En portada (1148)

O día 18 de novembro podes asistir á final da especialidade de Música de Xuventude Crea 2017

Onde?:  La Espina. Lugar de Cornide 18. Bergondo. A Coruña
Hora:  ás 21:00
Entrada libre ata completar aforo

As directoras xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe nunha andaina polas Fragas do Eume con 18 mozos e mozas participantes do programa XuvenTur, que busca a súa aprendizaxe en competencias para emprender así como en coñecementos sobre a riqueza patrimonial de Galicia a través de actividades desenvolvidas en establecementos rurais durante as fin de semana.

A actividade enmárcase no acordo de colaboración entre Xuventude e Turismo para que a mocidade de 18 a 30 anos de idade poda sumar ao seu currículo vital e académico experiencias de cooperación, emprendemento e motivación á vez que coñece a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia.

A saída da andaina foi desde as inmediacións do mosteiro de Caaveiro, en A Capela, e durante o percorrido Cecilia Vázquez e Nava Castro animaron aos participantes a seguir apostando por este tipo de programas de educación non formal, que a Xunta impulsa tanto en Galicia como a través de experiencias europeas como o Erasmus + ou Galeuropa co obxectivo de que a mocidade creza en capacidades e habilidades.

Os mozos e mozas estiveron aloxados no Hotel Fraga do Eume e desenvolveron prácticas de cooperación, dinámicas de PNL (Programación Neurolingüística) e motivacións e emprendemento a través do modelo Lean Startup, así como actividades de sendeirismo en equipo e xogos.

XuvenTur é un programa de educación non formal gratuíto que se desenvolve a través de estancias de fin de semana, ademais de nas Fragas do Eume, en Carnota, Ancares-Courel, Seoane do Courel, Manzaneda e Xurés, e no que participarán cando finalice máis de 400 xóvenes.
 

- O Instituto Galego do Consumo e da Competencia imparte un curso sobre consumo e xénero destinado ao persoal que traballa nos distintos servizos de información xuvenil
- O curso, cunha duración total de 20 horas, impártese na modalidade de teleformación pola Escola Galega do Consumo e da Competencia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado colaboran para impartir un curso de formación específico sobre consumo e xénero dirixido ao persoal de información xuvenil que traballa nos distintos servizos autonómicos, municipais e doutras entidades de iniciativa social.

O curso, cunha duración total de 20 horas, impártese na modalidade de teleformación para facilitar a participación con independencia da localización do posto de traballo e consta dun total de 5 módulos, que se desenvolverán desde o 27 de outubro de 2017 ata o 1 de decembro de 2017.

O obxectivo principal do curso é promover a reflexión en torno ao consumo e o xénero, filtrado polo papel crucial da educación. Para acadar este obxectivo ao longo do curso reflexionarase sobre a relación entre o consumo e o xénero como elementos de desigualdade social, cuestionando os estereotipos de xénero asociados ao consumo e analizando os roles de homes e mulleres neste ámbito. Ademais, proporcionaranse as ferramentas necesarias para introducir a perspectiva, tanto de consumo responsable como de xénero, nas dinámicas de cada posto de traballo, contribuíndo deste xeito a unha mellora da atención prestada á xuventude.

A realización do curso ven motivada pola necesidade de complementar a formación dos técnicos e técnicas que traballan no ámbito da mocidade, que está en constante cambio e actualización. Ante esta realidade é necesario ofrecer unha formación actualizada, polo que os departamentos de xuventude e de consumo establecen sinerxías de traballo para facilitarlle aos asistentes as ferramentas que lles permitan coñecer a relación indisociable entre o consumo e o xénero. O curso incide na necesidade de afrontar este tema de xeito transversal, garantindo unha visión de conxunto, onde se traballe o consumo e o xénero de forma interrelacionada.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu hoxe á apertura da asemblea de Didania, a rede de entidades que aglutina escolas de tempo libre educativo, entre as que se atopa Don Bosco Santiago de Compostela.

A titular autonómica definiu estas escolas como un instrumento fundamental para a dinamización da mocidade destacou a importancia da celebración deste tipo de xuntanzas para intercambiar experiencias e traballar conxuntamente na implantación de medidas e programas que beneficien aos mozos e mozas galegos. E, ao fío, lembrou que a Consellería de Política Social ten aberto un proceso de participación para escoitar a todos os axentes de cara á elaboración do novo Decreto en materia de xuventude que vai supoñer tamén un impulso para a educación no tempo libre cunha nova regulación da formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil e das escolas de educación no tempo libre.
 

