• A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, presentou no Espazo Xove de Ourense unha nova edición do certame
  • A Consellería de Política Social presentou o pasado xoves no Consello da Xunta o informe sobre o programa de creatividade xuvenil que premiou con máis de 230.000 euros o talento de 168 mozos e mozas dende o ano 2012

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentou na mañá de hoxe unha nova edición do certame Xuventude Crea que no ano 2016 contará cun orzamento de 112.778 euros “para premiar o talento de arredor de 40 novos autores de 12 especialidades distintas na maior manifestación das posibilidades creativas da mocidade galega”.

No Espazo Xove de Ourense, Cecilia Vázquez lembrou que Xuventude Crea conta co obxectivo de “fomentar a creatividade xuvenil”. Grazas a este certame, “os mozos e as mozas poden exercitar as súas habilidades, ensaiar solucións innovadoras, valorar o exame crítico das súas obras e outorgarlles visibilidade”, engadiu.

Na convocatoria deste ano poderán participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros. O certame ten 12 especialidades: teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias e cociña, sendo esta última a gran novidade xa que esta especialidade nunca formou parte do Xuventude Crea. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual. Ademais, todas as obras terán que ser en galego, orixinais e inéditas. O xurado estará composto por profesionais que ocupan postos de decisión en cada un dos sectores implicados no concurso. O prazo de presentación dos proxectos remata o 30 de xuño. As bases do concurso pódense consultar no Diario Oficial de Galicia do pasado venres, 22 de abril de 2016.

Informe no Consello da Xunta

A Consellería de Política Social presentou o pasado xoves no Consello da Xunta o informe sobre o programa de creatividade xuvenil Xuventude Crea, que premiou con máis de 230.000 euros o talento de 168 mozos e mozas dende o ano 2012.

O informe presentado establece que, entre 2012 e 2015, o programa Xuventude Crea contou cun orzamento de 361.712 euros, cun total de 984 proxectos presentados e con 168 premiados. A suma do importe dos premios ascende a 236.500 euros. Así mesmo, se fixo entrega de 28 mencións de honra sen dotación económica.

Coa continuidade deste programa, a Xunta de Galicia dá cumprimento ao artigo 9 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de Xuventude de Galicia, xa que se fomenta o espírito emprendedor, potenciando entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do que forman parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais ou o compromiso entre outros valores. Así mesmo, a través deste e doutros programas, a administración autonómica adopta accións tendentes a que a xuventude teña facilidades de creación do seu propio posto de traballo.

Xuventude Crea tamén se inscribe no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, Horizonte 2020, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurou hoxe en Ourense o quinto ÁgoraXove, un programa da Consellería de Política Social que forma parte das accións de participación da mocidade nos temas do seu interese, buscando renovar o enfoque do traballo coa xuventude a través da animación e da dinamización.

No evento, Cecilia Vázquez explicou aos mozos e mozas participantes que “esta iniciativa nace co obxectivo de coñecer de primeira man cales son as vosas inquedanzas e demandas, e nada mellor que facelo mediante a participación directa, para que as nosas propostas se adapten cada vez mellor ás vosas preferencias”.

A temática e o programa de actividades de cada un dos foros está deseñado en función do ámbito territorial no que se desenvolva. Deste xeito, o ÁgoraXove de Ourense contou cunha temática baseada nas artes e na música.

O evento comezou cunha mesa redonda sobre “Competencias e habilidades para o éxito”, onde participaron a presidenta da Federación Galega de Xoves Empresarios, Carmen José López, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, e o director do IES Maruxa Mallo de Ordes e coach, José Manuel Dopazo Mella.

O programa ÁgoraXove de Ourense tamén contou cunha reflexión en clave biográfica e unha actuación de Daniel Minimalia, premio á mellor canción Word Music do Ano e cunha entrevista ao actor e productor ourensán Rubén Rodríguez Rodríguez (Rubén Ríos).

Tamén houbo lugar para un panel de experiencias de educación non formal coa intervención de participantes en programas dos Centros Xuvenís Don Bosco, de recuperación do folclore tradicional, do programa Galeuropa, de innovación educativa, da entidade Ideas for Ourense, ou dos promotores da app Whimlist, así como gañadores do concurso XMMINT de Unicef. Este ÁgoraXove finalizou cun concerto da banda ourensá de indie, rock e pop Connectica. 
O perfil dos participantes nos ÁgoraXove son membros de entidades, asociacións xuvenís ou grupos informais, antigos participantes nos programas de Xuventude, técnicos de xuventude e de emprego, concelleiros de xuventude, monitores e mozos e mozas en xeral. Estes foros tamén contan cunha área de asesoramento sobre asociación e participación nos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Os ÁgoraXove xa se teñen celebrado en Vilalba, na Universidade de Santiago, na Universidade de Vigo, en Palas de Rei e Ourense. Este programa tamén terá lugar nas vindeiras semanas en A Estrada, Betanzos, Bergondo, Marín, Vilanova de Arousa, Curtis e Ferrol.