Novas e actividades (1313)

ERASMUS_PLUSNo BOE do 26 de xuño de 2014 publícanse as axudas concedidas para a realización de actividades financiadas pola Comisión Europea no marco de capítulo de Xuventude do Programa Erasmus+

BOE do 26 de xuño de 2014

 

No Concello de Tomiño acaban de adherirse 5 establecementos novos a Carné Xove:

• O Fio – Mercería e arranxos anverso_carn_xove

• Pazo- Xoiería

• Liliput

• Chicledefresa.com

• Muebles Albarez

Así, pois, mozos e mozas xa podedes disfrutar nestes establecementos  das vantaxes e descontos que vos ofrece o Carné Xove!

Toda a información sobre o Carné Xove no seguinte enlace: http://xuventude.xunta.es/carne-xove.html

 

No marco do proxecto Imagina Atlantica realizouse unha peza audiovisual multidisciplinar, unha videocreación na que converxen distintas disciplinas artísticas, apoiándose nos traballos de xóvenes artistas e creadores, concretamente en varios traballos gañadores do certame Xuventude Crea  2012.

Un formato no que teñen cabida o teatro, a poesía e a banda deseñada, interactuando en directo coa música; a  práctica audiovisual das novas tecnoloxías aplicadas ao mundo da imaxe e o son, todo enmarcado na zona antiga da cidade de Santiago.
Un produto cultural e artístico para promocionar o patrimonio de Galicia; e que resalta a imaxe atlántica e a idiosincrasia do Espazo Atlántico.
Nesta ligazón tendes o acceso á peza audiovisual : http://youtu.be/FVXjy1R3AiQ

eurogalA Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar oferta 45 prazas de Leonardo da Vinci (PLM) para a realización de prácticas laborais non remuneradas en seis países da Unión Europea a partir do mes de setembro de 2014, no marco do proxecto “Europeizando Galicia”, EUROGAL, promovido ao abeiro do Programa europeo de aprendizaxe permanente (PAP).

Obxectivos
Apoio á xuventude en actividades de formación para adquirir coñecementos, competencias, habilidades e cualificacións que complementen o desenvolvemento persoal e profesional; incrementar as posibilidades  laborais de mozas e mozos galegos,  posibilitar o coñecemento do mundo laboral en diferentes países estranxeiros mediante o desenvolvemento de tarefas profesionais en empresas no país de destino; proporcionar a iniciación e/ou perfeccionamento  das habilidades lingüísticas do idioma do país de destino.

Destinatarios/as
Poderán solicitar estas estancias os/as mozos/as que cumpran os seguintes requisitos:

Ter entre 18 e 30 anos de idade, no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Ser galegos/as residentes nun concello de Galicia
Ter titulación universitaria ou de formación profesional nos sectores especificados segundo o país de realización da estadía.
Non ter sido beneficiario de ningunha  outra bolsa Leonardo da Vinci PLM

Prazas e sectores:
1. Irlanda:
Localidade: Cork
Prazas: 7 estancias
Sectores: administrativo, informático, marketing/xestión comercial ou turístico
2. República Checa:
Localidade: Praga
Prazas: 8 estancias
Sectores: administrativo, informático, marketing/ xestión comercial, agroforestal, agroalimentario, electricidade ou hostaleiro/turístico.
3. Francia:
Localidade: Burdeos
Prazas: 9 estancias
Sectores: administrativo, informático, marketing/xestión comercial, agroalimentario, vitivinícola, electricidade ou turístico.
4. Italia:
Localidade: Arezzo
Prazas: 6 estancias
Sectores: administrativo, informático, marketing/xestión comercial, agroforestal, agroalimentario, vitivinícola, electricidade ou turístico
5. Polonia:
Localidade: Cracovia
Prazas: 5 estancias
Sectores: administrativo, informático, marketing/xestión comercial,  electricidade e hostaleiro/turístico
6. Hungría:
Localidade: Budapest
Prazas: 10 estancias
Sectores: administrativo, informático, marketing/xestión comercial, electricidade e hostaleiro/turístico

