En portada (1120)

O xurado do concurso Lingua de namorar 2019 reuniuse o luns 18 de marzo para elixir, de entre as mensaxes votadas polos usuarios en cada unha das categorías, as mensaxes gañadoras desta edición, que son as seguintes:

Mensaxes gañadoras da categoría A

1º Premio: Máis que choiva, de Nee Barros Fernández
“Comezaches sendo froallo suave, babuña e patiñeira; pero pouco a pouco fuches pasando a chuvascada, arroiada e xistra, rematando nunha auténtica treboada, enxurrada e dioivo. Empapáchesme de pés a cabeza e eu, entre tanto sinónimo, só sei pedirche que non escampes nunca.”

2º premio: Conto contigo, de Irea Cendán Cadahía
“Se teño frío, conto co teu calor; se a tristeza me aborda, conto co teu sorriso; se non me atopo na escuridade, conto coa túa luz. Non teño medo porque sei que se me sinto soa, conto contigo.”

3º premio: Tan guapa, de Yago Rubio Álvarez
“Tan doce que os mosquitos van a ti,
Tan bonita que es fotografada por excursións de xaponeses,
E a túa lingua é o mellor motivo para aprender idiomas.”


Mensaxes gañadoras da categoría B

1º premio: Este, para min, de Navia Rivas de Castro
“Erguerei do chan o meu corpo atropelado pola vida,
aloumiñarei as súas costuras,
coidarei as súas raíces.
Tecerei a miña liberdade en cada novo paso.
e non me renderei,
Querereime. Sempre.”

2º premio: Amor diglósico, de Darío Rodríguez González
“Non se pode vivir así, non é lóxico
O amor bilingüe, o amor diglósico,
É un sinvivir, é un despropósito
E ás veces resulta mesmo un pouco tóxico,
Falar por boca de ganso, falar con lingua de trapo,
Case vai ser millor amar en castrapo.”

3º premio: A discusión: corazón vs. Cabeza, de Cándido Paniagua Pousa
“O corazón dixo: eu non atendo a razoamentos, tan só a impulsos.
A cabeza replicou: eu analizo a situación e busco a mellor opción.
O corazón retrucou: mentres ti perdes o tempo argüíndo, eu latexo desfrutando o momento.
E a cabeza calou, buscando unha boa resposta.
Nese intre, o corazón sorriu, sabedor de que gañara a discusión.”

O xurado do certame decidiu conceder unha mención de honra, pola reflexión sociolingüística de superar a posición como neofalante, de vencer os complexos e decidir empregar a lingua, á mensaxe Escoiteite, de María Inmaculada Rodríguez Marqués (Ribadeo, Lugo):

“Vinte,
escoiteite.
Olleite,
escoiteite.
Sentinte,
escoiteite.
Emocioneime,
escoiteite.
Abrín a boca para falar,
Silencio neofalante.
Atragoáronse as verbas na miña gorxa,
escoiteite.
Pronunciei “quérote” mentres os complexos se esvaecían entre
os meus beizos.
Escoiteite.”

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

Os videos e os/as correspondentes xuvenís seleccionados/as para participar no Encontro de Correspondentes e Alberguismo Xuvenil, que terá lugar do 5 ao 7 de abril no Albergue Xuvenil de Gandarío, son os seguintes:

 

1) Sara e Natalia – IES Saturnino Montojo (Ferrol)

2) Yahya e Gabriel – IES Nº 1 (Ordes)

3) Lucía e Saray – IES Val do Tea (Ponteareas)

4) Antón e David – IES Pedra da Auga (Ponteareas)

5) Silvia e Marcos – IES do Camiño (Palas de Rei)

6) Carmen e Nahiara – IES Saturnino Montojo (Ferrol)

7) Paula e Candela – IES Saturnino Montojo (Ferrol)

8) Pablo e Lorenzo – IES Ramón Aller (Lalín)

9) Cecilia e Ainara – IES de Sanxenxo

10) Sabela e Laura – IES Saturnino Montojo (Ferrol)

 

O encontro será totalmente gratuíto para os participantes seleccionados (actividades, manutención e desprazamento).

