A Axencia Galega da Calidade Alimentaria dispón de varios centros de formación da familia agroforestal, entre os cales, o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Lourizán (Pontevedra), o CFEA de Sergude (Boqueixón), o CFEA Pedro Murias de Ribadeo e o CFEA de Becerreá dispoñen de residencias de estudantes que prestan un servizo complementario ao desenvolvemento educativo da poboación do medio rural, que permite potenciar o acceso á formación continua e aos dos ciclos de formación profesional agraria de grao medio e grao superior seguintes:
CFEA Lourizán:
Ciclo Formativo de Grao Medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.
Ciclo Formativo de Grao Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.
CFEA Sergude:
Ciclo Formativo de Grao Medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.
Ciclo Formativo de Grao Medio en Produción Agropecuaria.
Ciclo Formativo de Grao Superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal.
Ciclo Formativo de Grao Medio en Produción Agroecolóxica.
CFEA Pedro Murias:
Ciclo de Grao Medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural (FP Dual).
CFEA Becerreá:
Ciclo Formativo de Grao Medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.
Ciclo Formativo de Grao Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.
A oferta de prazas para o curso 2022/23 por centro é a seguinte:
Persoas beneficiarias:
a) Ser cidadás de calquera país da Unión Europea ou estranxeiros/as que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.
b) Ter feitos os 18 anos de idade o día de comezo do uso da residencia no caso das prazas en pensión completa do CFEA de Lourizán, ou ter feitos os 16 anos de idade no ano da convocatoria no caso das prazas en pensión completa que se ofertan no CFEA de Sergude.
c) Estar matriculado no centro solicitado durante o curso escolar.
Tipos de prazas:
a) Residencia en pensión completa.
b) Comedor para o curso completo.
As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, co formulario MR207A
O prazo de presentación das solicitudes será do o 18 de xullo ao 29 de xullo de 2022.
Máis información no DOG do 15 de xullo de 2022
Sabías que o teu carné xove inclúe un seguro de viaxe gratuíto?.
As características principais das garantías de asistencia son as seguintes:
Asistencia por accidente ou enfermidades durante a viaxe.
- Repatriación ou transporte sanitario de feridos ou enfermos.
- Transporte dos acompañantes.
- Inmobilizacións nun hotel.
- Repatriación ou transporte do asegurado falecido.
- Pago ou reembolso dos gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización no estranxeiro.
- Regreso anticipado por falecemento ou hospitalización dun familiar en España do asegurado.
- Servizos de información para viaxes ao estranxeiro.
- Anticipo de gastos de hospitalización no estranxeiro.
- Localización de intérprete en caso de accidente ou enfermidade no estranxeiro.
- Servizo de información sobre asistencia médica.
- Servizo de trámites administrativos para hospitalización.
- Billete de ida e volta para un familiar.
- Gastos de aloxamento para un familiar.
Asistencia por danos á equipaxe.
- Envío e/o reenvío de obxectos esquecidos e/o roubados no transcurso da viaxe.
- Roubos e danos á equipaxe.
- Retraso na entrega de equipaxe.
- Gastos de reposición da documentación de viaxe.
- Roubo na caixa forte do hotel.
- Roubo das chaves da vivenda habitual do asegurado.
Asistencia por retraso dos medios de transporte.
- Retraso na saída da viaxe.
- Cancelación da viaxe por folga.
- Perda da conexión por retrasos.
- Perda do medio de transporte por accidente "in itinere".
- Retraso por "over booking".
Asistencia por responsabilidade civil
- Responsabilidade civil no estranxeiro.
- Anticipo de gastos de defensa legal no estranxeiro.
- Anticipo de fianza xudicial no estranxeiro.
- Servizo de información legal.
- Procura de representante legal no estranxeiro.
- Obtención de salvocondutos.
Para consultar polo miúdo as coberturas e exclusións do seguro descarga o pdf coas coberturas.
A terceira edición de Eurodesk Mobility and the Role of Youth Information Survey dirixiuse a mozas e mozos de 13 a 35 anos e tiña como obxectivo comprender os seus patróns de información e a súa percepción da mobilidade na aprendizaxe despois de dous anos da pandemia mundial de COVID-19.
