Lucía Molares visita o ‘Trailer da solidariedade’, que chega hoxe ao campus universitario de Vigo para promocionar o voluntariado galego

04 Out 2011

vigoA delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, realizou esta mañá unha visita ao ‘Tráiler da Solidariedade’ que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a levar polas principais cidades galegas.

Dende hoxe e ata o vindeiro venres 7 de outubro, este bus solidario estará estacionado na Praza Miralles do Campus Universitario As Lagoas-Marcosende para que tanto as administracións públicas coma as entidades de acción voluntaria poidan amosar os proxectos que se están a desenvolver en materia de voluntariado, co obxectivo de dar a coñecer a todos os galegos e galegas a realidade do voluntariado en Galicia.

Lucía Molares coñeceu de primeira man todos os traballos que se expoñen neste bus e resaltou o feito de que “exista un espazo de promoción do voluntariado galego que percorra toda a xeografía galega co fin de amosar as actividades e accións que este tipo de asociacións e colectivos poñen en marcha”.

O “Tráiler da Solidariedade”, que se puxo en marcha o pasado 25 de xullo en Lugo, levará a cabo unha campaña de promoción do voluntariado galego, dentro da ampla programación que está organizando a Xunta con motivo deste Ano Europeo do Voluntariado en 2011.

De feito, e coma recordou Molares, Galicia acollerá este ano –como punto e final a toda a programación- o XIV Congreso Estatal de Voluntariado que se celebrará na Coruña a finais de novembro baixo o lema “Camiños de Solidariedade”.

O Congreso contará coa asistencia de personalidades da Unión Europea e de entidades de voluntariado de varios países europeos, así como con diversas mesas redondas e cun apartado de colaboración e boas prácticas para as entidades participantes.

Este bus solidario, tras o seu paso por Lugo, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo, chegará a Ourense, onde permanecerá ata o 14 de outubro.