 

Trátase de formar aos/as correspondentes como transmisores de información a outras persoas mozas no que respecta aos albergues xuvenís e as súas posibilidades, carné de alberguista, REAJ… e así promocionar o alberguismo entre a xuventude de distintas comunidades autónomas a través de actuacións conxuntas entre diferentes mozos e mozas, a aprendizaxe mutua e o intercambio de experiencias.

 

Máis información

O autor do cartel é David Seoane Fernández quen foi Correspondente Xuvenil durante varios cursos

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pon a disposición de concellos, asociacións e grupos informais de mozos e mozas un servizo de información e asesoramento sobre os seguintes programas:

  • INICIATIVA XOVE: programa de axudas de ata 5.000 € para financiar ideas lideradas por mozos e mozas
  • GALEUROPA: programa de prácticas formativas de ata 3 meses nalgún país da Unión Europea.


A través deste servizo, que terá un formato de charla explicativa, expoñeranse as principais características dos programas e ofrecerase información práctica sobre a presentación de solicitudes. O obxectivo desta iniciativa é facer accesible a información e o asesoramento sobre dous dos principais programas desta dirección xeral a todas as potenciais persoas beneficiarias, independentemente da súa localización xeográfica.


Os concellos, entidades ou grupos interesados nesta charla deberán cubrir este formulario.


Unha vez recibida a solicitude, o dinamizador ou dinamizadora responsable da zona porase en contacto coa persoa indicada na solicitude para concretar os datos relativos ao lugar, data e horario da charla informativa.

 

No caso de haber varias solicitudes dentro do mesmo concello, tratarase de fixar unha data común para os interesados e interesadas.

O prazo para remitir as solicitudes remata o 20 de febreiro e as charlas levaranse a cabo ata o 1 de marzo inclusive.

 

A Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca axudas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade.

Coas iniciativas locais dirixidas á mocidade tratarase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente na actividades enmarcadas nas áreas prioritarias de actuación:

a) Iniciativa local emprendedora: proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade dos mozos e mozas.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
c) Dinamización da información para a mocidade.
d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.
e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
f) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
g) Fomento da participación e o empoderamento das mulleres novas galegas.
h) Conservación e posta en valor do ambiente e do patrimonio cultural e natural.
i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
j) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.

O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019.
A contía máxima que se poderá solicitar será de 6.000 euros no caso das solicitudes individuais. Para as solicitudes conxuntas, a contía máxima da solicitude será de 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos e de 22.000 euros se está formada por tres ou máis concellos.

As solicitudes deben tramitarse obrigatoriamente en https://sede.xunta.es co procedemento BS305E
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 1 de marzo de 2019.
Máis información no DOG do 1 de febreiro de 2019

Folleto informativo

“A Xuventude no mundo” edición 2019: intercambios xuvenís a Xapón e Italia.

No marco do programa “A Xuventude no mundo” ao abeiro das relacións bilaterais que a Xunta de Galicia mantén con entidades doutros países, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social convoca dous intercambios xuvenís:
CADROXAPONITALIAObxectivos:  facilitar o coñecemento doutras realidades sociocultural e lingüísticas para a comprensión da diversidade cultural e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal dos mozos e mozas.

Destinatarios:  mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade no momento de realizarse o intercambio e que non participaran nos últimos tres anos (2016-2018) no programa A Xuventude no mundo.

Prazo de inscrición:  do 28 de xaneiro ao 4 de febreiro de 2019.

Inscrición:  mediante envío de formulario electrónico dentro do prazo establecido. Só se admitirá unha solicitude por participante.
Os erros nos datos facilitados na solicitude de participación ou a omisión dalgún deles pode ocasionar a desestimación da solicitude.
Admítese a inscrición nos dous intercambios, tendo en conta os requisitos de participación en cada un deles. No caso de inscrición dobre o/a solicitante deberá indicar a orde de preferencia de participación.