O informe da enquisa proporciona unha mellor comprensión do impacto que a pandemia de COVID-19 tivo nos mozos en termos de mobilidade. A enquisa recompilou 4.061 respostas de 74 países.
https://eurodesk.eu/wp-content/uploads/2022/06/ED_survey_22_WEB_Final.pdf
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura, compartiron en Proxector un especial adicado á astronomía, baixo o título O universo: unha fascinación en continua expansión.
O especial, que tamén se pode ver en formato presentación e nas redes sociais do SNL da USC, móstranos como iniciarnos na observación astronómica e lémbranos que en Galicis temos o privilexio de contar con importantes zonas sen contaminación lumínica e con espazos concretos, como por exemplo o Parque Nacional das Illas Atlánticas, Trevinca e Muras, que gozan da certificación oficial de "destino turístico Starlight", e polo tanto, achegan unha excelente calidade de ceo e son exemplos de protección e conservación.
Se bucas algún libro ou cómic para ler este verán, o equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Saturnino Montojo queren compartir convosco a aventura de ler e para iso recomendan libros que lles gustan. Neste enlace, se accededes mediante o código QR podedes ler breves fragmentos de cadanseu libro recomendado polos integrantes do equipo:
https://padlet.com/cxmontojo2021/4dkg4to35lsozg91
E se non son suficientes para este verán, ainda tes máis recomendacións de lecturas que foron facendo os/as Correspondentes Xuvenís ao longo deste cursos
Onde podes conseguir estes libros?
1. Biblioteca do teu centro educativo
2. Rede de Bibliotecas de Galicia: https://rbgalicia.xunta.gal/
3. Librarías onde fan desconto co carné xove.
O INJUVE pon en marcha un proceso participativo para identificar os principais retos e problemáticas que debe afrontar a mocidade europea, contribuíndo á construción dunha Axenda Europea de Xuventude que permita a formulación de políticas públicas ambiciosas, específicas e distintivas.
Queres contribuír?
O proceso lévase a cabo mediante un cuestionario web destinado a mozos e mozas de 13 a 30 anos entre o 20 de xuño e o 1 de agosto. Os resultados servirán como punto de partida para a elaboración dun documento estratéxico de posicionamento político sobre o que artellar as prioridades do Consello da Unión Europea en materia de mocidade durante a Presidencia de España, que terá lugar entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2023.
Temáticas do cuestionario
Primeira parte: retos e problemáticas da mocidade en Europa
Selecciónanse cinco modalidades de violencia cuxa incidencia entre os mozos e mozas é crítica, xa que delimitan e condicionan o desenvolvemento da mocidade.
Segunda parte: a Europa que merecen os mozos e mozas
Composta de dúas preguntas abertas sobre a Europa que merece a xuventude. A UE do futuro, impulsada pola xeración actual de mozos e mozas, esixe de todos nós unha reflexión aberta, crítica, creativa e compartida que permita avanzar de forma realista e consciente das barreiras e ameazas que poden interferir no seu despregamento, pero tamén das fortalezas que debemos desenvolver e os resortes de cambio.
Terceira parte: valoración das políticas públicas europeas en materia de xuventude
Trátase de recoller unha valoración das políticas públicas europeas en materia xuvenil.
A Comisión Europea aprobou en 2018 unha Estratexia da Unión Europea para a Mocidade para desenvolver entre 2019 e 2027, constituíndose a través dun proceso de participación aberto ao diálogo entre repesentantes das persoas mozas, investigadores e responsables políticos, dando como resultado unha serie de metas para dar resposta aos retos aos que se enfronta Europa. Neste enlace exponse un resumo destas metas.
Sobre o cuestionario
A finalidade do cuestionario é inspirar as políticas da UE nos próximos anos, polo que sesolicita ter en conta este enfoque europeo á hora de responder o cuestionario.
