• Esta iniciativa estivo estruturada en dúas fases que buscaron o enriquecemento e o desenvolvemento de habilidades directivas, centradas no liderado, a motivación, a comunicación, a xestión de emocións e a organización propia e produtiva dos colaboradores
  • Cecilia Vázquez destacou a heteroxeneidade de perfís, xa que “permitiu unha gran retroalimentación de ideas dende puntos de vista moi diferentes, o que incrementou e potenciou as diferentes capacidades de cada un dos participantes”

imaxe lideres do futuroOs 31 mozos e mozas finalistas do programa formativo de educación non formal Líderes de Futuro, organizado pola Consellería de Política Social, recibiron hoxe os seus diplomas da man da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez. Os participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, están inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil; ou ben son líderes de grupos xuvenís que participaron en proxectos de educación non formal; ou ben teñen emprendido algunha actividade profesional por conta propia no ano 2015.

A directora xeral destacou esta heteroxeneidade de perfís, xa que “permitiu unha gran retroalimentación de ideas dende puntos de vista moi diferentes, o que incrementou e potenciou as diferentes capacidades de cada un dos participantes”. Cecilia Vázquez tamén afirmou que “este programa ofreceu a oportunidade de mellorar de xeito individualizado as habilidades para ensaiar e liderar un proxecto que facilite a empregabilidade, a través do desenvolvemento de habilidades persoais e directivas”.

Líderes de Futuro estivo estruturado en dúas fases que buscaron o enriquecemento e o desenvolvemento de habilidades directivas, centradas no liderado, a motivación, a comunicación, a xestión de emocións e a organización propia e produtiva dos colaboradores.

A primeira fase abrangueu tres etapas nos meses de febreiro e marzo. A primeira delas, correspondeu ao seminario “Liderar na xuventude. Motivación para o éxito”, dividido en dúas sesións de catro horas. A segunda abrangueu tres obradoiros: “Sacar o máximo partido do meu estilo de comunicación”, “A xestión de emocións con intelixencia” e “A organización: sacando o máximo partido dos meus colaboradores e de min mesma/o”.

Durante o desenvolvemento destas etapas, fíxose unha avaliación sistemática e continua de cada participante e en función dos resultados, 25 deles pasaron á segunda fase do programa baseada na mentorización e coaching personalizado. Mediante esta actividade desenvolveron as habilidades adquiridas ao longo das sesións xa realizadas.

Os mentores acompañarán a cada alumno na consecución dos seus obxectivos particulares, axudándolles a planificar os seus pasos e completar o camiño de mellora e crecemento profesional. Este proceso facilitou a aprendizaxe dos participantes e promoveu cambios cognitivos, emocionais e de conduta. Estas sesións de coaching personalizado tiveron lugar no mes de abril e na primeira semana de maio.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, recordou hoxe que a Consellería de Política Social mantén aberto os prazos para a participación de mozos e mozas de entre 18 e 30 anos nos programas de mobilidade Galeuropa e Campos de Traballo. Vázquez Suárez fixo este recordatorio durante a súa participación na clausura da Conferencia de Abegondo do proxecto On Tour for Europe. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo Europe for Citizens 2014-2020, que pretende fortalecer unha rede de cooperación entre as cidades participantes en temas vinculados á migración, os dereitos humanos e a cidadanía activa. Nel participan representantes de institucións e de entidades procedentes de Bélxica, Francia, Alemaña, Italia, Lituania, Países Baixos, Reino Unido e España.


A titular autonómica asegurou que o fomento da mobilidade xuvenil en Europa é un dos eixes preferentes do Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016, xa que “as políticas máis modernas de Europa teñen a mobilidade como un dos instrumentos para que os mozos e mozas poidan adquirir novas capacidades e competencias, ampliando deste xeito o currículo a través dunha experiencia internacional”.


O programa Galeuropa enmárcase no Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo e ten por obxecto a concesión de axudas para a realización de prácticas formativas de entre 8 e 16 semanas en entidades ou empresas públicas ou privadas de 31 países europeos. Este programa conta cun orzamento de 2 millóns de euros que permitirá sufragar en torno a 500 mobilidades. O prazo de solicitudes está aberto ata o 9 de maio.


Pola súa banda, os Campos de Traballo para este verán contan con 588 prazas de acollida, nos 24 campos que se organizan en Galicia, e outras 370 de partida. Deste xeito, os mozos e mozas galegos poden participar tanto nos Campos de traballo galegos como nos que teñen lugar noutras comunidades autónomas (para os que se ofrecen 120 prazas), e nos que se celebran en 31 países de todo o mundo (250 prazas).


Os Campos de Traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade. Son accións voluntarias, que os rapaces e rapazas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade. Tamén promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade e fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países e viceversa.