Admisión:  será por rigoroso orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio. Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, de non recibir comunicación nos tres días seguintes, entenderase que non obtivo praza.
No caso de que unha persoa solicite participar nos dous intercambios, a admisión nun intercambio exclúe a admisión no outro, salvo que non se cubran as prazas deste último.

Documentación a remitir:  confirmada a praza nos 5 días (naturais) seguintes as persoas  seleccionadas deberán remitir a galeuropa@xunta.gal
1. Documentación xenérica para os dous intercambios:
- Unha copia do/s billete/s de transporte adquirido/s para desprazarse ata a cidade do país de realización do intercambio. Non é documento válido a/s reserva/s de voo ou medio de transporte elixido.
- Copia do Documento Nacional de Identidade.
2. Documentación específica para o intercambio a Xapón:
a) Unha copia do seguro de viaxe, de accidentes e de enfermidade.
b) Unha declaración de compromiso de acoller na súa residencia en Galicia a 1 ou 2 mozos/as xaponeses/as dende as 18:00 horas do 8 ata as 11:00 horas do 11 de marzo de 2019 con motivo do desenvolvemento do intercambio de acollida na comunidade autónoma galega.  
3. Documentación específica para o intercambio a Italia:
a) Unha copia do seguro de viaxe, de accidentes e de enfermidade.
* Para acreditar cobertura de viaxe e accidentes admítese copia do Carné Xove.
* Para acreditar asistencia sanitaria admítese copia Tarxeta Sanitaria Europea ou certificado sustitutorio.
A non remisión destes documentos no prazo establecido supón a perda da praza no intercambio.
* No caso de que a persoa seleccionada queira xestionar a súa viaxe con outras persoas participantes no intercambio deberá autorizar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a facilitar os seus datos de contacto aos demais participantes, cumprimentado o cadro  habilitado a tal efecto no formulario de inscrición.
De producirse baixas despois de adxudicarse as prazas, ofertaránselle aos/as solicitantes da lista de agarda, tendo que presentar o billete e demais documentación nos 5 días (naturais) seguintes da comunicación.
No caso de que o billete de transporte adquirido fose anulado posteriormente a súa remisión á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a praza para o intercambio será anulada e considerada non adxudicada.
Recibidos correctamente os documentos requiridos, aos seleccionados/as seralles facilitado, posteriormente, o nome do/a coordinador/a que acompañará ao grupo, así como o lugar de encontro no lugar de realización do intercambio.
Realizarase o intercambio se existe un mínimo da metade das prazas convocadas para cada un.


INTERCAMBIO XUVENIL Á PREFECTURA DE WAKAYAMA (XAPÓN)

Título:  “O Camiño Kumano Kodo: Patrimonio da Humanidade”.
Datas de realización do intercambio:  do 19 ao 26 de agosto de 2019.
Observacións:
** O 19 de agosto, entre as 17.00 h e as 18.00 horas (hora xaponesa) todos os mozos e mozas participantes deberán estar  no punto de encontro sinalado no aeroporto de Kansai - Wakayama.
** É obrigatorio participar no intercambio a totalidade dos días, é dicir, ata o 26 de agosto.

Prazas:  15 (acompañados/as dun/ha coordinador/a).
Cobertura do intercambio:
- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
- Trasporte no ámbito do intercambio.
- Actividades organizadas pola entidade de acollida.
- 4 días de estancia con familias xaponesas.

Será a cargo do/a participante:
- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio en Xapón.
- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e de enfermidade.

