Representantes de nove países europeos elaborarán unha guía de boas prácticas en voluntariado nun seminario en Santiago

26 Nov 2011

REPRESENTANTESRepresentantes de nove países europeos reuniranse desde hoxe e ata o 30 de novembro en Santiago no seminario internacional de voluntariado ‘Camiños da Solidariedade’ onde terán a oportunidade de expoñer as súas experiencias, logros e propostas no campo do voluntariado. O seminario tamén ten como obxectivo elaborar un manual de boas prácticas na organización e xestión de actividades voluntarias.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe o seminario e explicou que este “intenta ser un foro de discusión, debate e experimentación de métodos de traballo na área da educación non formal, buscando unha participación activa de todos os participantes”.

Rodeiro apuntou que a metodoloxía de traballo está baseada nun equilibrio entre a teoría e a práctica na que se empregarán “diferentes recursos didácticos así como exposicións, traballo en grupos pequenos, debates, comunicacións baseadas nas experiencias persoais, reflexión, intercambio de experiencias e espazos de libre expresión”.

As actividades do seminario incluirán presentacións preparadas por cada organización nas que mostrarán as accións desenvolvidas no Ano Europeo de Voluntariado no seu país e o impacto que tiveron, abordarán a organización e experiencias de voluntariado, así como a situación do voluntariado en cada país.

Froito de este traballo os participantes, que proceden de Irlanda, Estonia, Noruega, Italia, Romanía, Grecia, Alemaña e Portugal, redactarán un manual de boas prácticas na organización e xestión de actividades de voluntariado que será útil para os participantes e para calquera organización dun xeito efectivo. De feito, enviarase a todos os participantes o documento final e publicarase na web ‘'www.voluntariadogalego.org' para que sexa accesible a calquera organización.

O seminario documentarase visualmente con fotos das dinámicas, vídeos dalgunhas sesións e conclusións para difundir este material entre outras persoas e asociacións que se poidan beneficiar desta experiencia.

Todas as participantes son entidades que estiveron presentes tamén no proxecto ‘EU Camiño’ no que voluntarios europeos prestaron a súa axuda aos peregrinos, e teñen moita experiencia no campo do voluntariado, a nivel local, nacional e europeo, especialmente coa mocidade, pero tamén con outros proxectos de voluntariado e cunha traxectoria europea. De cada organización participará un coordinador de proxectos de voluntariado e un voluntario ou ex voluntario.

Como colofón do seminario, os integrantes participarán no primeiro día do Congreso Estatal de Voluntariado, que terá lugar os próximos 29 e 30 de novembro e 1 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) e reunirá a mais dun millar de participantes de toda España. Este congreso será clausurado o xoves día 1 de decembro polas súas altezas reais os Príncipes de Asturias.

Este Congreso estatal será o broche de ouro que pechará as actividades do Ano Europeo do Voluntariado en España e dará a testemuña ao País Vasco, que será a Comunidade encargada de organizar a XV edición deste evento.