Cobertura:
As bolsas cobren estancias de 12 semanas de duración a realizar  partir do mes de setembro de 2014 que inclúen:
Formación lingüística e cultural
Período de formación en prácticas laborais non remuneradas no país de destino nunha empresa relacionada co sector profesional de cada participante.
Aloxamento en cuarto de uso múltiple
Seguro de responsabilidade civil.
Axuda para os gastos da viaxe de ida e volta a custo real ata un máximo de 250 euros, cantidade que será aboada ao beneficiario/a no momento de volta, previa xustificación.
300 € en concepto de axuda a manutención

Solicitudes:
As solicitudes deben presentarse a través do formulario electrónico dispoñible ao final desta convocatoria.
O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de xuño de 2014 ás 23:59 horas.

Preselección:
Rematado o prazo de envío de solicitudes todas as persoas solicitantes que se axusten aos perfís profesionais especificados para cada país serán convocados mediante correo electrónico á xornada de selección indicándoselles o día, lugar e hora  a cada solicitante para a realización das probas seguintes:
Un cuestionario de coñecemento de aspectos políticos, económicos e  socioculturais do país e cidade de destino solicitado.
Unha proba escrita de motivación tipo test.
Unha proba escrita de nivel de idioma: inglés, francés ou italiano.
Unha entrevista persoal de intercambio de información e confirmación de itinerario profesional.

Para poder realizar as referidas probas, no lugar, día e hora comunicado, as persoas solicitantes convocadas deben presentar:
DNI e fotocopia do mesmo
Copia do título académico que figure na solicitude e pola que se presenta a este programa.

A xornada de selección descorrerá os días 3, 4, 7, 8 e 9 de xullo de 2014. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado pode modificar estas datas por motivos de organización.

A non concorrencia á xornada de selección no día, hora e lugar convocado é causa de exclusión do procedemento de selección.

Os/as solicitantes que non se axusten aos perfís especificados para cada país quedarán excluídos do proceso de selección, así como os solicitantes que non reúnan os requisitos esixidos nesta convocatoria.

Criterios de avaliación:
O procedemento de concesión das estancias será en réxime de concorrencia competitiva e conforme aos principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación. A preselección das persoas candidatas realizarase en función dos seguintes criterios:
Título de FP de ciclo medio: 1 punto
Título de FP de ciclo superior: 0,5 puntos
Desempregado/a superior a 6 meses: 1 punto
Desempregado/a inferior a 6 meses: 0,5 puntos
Non ter experiencia profesional previa: 1 punto
Non ter realizado estancias laborais propias da profesión nun país estranxeiro: 1 punto
Cuestionario de coñecemento de aspectos políticos, económicos e socioculturais do país e cidade de destino solicitado: ata un máximo de 2 puntos
Proba escrita de motivación tipo test: ata un máximo de 1 punto
Proba escrita de nivel de idioma(inglés, francés ou italiano): ata un máximo de 1 punto.
Entrevista persoal de intercambio de información e confirmación de itinerario profesional: ata un máximo de 2 puntos

No suposto de que se produzan empates nas puntuacións de dúas ou máis persoas solicitantes, o criterio de desempate será a puntuación máis alta obtida nos puntos precedentes na mesma orde en que están establecidos. De persistir o empate, teríase en conta os criterios de maior antigüidade no título e de maior idade, e por esta orde.

Resolución:
No portal web http://xuventude.xunta.es será publicada a resolución de concesión das bolsas co seguinte contido:
Listaxe de beneficiarios/as, con indicación do país solicitado para a  realización das prácticas e puntuación obtida
Listaxe de reserva de posibles suplentes para o caso de renuncias ou baixas
Listaxe de excluídos con indicación da causa de exclusión

A resolución comprenderá o acto de outorgamento da bolsa e a asignación dun destino xeográfico, pero non determinará a empresa concreta na que se realizarán as prácticas. Para a determinación desta empresa concreta procederase do seguinte xeito:
a) A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado solicitará aos preseleccionados o currículo vitae en formato Europass no idioma do pais de realización da estancia.
b) A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado remitirá ás empresas dispoñibles o currículo vitae de cada solicitante segundo o seu perfil profesional
c) A empresa será quen decida en último termo se acepta ao solicitante.
d) No suposto de que o/a solicitante non sexa aceptado/a pola empresa, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado realizará as xestións oportunas para a localización de novas empresas. No suposto de que non se atopen novas empresas  ou estas rexeiten igualmente ao solicitante, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado declarará a perda do dereito á bolsa, sen que esta declaración dea lugar a ningún tipo de dereito indemnizatorio para o/a interesado/.