Estancia con familias:  os mozos/as participantes neste intercambio de ida a Xapón adquiren o compromiso de acoller na súa residencia en Galicia a 1 ou 2 mozos/as xaponeses/as dende as 18:00 h do día 8 de marzo  ata as 11:00 h do 11 de marzo de 2019.
Coa antelación suficiente, comunicarase o punto de encontro na cidade de Santiago de Compostela para a recollida e entrega do/s mozo/as xaponesas os días 8 e 11 de marzo de 2019.

Actividades provisionais previstas:  percorrido un tramo do Camiño Kumano Kodo, visita a lugares tradicionais da cultura xaponesa, encontros con mozos e mozas xaponeses,  e aloxamento durante 4 días con familias xaponesas.

Reunión previa á saída:  Os /as mozos/as seleccionados/as serán convocados a unha reunión preparatoria do intercambio previo ao inicio do intercambio, no día e lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A asistencia será obrigatoria, agás causa de forza maior debidamente xustificada. A data de realización desta reunión será comunicada por correo electrónico con antelación suficiente.

Recomendación de aeroporto máis preto para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio:  Aeroporto de Kansai.


INTERCAMBIO XUVENIL A VENECIA (ITALIA)

Título:  “Patrimonio histórico - artístico de Venecia: Patrimonio da Humanidade”.

Datas de realización do intercambio:  do 2 ao 9 de setembro  de 2019.
** É obrigatorio participar no intercambio a totalidade dos días.

Prazas: 20 (acompañados/as dun/ha/s coordinador/a/s).

Cobertura do intercambio:
- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
- Transporte no ámbito do intercambio.
- Actividades organizadas pola entidade de acollida.

Será a cargo do/a participante:
Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio en Italia.
* Nos días anteriores ao inicio do intercambio se comunicará ás persoas participantes o lugar de aloxamento en Venecia.
Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e de enfermidade.

Actividades provisionais previstas:  entre outras, actividades de ocio educativo e culturais, visita á Basílica e Praza de San Marcos, ao Palacio Ducal, illas de Murano e Burano, ao Teatro La Fenice, Museo de Historia Natural, workshops, encontros con mozos e mozas venecianos/as e cea intercultural.

Recomendación de aeroportos máis pretos para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio:
- Aeroporto Internacional Marco Polo - Venecia.
- Aeroporto de Sant´Angelo – Treviso.

MÁIS INFORMACIÓN
981545702
galeuropa@xunta.gal

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

A Rede Española de Albergues Juveniles (REAJ), en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, pon en marcha un programa para que os/as Correspondentes Xuvenís de diferentes comunidades autónomas poidan desfrutar dunha programación de actividades nun Encontro dunha fin de semana que se desenvolverá no Albergue Xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña).

Seleccionaranse un máximo de 20 correspondentes xuvenís de cada comunidade autónoma.

O encontro será totalmente gratuíto para os participantes seleccionados (actividades, manutención e desprazamento).

Trátase de formar aos/as correspondentes como  transmisores de información a outras persoas mozas no que respecta aos albergues xuvenís e as súas posibilidades, carné de alberguista, REAJ… e así promocionar o alberguismo entre a xuventude de distintas comunidades autónomas a través de actuacións conxuntas entre diferentes mozos e mozas, a aprendizaxe mutua e o intercambio de experiencias.

Requisitos:
- Ser correspondente xuvenil
- Cursar 2º, 3º, 4º da ESO ou 1º de bacharelato
- Presentar un video. O video realizarase en grupos de 2 participantes. O video debe amosar e difundir a nosa comunidade autónoma, os seus atractivos, lugares ou puntos de interese, enfocando o proxecto cara a mobilidade xuvenil en Galicia a través dos albergues xuvenís da REAJ existentes como opción de aloxamento.
A duración mínima será dun minuto e máxima de 3.

Prazo:  ata o 18 de febreiro. Enviaranse a institutoxuventude.ctb@xunta.gal

A selección dos dez mellores proxectos farase a través dun xurado e os proxectos seleccionados faranse públicos no portal web www.xuventude.net  o día 11 de marzo.

