Benestar colabora coa Universidade de Santiago no primeiro Máster universitario especializado en xuventude e sociedade

09 Feb 2012

master_ovidioA Consellería de Traballo e Benestar colabora coa Universidade de Santiago no primeiro máster universitario especializado en xuventude e sociedade que se celebra en Galicia.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe como relator neste máster do que están a participar 25 alumnos e alumnas. No seu relatorio, titulado ‘Recursos e políticas públicas da xuventude en Galicia’, Rodeiro incidiu no impulso lexislativo que o Goberno galego realizou nos dos últimos anos para “modernizar, unificar e clarificar” a normativa autonómica en materia de xuventude.

Así, destacou que recentemente o Consello da Xunta aprobou a primeira Lei de Xuventude de Galicia que, segundo resaltou, garante a transversalidade e a coordinación entre os distintos departamentos da Xunta nas políticas dirixidas á mocidade. Entre outros aspectos, a normativa establece que os plans estratéxicos da Xunta sexan obrigatorios en cada lexislatura e que se tramiten como acordos no Consello da Xunta; e garante a participación dos mozos e mozas nas políticas públicas de xuventude, ao establecer un novo sistema de representación, coa incorporación e participación de todas as asociacións xuvenís no Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia.

Rodeiro, ademais, lembrou que o pasado mes de decembro se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia a Lei de Acción Voluntaria de Galicia, que lexisla a participación dos mozos e mozas en actividades de voluntariado. Con respecto a esta normativa, o director xeral resaltou a institucionalización da figura do voluntario xuvenil, xa que poderá recibir certificacións oficiais que demostren a experiencia adquirida a través da acción voluntaria.

Por último, Rodeiro referiuse á adaptación do decreto en materia de xuventude á directiva europea, que permitirá axilizar de 6 a 2 meses a tramitación de actividades vinculadas á mocidade. Neste senso, explicou que simplificaranse e flexibilizaranse os procedementos para recoñecer as distintas tipoloxías de instalacións e axilizaranse as expedicións dos títulos de monitores e directores de tempo libre, así como a homologación doutros títulos expedidos por órganos doutras comunidades autónomas ou de estados membros da Unión Europea.