xaponwakayamaNo marco do programa “A Xuventude no mundo”, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social convoca un intercambio á Prefectura de Wakayama (Xapón), ao abeiro das relacións bilaterais entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama.

Obxectivos: facilitar o coñecemento doutras realidades sociocultural e lingüísticas para a comprensión da diversidade cultural e  favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal.
A cultura galega e a cultura xaponesa son dúas culturas moi distintas pero unidas por un vínculo: existen soamente dous camiños no mundo recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano Kodo.

Datas de realización do intercambio: do 4 ao 11 de xullo de 2016
O 4 de xullo todos/as os/as participantes seleccionados/as deberán estar en Wakayama
Prazas: 15 (acompañados/as dun monitor)
Destinatarios: mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade no momento de celebrarse o intercambio.
Prazo de inscrición: do 26 de abril ao 2 de maio de 2016.
Inscrición:
mediante envío de formulario electrónico dentro do prazo establecido. Só se admitirá unha solicitude por participante.
Os erros nos datos facilitados na solicitude de participación ou a omisión dalgún deles pode ocasionar a desestimación da solicitude
Admisión: será por rigoroso orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio. Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, de non recibir comunicación nos tres  días seguintes, entenderase que non obtivo praza para o intercambio.

Confirmada a praza nos 4 días (naturais) seguintes os/as seleccionadas deberán remitir amobilidadexuvenil@xunta.es:
- unha copia do billete de transporte adquirido para desprazarse ata a cidade do país do intercambio. Non é documento válido a reserva de voo
- unha copia do seguro de viaxe, de accidentes e  de enfermidade
A non remisión destes documentos no prazo establecido supón a perda da praza no intercambio.
De darse baixas despois de ter sido adxudicadas as prazas, ofertaránselle  aos seguintes da lista de espera, tendo que presentar estes o billete e a documentación nos 4 días (naturais) seguintes da comunicación.
De ser o caso de que o billete de transporte adquirido fose anulado posteriormente a súa remisión á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a praza para o intercambio será anulada e considerada non adxudicada.
Recibidos correctamente as copias dos documentos requiridos, posteriormente aos seleccionados seralles facilitado o nome do coordinador que acompañará ao grupo, así como o lugar de encontro no lugar de celebración do intercambio
Realizaranse o intercambio se existe un mínimo da metade das prazas convocadas para cada intercambio.
Os /as mozos/as seleccionados/as serán convocados a unha reunión preparatoria do intercambio previo ao inicio do intercambio, no día e lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A asistencia será obrigatoria, agás causa de forza maior debidamente xustificada. A data de celebración desta reunión será comunicada con antelación suficiente.

Cobertura do intercambio
- Aloxamento  en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple
- Trasporte no ámbito do intercambio
- Actividades organizadas pola entidade de acollida
- 3 días de estancia con familias xaponesas
Será a cargo do/a participante:
- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio
- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e  de enfermidade

Estancias con familias xaponesas
Os/as participantes neste intercambio adquiren o compromiso de acoller no seu domicilio particular en Galicia durante 3 días a 2 mozos ou mozas xaponeses/as, cando se realice o intercambio de acollida en Galicia durante o 2017.
Recomendación de aeroporto máis preto para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio:
Wakayama (Xapón): Aeroporto de Kansai

Máis información:
Subactividades-xuventude.ctb@xunta.es
981 544 645 e 981 544 869

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

  • Os destinatarios desta experiencia son mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. O intercambio realizarase entre o 4 e o 11 de xullo de 2016
  • Os participantes terán a oportunidade de coñecer a cultura, costumes e lingua do país nipón, ademais de convivir cunha familia xaponesa de acollida
  • Esta será o duodécimo intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama dende o ano 2010, dúas rexións irmanadas dende o ano 1988
  • Os intercambios xuvenís permiten aos mozos e mozas participantes desenvolver habilidades, competencias e coñecementos, descubrir novas culturas, tradicións, costumes e estilos de vida, sobre todo a través da aprendizaxe entre iguais

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social convoca, no marco do programa de mobilidade “A Xuventude no mundo”, un intercambio á Prefectura de Wakayama (Xapón) que se desenvolverá entre o 4 e o 11 de xullo de 2016. Durante esa semana, os mozos e mozas galegos coñecerán a cultura e lingua xaponesa, as súas costumes, terán a oportunidade de interactuar coa mocidade xaponesa en distintas actividades e durante os tres últimos días convivirán con familias xaponesas de acollida.

O número de prazas convocadas son 15 e os/as destinatarios/as desta iniciativa son os mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade no momento de celebrarse o intercambio. A inscrición realizarase mediante o envío do formulario electrónico a través do portalxuventude.xunta.ese o prazo de inscrición estará aberto ata o 2 de maio.

Wakayama e Galicia aprobaron no ano 1988 o seu irmanamento e, dende entón, foron varios os programas realizados conxuntamente, sobre todo centrados no turismo e na cultura. No que respecta á xuventude, en 2009 estableceuse un protocolo de traballo entre as dúas administracións rexionais para favorecer os lazos de unión entre as entidades xuvenís de Wakayama e Galicia. Así, con este grupo de mozos e mozas galegos, esta será a duodécima experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama dende o ano 2010. Ao longo destes anos, esta iniciativa contou cun total de 180 participantes galegos/as e xaponeses/as con culturas moi distintas pero unidos por un gran vínculo como son os itinerarios de peregrinación de cada rexión: o Camiño de Santiago en Galicia e o Camiño Kumano Kodo en Wakayama, ambas rutas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.

Os intercambios xuvenís permiten aos mozos e mozas participantes desenvolver habilidades, competencias e coñecementos, descubrir novas culturas, tradicións, costumes e estilos de vida, sobre todo a través da aprendizaxe entre iguais. Así mesmo axudan a consolidar valores como a solidariedade, a democracia e a amizade e facilita a concienciación intercultural e a mellora das competencias lingüísticas. Este amplo proceso de aprendizaxe realízase a través de métodos de educación non formal, deste xeito, os participantes neste intercambio, poderán solicitar o certificado de educación non formal en materia de xuventude ao abeiro da Orde do 26 de febreiro de 2015, publicada recentemente no Diario Oficial de Galicia do 25 de marzo.

A Xunta de Galicia ten como un dos seus eixos prioritarios en canto a políticas de Xuventude, a promoción da mobilidade xuvenil entendida cunha participación activa, xa que os mozos e mozas son acollidos por unha entidade xuvenil do país de referencia e comparten un amplo programa de actividades, o que supón unha implicación activa dos mozos e mozas na vida social, cultural e educativa da rexión á que temporalmente se van desprazar.

Ademais, no ano 2014 a administración autonómica puxo en marcha o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016. Horizonte 2020 no que se recollen as políticas públicas en materia de xuventude desenvolvidas polas diferentes consellerías da Xunta de Galicia. Un documento que ten como un dos seus eixos prioritarios a promoción da mobilidade xuvenil a través de programas como A Xuventude no mundo, Galeuropa ou Erasmus+.