzo
  • A iniciativa trasladarase no mes de abril ata Verín, coincidindo coa inauguración da Oficina Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal para a mocidade
  • Esta actuación, que comezou a súa andaina en xuño de 2011, ten por obxecto dar a coñecer por toda Galicia e Portugal as obras dos gañadores do certame galego de creadores novos

circuitocreatividadexuventudeO Circuíto da Creatividade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado regresa a Ourense cunha exposición de artes plásticas e videocreación que se inaugurou hoxe no Espazo Xove da localidade ourensá.

O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, presidiu hoxe o acto de apertura da mostra que permanecerá na cidade ata o próximo 13 de marzo. Os autores que expoñen os traballos son un total de 14 mozos e mozas. Posteriormente, no mes de abril, esta iniciativa desprazarase ata Verín, coincidindo coa inauguración da Oficina Transfronteiriza Galicia-Norte Portugal para mozos e mozas.

Rodeiro lembrou que o Circuíto da Creatividade comezou a súa andaina en xuño de 2011 coa finalidade de dar a coñecer por toda Galicia e Portugal as obras dos gañadores do certame galego de creadores novos, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar. Desde entón, o Circuíto da Creatividade xa percorreu, entre outras, as localidades da Coruña, Betanzos, Lalín, Vilagarcía e Tui, e Porto en Portugal.

O director xeral de Xuventude tamén destacou que o prazo de inscrición para anotarse ao programa Estancias Creativas, que está enmarcado dentro do Circuíto da Creatividade, rematará a finais deste mes.

Explicou que esta iniciativa está dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos e conta cun total de 150 prazas para que poidan participar en actividades creativas de fin de semana. As estadías teñen lugar no Albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo) e no Complexo residencial xuvenil LUG II (Lugo) en oito fins de semana durante os meses de febreiro ata xuño.

En cada fin de semana o número de prazas é de 20, un total de 10 por cada especialidade (menos unha que terá dez prazas): relato breve, poesía, graffiti, banda deseñada, videocreación, webcreación, creación DJ, baile, música, pintura, escultura, teatro, danza e expresión, cartelería e fotografía creativa.

Como remate das estancias, no mes de xuño, está prevista unha creación multidisciplinar por parte de todos os participantes.

As estancias inclúen o aloxamento, a manutención e os materiais básicos para a intervención artística e para a realización do traballo artístico. Os participantes contan como monitores de apoio a artistas profesionais en cada unha das modalidades.

As estadías creativas nas modalidades de relato breve e poesía tiveron lugar do 9 ao 11 de febreiro. Os participantes reflectiron os seus traballos nun marca páxina xigante e levaron a cabo exposicións públicas polas rúas da cidade da Coruña e da localidade de Cambre.