O Instituto de Innovación, Desenvolvemento e Impacto Social (IIDIS) será o encargado da identificación, recompilación e sistematización da información, coñecemento e experiencia dispoñibles e da elaboración das recomendacións e propostas de futuro co obxectivo de inspirar a construción de políticas europeas e contribuír á suma de axentes clave. Os resultados da consulta daranse a coñecer nunha presentación pública no mes de outubro de 2022.
Dúbidas sobre o contido do cuestionario
Web do Consello da Unión Europea: Presidencia do Consello da UE
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu as iniciativas solidarias realizadas polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Riotorto no marco do programa Pasaporte Solidario da Xunta de Galicia. Alí destacou a importancia desta iniciativa para trasladarlle aos máis novos valores e para realizar actividades que fomenten o seu espírito solidario.
No programa, que se enmarca dentro do Plan Proxecta , participou todo o alumnado de primeiro a sexto de Primaria.
As sete actividades incluíron unha visita de membros do parque eólico experimental Sotavento, a recollida de produtos para Ucraína, a gravación de música en lingua de signos, unha carta aos nenos da Palma que quedaron sen colexio ou unha cadea conxunta de todas as súas boas accións polo Día da Paz. Os mozos recollían cada unha destas actividades nunha folla do seu pasaporte solidario.
Durante o encontro, Cristina Pichel agradeceu aos nenos o seu esforzo solidario e o traballo de profesores e equipo directivo promovendo este tipo de actividades. Así, destacou que programas como Pasaporte Solidario axudan a reforzar os valores cidadáns entre os nenos á vez que favorecen a súa constancia e autoestima, xa que levan eles mesmos a conta das actividades que realizan.
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou na final de Parlamento Xove o récord de participación acadado nesta edición do programa. É o balance dunha xornada na que se proclamaron gañadores do certame os equipos IES Rafael Puga Ramón de A Coruña, na ESO, Colexio La Salle de Santiago, en bacharelato, e Campus universitario de Santiago 2, en universidades.
Ademais, 11 mozos recibiron a mención de honra ao mellor orador. Na categoría da ESO os mellores oradores foron Lucas Rodríguez Kawalski (do IES María Inmaculada Carmelitas Vedruna, en Vigo), Ana Varela Pose (IES Rafael Puga Ramón, A Coruña) e Noa Santiago Falcón (IES Miguel Ángel González Estévez, Vilagarcía). En bacharelato: Andrés Collantes Barros (Colexio La Salle, Santiago), Blanca Noya Juncal (Colexio La Salle, Santiago), Óscar Rodríguez de Vivero (IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lugo) e Alfonso Vázquez Losada (Colexio Peñarredonda, A Coruña). En universidade: Paula Álvarez García (Campus Santiago de Compostela), Pablo Abelleira Acevedo (Campus Pontevedra), Jaime Arangüena Laffón (Campus A Coruña) e María Pedreira López (Campus Santiago de Compostela).
Ademais, os premios aos mellores artigos de investigación outorgáronse ao Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior e ao IES Fontexería de Muros.
Na súa intervención, Fabiola García puxo o foco nos oito novos equipos que se presentaron este ano á fase clasificatoria, ata sumar un total de 58. O número de participantes superou os 270, entre estudantes e profesorado.
A Conselleira de Política Social e Xuventude lembrou aos oradores a relevancia da palabra fronte á forza como medio para facer valer as distintas opinións. Ademais, convidounos a ter presente o valor da liberdade de expresión, propia das democracias sans.
Os equipos gañadores recibirán un premio de 5.000€ para organizar unha viaxe no caso das categorías de ESO e bacharelato, e 2.500€ no caso da de universidades. A dificultade da proba radica en que a posición de cada equipo, a favor ou en contra, se sortea cinco minutos antes do comezo, de xeito que os participantes teñen que prepararse para afrontar as dúas posturas. A pregunta desta final, con ocasión da Guerra de Ucraína, foi: Debe a Unión Europea actuar militarmente en terceiros países na defensa dos dereitos humanos?
A final tivo lugar no Parlamento de Galicia, coa presencia das familias dos estudantes, e tamén se puido seguir a través de internet.
