A primeira Lei da Xuventude de Galicia aposta pola participación Xuvenil e garante a coordinación das políticas dirixidas á mocidade

02 Feb 2012
  • Unha das características máis salientables do anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia é o cambio do actual modelo de participación xuvenil cara “un verdadeiro” sistema de representación da mocidade
  • O novo texto facilita a incorporación de todas as asociacións xuvenís ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude xa que se elimina o requisito actual polo que unha asociación non podía formar parte deste órgano sen contar co visto e prace das entidades preponderantes
  • O Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia, como instrumento de planificación plurianual, considérase un elemento de gran importancia para a toma de decisións a medio prazo e pasará a ter un carácter vinculante, xa que se deberá aprobar por acordo do Consello da Xunta

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia, que responde a unha débeda pendente coa mocidade galega, xa que desde a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia no ano 1981, houbo varias tentativas de aprobar unha Lei para a xuventude, sen que chegasen a obter ningún resultado.

O anteproxecto da Lei de Xuventude de Galicia, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar, garantirá a transversalidade administrativa das políticas da Xunta dirixidas á mocidade. O texto lexisla a acción unitaria de goberno e a coordinación dos diferentes departamentos da Administración á hora de poñer en práctica medidas que afecten á xuventude. Esta planificación das políticas de mocidade efectuarase a través da elaboración en cada lexislatura dun Plan Estratéxico de Xuventude, que pasará a ter un carácter vinculante, xa que se deberá tramitar como acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Nesta materia, é necesario reforzar a transversalidade e coordinación das políticas públicas destinadas á xuventude. Deste xeito, o anteproxecto de Lei conta con dez eixos básicos vinculados ás directrices europeas en materia de xuventude e que deben ser potenciados a través da coordinación entre todos os axentes implicados. Estes eixos relaciónanse coa educación; emprego; creatividade e espírito emprendedor; vivenda; saúde e deporte; participación e asociacionismo; voluntariado; información e formación; mobilidade e turismo xuvenil; e normalización lingüística.

Ademais a nova Lei crea dous instrumentos que farán posible a consecución dos obxectivos de unificar a normativa e reforzar a transversalidade das políticas de mocidade: o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia e o Comité de Políticas de Xuventude de Galicia.

Unha das características máis salientables do anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia é o cambio do actual modelo de participación xuvenil cara “un verdadeiro” sistema de representación da mocidade. O texto propón a creación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, un órgano colexiado, independente e aberto a todas as asociacións xuvenís, que reforza e impulsa a participación da mocidade e da sociedade civil nos temas de interese para a xuventude.

Precisamente, o novo texto facilita a incorporación de todas as asociacións xuvenís ao Consello, xa que se elimina o requisito actual polo que unha asociación non podía formar parte deste órgano sen contar co visto e prace das entidades preponderantes. Tamén se facilita e se promove a creación dos consellos locais de xuventude, co obxectivo de achegar o novo modelo de participación e dar máis protagonismo aos concellos. As asociacións xuvenís e máis os consellos locais terán garantido con este anteproxecto unha representación de, polo menos, o 51% dos votos no Consello.

Ademais de fomentar a participación xuvenil, o anteproxecto tamén dota de máis competencias ao Consello, ao asumir este as funcións do Observatorio Galego de Xuventude, que na actualidade depende directamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O texto tamén contempla a creación da Escola Galega de Xuventude como órgano especializado na educación non formal relacionada coa mocidade. Esta escola velará polo nivel técnico das ensinanzas impartidas polas escolas de tempo libre, ademais de avaliar e conformar os cursos que impartan. Tamén elaborará a programación anual de cursos e actividades formativas para que teñan un carácter estratéxico e innovador, e emitir os informes e realizar os estudos que se lle soliciten.

Instituto da Xuventude

Outra das características desta Lei é a creación do Instituto da Xuventude de Galicia, como órgano técnico especializado, adscrito ao órgano directivo competente en materia de xuventude, e que terá como misión a materialización dos principios de información á xente nova, formación continua en materia de mocidade e asesoramento técnico en políticas públicas de xuventude. A posta en marcha do Instituto non suporá a creación dun novo ente administrativo, senón que terá unha configuración orgánica co nivel de subdirección xeral.

As funcións do Instituto da Xuventude de Galicia serán a planificación e supervisión das actividades formativas desenvolvidas pola Escola Galega de Xuventude; a planificación, promoción, organización e coordinación de actividades destinadas á xuventude, directamente ou en colaboración con asociacións xuvenís ou outras Administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados; a coordinación, vixilancia e rexistro das instalacións xuvenís; e a coordinación da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia, entre outras.

Ademais inclúe a coordinación das axudas para o acceso da xente nova a determinados bens e servizos a través do carné xove, entre outros instrumentos; o fomento e a promoción de intercambios e mobilidade dos mozos e mozas con outras comunidades autónomas e países estranxeiros; a emisión de cantos informes lle sexan solicitados polo departamento de adscrición; e todas cantas lle sexan atribuídas expresamente por disposicións de carácter legal ou regulamentario.

De outra banda, o texto lexislativo tamén dá resposta á necesidade técnica de unificar e harmonizar toda a normativa anterior, antes dispersa. Así, a futura Lei derrogará a actual regulación do Consello da Xuventude de Galicia e o Decreto polo que se creou o Observatorio da Xuventude de Galicia.

Achegas da sociedade

Máis de 1.500 persoas, na súa gran maioría mozos e mozas de asociacións e grupos informais, participaron nos 39 foros de debate e encontros organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, para difundir e debater o texto do anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia.

Ademais, a información sobre esta Lei foi tamén enviada a todos os concellos da Galicia, ás asociacións xuvenís, as escolas de tempo libre, aos 20.000 mozos e mozas da base de datos de usuarios dos programas de Xuventude e aos 6.000 seguidores dos perfís da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado nas redes sociais Facebook, Tuenti e Twiter.