 

 

INTERACTUANDO NO TEMPO LIBRE 2017

XI xornadas galegas de actualización de coñecementos e intercambio de experiencias

3, 4 e 5 de novembro

Albergue Xuvenil de Gandarío, Bergondo, A Coruña

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social pon en marcha unha nova edición de Interactuando no tempo libre, que nesta ocasión ven marcada polo reto de avanzar no consenso de cara á elaboración do Decreto de desenvolvemento da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

Téñense dado varios pasos neste camiño partindo daquel II Foro aberto do Tempo Libre celebrado en novembro de 2016, e logo de todo o proceso participativo levado a cabo para a renovación da normativa en materia de xuventude, o XI Interactuando supón un espazo de avance de cara a pechar participadamente un borrador de Decreto e como encontro aberto para ir anticipando, debatendo, imaxinando e construíndo horizontes novos.

Unha vez máis o obxectivo último é o de crear un espazo de reflexión e debate entre os profesionais do sector acerca da importancia da educación non formal como acción educativa e transformadora no eido do tempo libre, a través dunha metodoloxía activa e participativa.

Interactuando é

• Un foro para o intercambio de experiencias e para a actualización de coñecementos

• Un espazo para a formación e a aprendizaxe

• A oportunidade para o encontro e a convivencia.

• Un tempo para reflexionar e vivir o tempo libre en clave educativa

• Unha fin de semana para achegarnos a diferentes maneiras de traballar e para tecer redes

Os seus obxectivos son:

• Dar a oportunidade de encontrarse e de establecer contactos.

• Promover o diálogo entre todas as persoas que traballan neste ámbito.

• Reflexionar e analizar a acción educativa no tempo libre.

Definir as liñas de acción e compromisos para poñer en práctica nas diferentes realidades de cadaquén.

Destinatarios:

Monitores/as e directores/as de actividades de educación notempo libre.

Técnicos/as de xuventude e dinamizadores/as xuvenís.

Profesionais do ámbito (animadores/as socioculturais, educadores/as sociais, pedagogos/as, dinamizadores/as de actividades de educación no tempo libre).

Membros de asociacións xuvenís, grupos informais que realicen actividades de educación no tempo libre e voluntarios/as.

Interactuando no tempo libre artellarase en faladoiros como espazos para a aprendizaxe, a reflexión e o debate sobre os seguintes temas:

  • Formación e escolas de educación no tempo libre: están as escolas de tempo libre cumprindo a súa función? Que formación precisamos? Como debe ser esa formación? Formación por competencias. Futuro das ETL
  • Emprego no tempo libre: Profesionais de actividades de educación no tempo libre. Relación entre empresas, monitores, escolas e administración.
  • Campamentos e instalacións xuvenís: En instalacións xuvenís fixas ou móbiles, os campamentos de verán son un dos alicerces da educación no tempo libre en Galicia.
  • Educación no tempo libre: Entreter? Educar? Aprender xogando? Educación global? Valores transversais e aprendizaxe hoxe en Galicia.

 

Cada un dos faladoiros estará constituído por un máximo de 25 persoas. Cando se realice a inscrición cómpre indicar a preferencia do faladoiro no que se desexa participar. A organización adscribirá os/as participantes nos faladoiros atendendo ás súas preferencias e á orde de inscrición.

Achegas na rede ao novo decreto

O borrador do decreto está dispoñible na rede para que calquera persoa o consulte e elabore achegas que o poidan mellorar. Non é necesario asistir ás xornadas para facer chegar achegas ao borrador.

Antes do 31 de outubro enviaranse ao enderezo de correo electrónico decreto.xuventude@xunta.gal indicando o artigo que se quer mellorar, o texto que se propón e, se se quer, unha xustificación da proposta de mellora.

As achegas recollidas de antemán serán a base de traballo da maña de sábado.

Panel de Experiencias. Comunicacións e experiencias

Calquera persoa ou entidade que desexe compartir unha experiencia realizada no ámbito da educación no tempo libre poderá solicitar a súa inclusión no Panel de experiencias. Isto implicará dispor de 7-10 minutos para a súa presentación.

Para iso enviarase antes do 31 de outubro ao email institutoxuventude.ctb@xunta.gal un arquivo de texto de entre 7 e 20 páxinas, tipo de fonte “Arial”, tamaño 12, espazado entre liñas de 1'5. É posible incluír imaxes, sempre e cando non superen o 30% do espazo. A comisión organizadora fará a selección e comunicará a inclusión ou non no panel de experiencias das distintas propostas achegadas.

Xunto coa experiencia achegarase un resumo dela, dun máximo de 10 liñas, incluíndo o título da comunicación, o nome dos/as autores/as e o nome da entidade/grupo onde se desenvolveu a iniciativa.

Inscrición: a través do seguinte formulario. A inscrición estará aberta ata o 1 de novembro inclusive.

