• A iniciativa consiste en formar unha rede rapaces e rapazas que difundan nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil
  • Cecilia Vázquez agradeceu en Betanzos o traballo dos 18 correspondentes da localidade e lembrou que esta é unha iniciativa de educación non formal que fomenta a participación e os valores da solidariedade, o liderado e as habilidades comunicativas e sociais
  • No total galego, son 482 estudantes os que participan en Correspondentes Xuvenís 3.0

IMG 20160427 WA0005 1Un total de 18 mozos e mozas, coordinados por 4 docentes, participan este ano en Betanzos no programa Correspondentes Xuvenís 3.0, unha iniciativa da Consellería de Política Social que consiste en formar unha rede de mozos e mozas que teñen o papel de “antenas” informativas para difundir nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil. Todos eles son estudantes dos IES Francisco Aguilar e As Mariñas e do CPR Nuestra Señora del Carmen- Atocha. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe nunha xuntanza con estes correspondentes co galo da celebración este venres do Día Europeo da Información Xuvenil.

Cecilia Vázquez agradeceu o seu traballo voluntario e resaltou que “a dinamización da información dentro do sistema educativo está considerada un eixo fundamental para ter redes de información xuvenil verdadeiramente operativas”. A directora xeral tamén lembrou que “esta é unha iniciativa de educación non formal que fomenta a participación xuvenil, ao tempo que o correspondente adquire valores como a solidariedade, o liderado e habilidades comunicativas e sociais”.

No total galego, no programa Correspondentes xuvenís 3.0 participan neste curso escolar 482 mozos e mozas, estudantes do segundo ciclo da ESO, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional. Está presente en 67 centros da comunidade galega, dos que 63 son institutos de secundaria, 3 residencias xuvenís e o Centro Residencial Docente de Vigo. Esta iniciativa, experimentou un aumento de participación con respecto aos datos do curso pasado, na que se implicaran 383 alumnos dun total de 62 centros educativos.

Os alumnos correspondentes reciben información de xeito periódico, así como un boletín informativo semanal e outro material de interese que se elabora no Centro coordinador de información xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta publicación contén todos aqueles temas que poden ser de interese para os mozos e mozas como bolsas de axudas, ofertas de traballo, recursos e dirección de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre.

Unha vez recollida a información, o correspondente a difunde entre os seus compañeiros a través de diferentes medios como taboleiros no propio centro educativo, blogues ou redes sociais. Os correspondentes son “mediadores” de información xuvenil entre iguais, o que redunda nunha mellor acollida por parte dos compañeiros, ao sentirse máis identificados coa temática cando non é un adulto que o informa.

Correspondentes xuvenís 3.0 tamén dá visibilidade ás actuación xeradas polo propio centro coma certames, concursos ou viaxes, e todas elas poden ser exemplos de boas prácticas a seguir por outros centros ou entidades xuvenís.

  • Cecilia Vázquez tamén se entrevistou con concelleiros de xuventude desta comarca para coordinar as políticas entre administracións

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo hoxe en Betanzos unha xuntanza de traballo cos mozos e mozas que participaron ao longo de 2015 nos diferentes programas postos en marcha pola Dirección Xeral, entre eles, Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa ou Deseñando o teu futuro. O encontro tivo lugar no Espazo Xove da localidade e nel participaron rapaces e rapazas procedentes da comarca de Betanzos.

Esta iniciativa ten como obxectivo recoller as súas conclusións á hora de participar nos diferentes programas, co fin de coñecer as súas suxestións, queixas ou dúbidas para recollelas e así poder mellorar as prestacións dos recursos que a Dirección Xeral programa para os mozos e mozas de Galicia. Cecilia Vázquez explicou na xuntanza que “estas reunións forman parte das accións de participación da mocidade nos temas do seu interese, xa que consideramos prioritario que tomen parte activa e se impliquen ao máximo nos plans de futuro e no desenvolvemento da programación desta administración”.

Ademais, Cecilia Vázquez tamén mantivo unha encontro con concelleiros de xuventude desta comarca, co obxectivo de coordinar e mellorar as políticas de mocidade que se prestan de xeito conxunto entre os concellos e a administración autonómica, e de presentar a programación da Dirección Xeral para 2016.

Entre os meses de febreiro e abril, Cecilia Vázquez está a manter un total de 14 encontros con mozos e mozas de toda Galicia así como cos responsables de xuventude dos concellos. As xuntanzas xa se celebraron en Chantada, Lugo, Noia, Melide, Ferrol, A Coruña, Lalín, Vilagarcía, Pontevedra, Santiago, Vigo, Carballo e Betanzos. A vindeira e última reunión terá lugar mañá xoves en Ourense.

2016MONITORBETANZOSA Escola de Tempo Libre “QUERQUS" organiza un curso de monitor/a de actividades de tempo libre no Espazo Xove de Betanzos.

DATA DE INICIO DO CURSO: comeza o luns 11 de xullo de 2016.
DATA FINAL DO CURSO: Remata o sábado 30 de xullo de 2016.
LUGAR DAS CLASES: As clases teórico-prácticas serán no Espazo Xove de Betanzos (rúa Valdoncel nº 7, 15300 Betanzos, Tlf. 981 774 089,espazoxovebetanzos.xuventude@xunta.es). Haberá saídas e acampada.
PRAZAS: 25. Os participantes deben ser maiores de idade e estar en posesión, polo menos, dalgún dos seguintes títulos: ESO, Graduado escolar ou Técnico auxiliar en formación profesional.
HORARIOS DAS CLASES: 9 a 14 horas e de 16,00 a 21,00 horas. As clases serán tódolos días, incluídos domingos e festivos. O curso ten unha duración de 200 horas lectivas e 150 horas de prácticas.
INSCRICIÓNS: Por orde de inscrición, ata ocupar prazas (mínimo de 20 alumnos)
DOCUMENTACIÓN NECESARIA: 1 foto carné, copia DNI, copia título académico, encher ficha do curso, xustificante do desconto (no caso de escoller a opción de prezo especial).

etlquerqus@gmail.com