O/a beneficiario/a está obrigado/a a:
Realizar as prácticas profesionais subvencionadas
Asistir ás xornadas de traballo, informativas e formativas, tanto previas á saída, como ao regreso da estadía e tamén durante a estancia no pais de realización das prácticas.
Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
A falta de asistencia ás xornadas de traballo e/ou o incumprimento das obrigas polos/as beneficiarios/as  poderá ser motivo de declaración de perda do dereito á axuda.

Máis información: no correo electrónico mobilidadexuvenil@xunta.es e nos números de teléfono: 881 999 567/ 981 544 645, en horario de 08:00 a 15:00 horas de luns a venres.

La_idaA Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración coa Fundación Paideia oferta 10 prazas para a realización de prácticas laborais en Alemaña durante unha estancia de 4 semanas a partir do mes de outubro de 2014.

Esta actividade enmárcase dentro do programa de carácter transnacional  La IDA do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais alemán, que a Fundación Paideia desenvolve en colaboración co IBI (Institut für Bildung in der   Informationsgesellschaft e. V.) e cofinanciada pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Datos xerais:
Saída prevista: outubro 2014
Duración da estancia: 4 semanas
Localización: Wernigerode (Alemaña)
Prazas: 10
Sectores de prácticas priorizados: metal, xardinería, impresión gráfica, comercio e gastronomía.

Destinatarias/os:
Mozos e mozas galegas con idades entre os 18 e 30 anos de idade no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes, que cumpran os seguintes requisitos:
En situación de desemprego laboral superior a seis meses
Sen titulación académica ou con titulación equivalente ou inferior ao ciclo medio de formación profesional

Cobertura:
Curso de preparación lingüística e intercultural
Manutención e aloxamento en cuarto de uso múltiple.
Viaxe de ida e volta.
Seguro de responsabilidade civil de cobertura mínima
Transporte local no lugar de realización das prácticas.
Mediador transnacional e titor de contacto hispanofalante durante toda  a estadía.

Formación:
Antes da  saída: sesións formativas e informativas de asistencia obrigatoria.
Durante a estancia en Alemaña: prácticas laborais non remuneradas  en empresas, curso de iniciación ao alemán e actividades culturais/deportivas
Á chegada: avaliación e elaboración do informe final obrigatorios

Solicitudes:
As solicitudes deben presentarse a través do formulario electrónico dispoñible ao final desta convocatoria.
O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de xuño de 2014 ás 23:59 horas.

Selección:
Todas as persoas solicitantes serán convocadas a participar no proceso selectivo mediante un correo electrónico indicando día, hora e lugar.

Máis información: no correo electrónico mobilidadexuvenil@xunta.es e nos números de teléfono: 881 999 567/ 981 544 645, en horario de 08:00 a 15:00 horas de luns a venres.

FORMULARIO DE SOLICITUDE

COMPOSICIÓN DO XURADO DO CONCURSO DE DESEÑO DO CARTEL PARA A CAMPAÑA LIBRE 2014


Presidenta:
Yolanda Otero Balsa (Subdirectora Xeral de Promoción de Actividades da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado)

Vogais:
- Carmen Pereiras Pérez
- Ana Martínez González
- Mª. Asunción García Cao
- Mª. Jesús López Cernadas
- Pilar Tamerón Montesinos
- José Manuel Ramberde Sexto
- Santiago Aparicio Fernández
- Caridad Rodríguez Pazo
Secretaria:
Ángela Fernández Rey


GAÑADOR DO CONCURSO DE DESEÑO DO CARTEL DA CAMPAÑA LIBRE 2014

- Rafael Rumbo Viera, co lema/pseudónimo: COCHECHUFE