O Centro Raiña Sofía sobre Adolescencia e Mocidade, Fundación FAD Juventud presenta o Barómetro Xuvenil 2021. Saúde e benestar.
A autopercepción da saúde entre a mocidade é substancialmente peor en 2021 en comparación con anos anteriores: en 2017 un 86,7% afirmaba ter boa ou moi boa saúde, porcentaxe que pasa ao 77,5% en 2019 e ao 54,6% en 2021. As mulleres perciben que teñen un peor estado de saúde que os homes, cunha diferenza de ata 10 puntos porcentuais.
Produciuse un lixeiro descenso da poboación nova que se preocupa bastante pola súa imaxe externa con respecto ao 2019. A variación é significativamente máis elevada no caso dos homes —pasando do 23% ao 15,5% en 2021. Na mesma liña, son elas as que declaran en maior medida realizar dietas de adelgazamento para verse mellor esteticamente.
As mulleres declaran sufrir problemas psicosociais en maior medida que os homes, dándose as diferenzas máis notables – entre 15 e 20 puntos porcentuais máis – nas sensacións de tristeza, cansazo e apatía, ansiedade e nos problemas de concentración.
A porcentaxe de poboación nova que declara padecer problemas de saúde mental con moita frecuencia pasou do 6,2% en 2017 ao 15,9% en 2021, destacando unha vez máis as mulleres, que están preto de dobrar a porcentaxe dos homes. Do total de problemas de saúde mental declarados, un 36,2% afirma contar cun diagnóstico, principalmente depresión ou trastornos por ansiedade. Tamén se observa un aumento na ideación suicida con alta frecuencia, que pasou dun 5,8% en 2019 a un 8,9% en 2021.
A pesar de declarar maiores malestares, a porcentaxe de mozas con problemas de saúde mental que busca axuda profesional diminuíu substancialmente desde 2019, pasando do 59,5% ao 50,8% en 2021.
1 de cada 5 mozos non comparte con ninguén os problemas vinculados ao estrés, porcentaxe que chega ao 26,5% no grupo de menos idade, e preto do 10% afirma non acudir a ninguén para buscar consello ou axuda ante unha cuestión persoal grave. A familia é a principal fonte de apoio social na mocidade, sobre todo no grupo máis maior. Entre os 15 e os 19 anos acoden en maior medida ás súas amizades.
Con respecto ao 2019, incrementouse a porcentaxe de poboación nova que leva a cabo prácticas de risco con alta frecuencia, sendo practicar relacións sexuais sen protección a máis estendida (22,4%), seguida da participación en pelexas (10,5%) e superando en todos os casos os homes ás mulleres.
Informe: https://www.adolescenciayjuventud.org/publicacion/barometro_salud_bienestar/
O programa Campus Inclusivos, Campus sen Límites ofrece a posibilidade de vivir a experiencia universitaria por ata dez días. Estudantes de 4º de ESO, bacharelato ou formación profesional gozan da vida nas aulas, participan en actividades culturais e inician novas amizades en diferentes campus universitarios.
Neste tempo o alumnado poderán gozar de actividades de orientación, experimentar diferentes materias en aulas e laboratorios, vivir na residencia universitaria e informarse sobre as diferentes opcións académicas. Esta experiencia brinda a oportunidade de coñecer, convivir e compartir con outros mozos e mozas que tamén se enfrontan ás ilusións e preocupacións que conleva o tránsito dunha etapa educativa a outra. Un día en Campus Inclusivos, Campus sen Límites, pode incluír unha clase de robótica, unha sesión de orientación vocacional, unha mesa redonda con catedráticos de distintas carreiras universitarias, unha clase de mergullo ou un concerto, e moitos bos intres con amigos. O único que non é benvido é o aburrimento.
O programa “Campus Inclusivos, Campus sen límites” ten como obxectivo favorecer a educación inclusiva, reducir o abandono escolar das persoas con discapacidade e contribuír a que as universidades poidan dar resposta á diversidade do seu alumnado, garantindo o dereito á educación ás persoas con discapacidade en igualdade de condicións que as demais.
Toda a información está dispoñible en http://campusinclusivos.fundaciononce.es