Se para participares activamente no Interactuando precisas traer á túa cativa ou ao teu cativo, fáinolo saber.

PROGRAMA

Venres, 3 de novembro

17.00 h Acollida e entrega de documentación

17.30 h Benvida e sesión plenaria

18.30 h Descanso

19.00 h Faladoiros

20.30 h Cea

22.00 h Actividade nocturna: coñecemento e creación de grupo

Sábado, 4 de novembro

9:30 h Faladoiros

11:30 h Descanso

12: 00 h Faladoiros

14.00 h Xantar

16.00 h Faladoiros

18.00 h Panel de experiencias

20.00 h Tempo libre

20.30 h Cea

22.00 h Interacción nocturna: presentación en vivo de boas prácticas

Domingo, 5 de novembro

09.30 h Faladoiros

11.00 h Presentación de conclusións

13.00 h Clausura e despedida.

No DOG do 16 de outubro de 2017 publícase o decreto que regula o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo a súa estrutura, composición e funcionamento, o contido dos plans e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria, así como a formación en materia de acción voluntaria, en desenvolvemento da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

DOG do 16 de outubro de 2017

 

A DXXPV está a impulsar o desenvolvemento de diversas accións para deseñar as políticas de xuventude da Xunta de Galicia dos vindeiros catro anos. Sobre algunha delas xa vos invitamos a participar, como son os World Café provinciais. Aínda non te apuntaches? Podes facelo premendo aquí.


Nesta ocasión invitámosvos a cumprimentar un cuestionario. Non leva máis de 8 minutos! Pincha aquí para acceder ao cuestionario: CUESTIONARIO.
Terás a oportunidade de contar como ves á xuventude de Galicia e valorar o que a Xunta de Galicia, e nomeadamente a DXXPV, están a facer para a xuventude.
Recollerase a opinión das persoas interesadas ata o luns 06-11-2017 ás 23.59 horas.


Se te interesa o que se fai dende as políticas públicas a favor da xuventude, aquí podes deixar a túa opinión. Podes ser mozo ou moza, ou non. Este cuestionario está aberto a toda a cidadanía!


É posible que te cheguen invitacións para cumprimentalo por diversas vías. Agradecémosche que o cumprimentes unha soa vez.
Anímate e anima a outras persoas a participar.
Graciñas pola túa contribución!

 

Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Os participantes convivirán durante a fin de semana no albergue de ecoturismo Alvarella e xuntos abordarán diversos temas como o bullying ou a violencia de xénero

A Consellería de Política Social achegou 5000 euros para a celebración deste evento

A Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asistiu hoxe ás xornadas XAC-Xóvenes como axente de cambio promovidas por Cruz Vermella Xuventude e que se están a celebrar durante a xornada de hoxe e mañá en Vilarmaior.


As xornadas, xirarán entorno á educación e sensibilización para evitar e previr a violencia nas súas diferentes manifestacións. O obxectivo é promover unha mocidade activa e solidaria mediante a non violencia e o fomento de valores como a convivencia, a tolerancia e o respecto; que os mozos e mozas podan ser axentes de cambio desde a perspectiva da non violencia.


Os participantes convivirán durante a fin de semana no albergue de ecoturismo Alvarella e abordarán xuntos temáticas como: rompendo mitos sobre as migracións, o bullying e o acoso escolar, a violencia de xénero e o conflito desde unha perspectiva positiva, entre outras.


A Consellería apoia este proxecto cunha subvención de 5.000 euros como financiamento integral das xornadas, a través do programa Iniciativa Xove da Consellería de Política Social, que posibilita a posta en marcha de proxectos por parte das entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas, cuxo desenvolvemento facilita a adquisición de habilidades e ferramentas á mocidade así como a vivencia de experiencias e aprendizaxes no ámbito da educación non formal. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destina este ano 545.000€ a este programa que permite a execución de 119 proxectos.

Novo Decreto de Xuventude1

A xuntanza enmárcase no proceso de participación aberto co obxectivo de coñecer e contar coa opinión, inquedanzas e necesidades dos distintos axentes implicados nos ámbitos obxecto de regulación.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convida a calquera persoa/entidade interesada e, nomeadamente, a educadoras/es de tempo libre, asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude, empresas do sector, xerentes de instalacións, técnicas/os de xuventude e escolas de tempo libre, a unha xuntanza onde se dará conta das mudanzas realizadas e das incorporacións ao texto do borrador ao longo do proceso participativo para a elaboración do decreto que desenvolverá o título II da Lei 6/2012, de xuventude de Galicia.

O texto do último borrador pode consultarse aqui

Estas mudanzas e incorporacións fixéronse en base ás achegas realizadas por correo electrónico e ás propostas recibidas nas distintas sesións de traballo e no III Foro Aberto do Tempo Libre.