Data:  O encontro de correspondentes xuvenís terá lugar do 5 ao 7 de abril no albergue xuvenil de Gandarío.

BASES

A Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, reuniuse cos 290 mozas e mozos de entre 14 e 20 anos que participaron no Encontro de correspondentes xuvenís no Complexo xuvenil As Mariñas.

Cristina Pichel deulle a benvida aos participantes nesta actividade na que se constrúen lazos de gran importancia e, ademais, se melloran as accións destinadas a promocionar a iniciativa a través, por exemplo, das redes sociais. Así mesmo, puxo en valor o importante labor que realizan estas mozas e mozos ao longo do curso, posto que exercen de auténticos embaixadores dos diferentes programas e acción xuvenís que se poñen á súa disposición.

G5G9G12
G4grupo 2

G1
G3G8

G2
O programa Crrespondentes Xuvenís no presente curso escolar conta con 856 participantes no conxunto de Galicia. Son mozos e mozas de 89 centros diferentes que estudan educación secundaria, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional.

Correspondentes Xuvenís é unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude que consiste nunha rede de mozos e mozas que teñen o papel de “antenas informativas” para difundir nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil entre iguais.

Os mozos e mozas que participan de maneira voluntaria neste programa encárganse de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos sobre convocatorias, recursos e programas xuvenís que poidan ser do seu interese. O programa Correspondentes xuvenís é unha ferramenta que permite potenciar as habilidades comunicativas e sociais dos participantes; favorece a asunción temperá de responsabilidades e transmite valores como a solidariedade, a participación entre iguais e o liderado.

Correspondentes Xuvenís

A Universidade de Vigo, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (DXXPV) da Consellería de Política Social, favorece a difusión da información xuvenil entre o alumnado dos seus campus a través do programa Correspondentes Universitarios/as.
Este programa ten por obxecto difundir a información xerada dende a DXXPV entre o alumnado das distintas universidades galegas, favorecendo a participación das mozas e mozos tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.

Funcións das e dos correspondentes universitarias/os:

- Difundir entre o alumnado a información sobre os distintos programas, oportunidades e iniciativas para a xuventude que promova a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e xestionar regularmente un taboleiro informativo no centro asignado.
- Asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola DXXPV e destinados as e aos correspondentes universitarios/as.
- Aquelas outras que supoñan a mellora na achega de información á mocidade.

Beneficios das e dos correspondentes universitarias/os:

- Recibir información xuvenil de interese para a comunidade universitaria
- Recibir gratuitamente formación en materia de información xuvenil.
- Recibir gratuitamente o carné xove, o carné internacional de estudante (ISIC) e o carné de alberguista durante o ano escolar no que estean inscritos no programa.
- Recoñeceráselles o tempo dedicado como persoas voluntarias, así como a experiencia e competencias adquiridas, a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude,  que se valida con ata 6 créditos ECTS (coa correspondencia de 30 horas por cada ECTS).
- Participar gratuitamente, durante unha fin de semana, no encontro autonómico de Correspondentes Universitarias/os (na que se incluirá o aloxamento e a mantenza).

Requisitos das persoas solicitantes:

- Manter a condición de estudante dalgunha das titulacións da Universidade de Vigo durante todo o curso 2018/2019
- Ter un máximo de 30 anos no momento da solicitude.
- Acudir ás reunións de coordinación que se convoquen.
- Dar información de xeito regular a información xerada dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Inscrición: mediante formulario electrónico

Prazo de inscrición: do 11 ao 22 de xaneiro de 2019.
Admisión: As prazas e os centros de referencia asignaranse por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscrición.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Mais información: info@rgdinamizacion.es

Nos seguintes enlaces podes consultar as últimas bolsas convocadas en Galicia e en España tanto para os teus estudos como para formación práctica.

Bolsas

e si o que precisas son bolsas para estudar no estranxeiro:  https://www.scholarshipportal.com/