Así mesmo, informarase e debaterase acerca dos pasos a seguir a partir de agora.

A xornada terá lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, o día 17 de outubro entre as 16h30 e as 18h30.

Se estás interesada/o en asistir, inscríbete a través do seguinte formulario.

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos mozos e mozas participantes no proxecto promovido pola Mancomunidade de municipios de Ordes no marco do programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, convocado pola Consellería de Política Social.
Trátase de 20 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpren a condición de beneficiarios e que nos vindeiros días iniciarán as súas prácticas formativas non retribuídas cunha duración de dous meses en empresas de Portugal, Italia e Reino Unido.
A contía da axuda por mozo/a está en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma; e inclúe unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención e axuda para a viaxe. O importe total da axuda inclúe para a entidade de envío unha axuda á organización da mobilidade (550 euros por participante) e a súa execución, así como unha axuda á entidade de acollida.

Cecilia Vázquez sinalou que “este proxecto de mobilidade é un exemplo de unión de esforzos e medios entre administracións para ofrecer á mocidade ferramentas para a mellora da súa formación que lle permitan adquirir habilidades e capacidades complementarias para achegarse un pouco máis ao obxectivo profesional marcado; de reforzar a súa autoestima en termos de empoderamento que lle dea forzas e motivación para avanzar no seu itinerario persoal e profesional”. “Debemos lembrar que a Mancomunidade de municipios da comarca de Ordes, creada no ano 1976 e integrada polos concellos de Frades, Ordes, Mesía, Trazo, Oroso, Tordoia e Cerceda, é a máis antiga da Comunidade Autónoma galega”, engadiu a directora xeral.

A directora xeral lembrou que a mobilidade na formación ofrece aos mozos e mozas oportunidades de fortalecer as súas capacidades xenéricas e específicas para avanzar no seu proceso formativo e incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado de traballo. “A mobilidade non é un fin en si mesma, debemos entendela como a adquisición de novas competencias nun entorno cultural e social novo, que facilita a adquisición de coñecementos e competencias mediante metodoloxías de aprendizaxe distintas ao modelo formativo do país de orixe”, explicou a directora.

Cecilia Vázquez rematou a súa intervención lembrando que “a Comisión Europea no documentoUnha estratexia da Unión Europea para a xuventude: Investimento e Capacitación, destaca que unha das claves para o desenvolvemento persoal e a mellora da empregabilidade da mocidade é a súa participación en programas de mobilidade”.

Galeuropa


O programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Cun orzamento no ano 2017 de 2.176.515,40 euros, pretende financiar e apoiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas entre dous e tres meses de duración en entidades/empresas públicas ou privadas de 27 países da Unión Europea ben directamente concedendo axudas individuais aos mozos e mozas ou ben mediante concesión de axudas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude ou proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta última convocatoria na modalidade de axudas a entidades locais, foron aprobados os catro proxectos presentados cun orzamento adxudicado de 356.419,09 euros e un total de 67 mobilidades aprobadas: 31 para Reino Unido, 13 para Irlanda, nove para Italia, nove para Finlandia e cinco para Portugal. As entidades locais beneficiarias son: a agrupación de concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces, con 20 mobilidades de tres meses de duración; a agrupación de concellos Negreira- Val do Dubra con 18 mobilidades de tres meses de duración; a Mancomunidade de concellos de Ordes con 20 mobilidades de dous meses de duración; e o Concello de Ourense con nove mobilidades de dous meses de duración.

No apartado de axudas a entidades sen ánimo de lucro foron presentados 26 proxectos, dos que resultaron beneficiarios 15 cun orzamento adxudicado de 1.000.000 de euros e un total de 188 mobilidades aprobadas: 72 para Italia, 45 para Portugal, 23 para Irlanda, 12 para Bulgaria, 11 para Reino Unido, cinco para Malta, catro para Polonia, catro para Alemaña, catro para Francia, catro para Chipre e catro para República Checa.

Na modalidade de axudas individuais, recibíronse un total de 286 solicitudes, dos que resultaron beneficiarios 160 mozos e mozas cun orzamento adxudicado de 674.527,26 euros. Segundo o país de realización das prácticas, estes 160 mozos e mozas realizarán a súa mobilidade nun total de 18 países: 53 no Reino Unido; 38 en Portugal; 16 en Irlanda; 11 en Malta; 10 en Alemaña; cinco en Francia; cinco en Grecia; catro en Italia; tres en Bélxica, Países Baixos e Polonia, respectivamente; dous en Dinamarca e dous en Eslovaquia; e un respectivamente en Austria, Eslovenia, Hungría, Letonia e Suecia.