En portada (1091)

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado impulsa o proxecto Aventura en Gandarío, que permitirá que un grupo de 45 menores en garda ou tutela da administración participen este verán nunha estadía de oito días nas instalacións xuvenís situadas no municipio coruñés de Bergondo

A Xunta de Galicia e a súa proposta de campamento solidario Aventura en Gandarío vén de resultar gañadora do certame convocado pola Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ). Deste xeito, a iniciativa galardoada recibirá unha achega económica desta entidade para a súa celebración nas instalacións xuvenís situadas no concello coruñés de Bergondo do 29 de agosto ao 5 de setembro deste ano.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, en colaboración co departamento de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, é a impulsora deste proxecto que procura reducir a desigualdade social facilitando que os nenos e nenas sen recursos económicos poidan beneficiarse dunhas vacacións nun albergue que forma parte da REAJ. En concreto, en Aventura en Gandarío participarán 45 nenos e nenas de 9 a 12 anos en situación de tutela ou garda da Administración autonómica.

A través dunha estadía de oito días, os asistentes mellorarán a súa capacidade de adaptación e integración mediante a realización de actividades culturais e deportivas baseadas na cooperación e no respecto cara os demais. Entre elas, destacan actividades de orientación, aulas de natureza, multiaventura ou xogos populares. Así mesmo, no campamento tamén se fomentarán os hábitos de vida saudables mediante a promoción dun estilo de vida activo e unha alimentación adecuada.

O proxecto de Galicia resultou o mellor valorado polos técnicos das oito comunidades autónomas presentes no comité executivo de REAJ. As avaliacións fixéronse de maneira anónima, xa que os técnicos descoñecían a que comunidade pertencían as propostas que estaban a estudar.

Desde hai varios cursos, o IES Saturnino Montojo están inmerso no programa Correspondentes Xuvenís. O traballo desenvolvido polo equipo de dezasete alumnos e alumnas e catro profesores do centro vén de ser recoñecido como exemplo de boas prácticas educativas no marco do Plan Proxecta, publicándose ademais un artigo na revista Eduga no que se dá conta das actividades realizadas polos participantes no plan.

A directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, visitou o centro para manter unha reunión co equipo, ao que felicitou polo seu traballo, ademais de facerlles entrega dos diplomas que lles recoñecen cen horas de voluntariado.
O proxecto da Xunta ten por obxectivo establecer unha rede de correspondentes xuvenís nos centros interesados que faciliten a difusión de información de interese para a mocidade. Deste xeito, os alumnos implicados encárganse de informar aos demais compañeiros das convocatorias, carnés xuvenís e outros recursos e actividades que poidan ser do seu interese.
 
Reunión
Os estudantes do instituto ferrolán explicaron á directora xeral o xeito no que desenvolven esta tarefa, incardinada neste caso co proxecto de Dinamización Lingüística, ambos coordinados por Carme Fernández Miranda.

Os correspondentes impulsan numerosas propostas como a celebrada hai uns días que lles permitiu recadar preto de 500 euros para a ONG Save the Children.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o director e fundador de ‘Pantallas Amigas’, Jorge Flores, presentaron en rolda de prensa os detalles desta iniciativa

O proxecto ‘Pensar antes que sextear’ consiste nun decálogo con consellos para facer desta práctica unha actividade máis segura

Dá continuidade á campaña que se iniciou en 2014 baixo o lema ‘10 razóns para non practicar sexting’

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentaron esta mañá unha nova campaña para concienciar á mocidade dos riscos do sexting, unha práctica que consiste no envío de imaxes íntimas de forma voluntaria por parte de quen as protagoniza a través do smartphone. No acto tamén estivo presente o director e fundador de Pantallas Amigas, Jorge Flores, como parte impulsora e colaboradora no proxecto.

O obxectivo da iniciativa Pensar antes de sextear é dar continuidade á campaña que se iniciou en 2014, tamén en colaboración con Pantallas Amigas, baixo o lema 10 razóns para non practicar sexting. Así, pretende afondar na percepción das novas xeracións dixitais en torno aos novos formatos de desigualdade e constitúe, ao tempo, un paso necesario para deseñar estratexias de fomento da igualdade e prevención da violencia machista.

Trátase, ademais, dunha iniciativa moi necesaria tendo en conta que actualmente 9 de cada 10 adolescentes de 14 anos anos xa teñen móbil; que os smartphones se están empregando unha media de 5 horas diarias; e que 1 de cada 3 adolescentes de entre 12 e 14 anos practica sexting e recibe contidos sexual no seu móbil.

Polo tanto, o sexting é unha práctica con crecente prevalencia e que forma parte das relacións entre persoas dun abano de idades cada vez máis amplo. Con todo, debe considerarse unha actividade de risco, xa que en moitas ocasións a persoa que a realiza acaba converténdose en vítima, por culpa dun descoido, unha casualidade, unha equivocación ou a mala fe de terceiras persoas.

Por iso, a campaña presentada hoxe consiste nun decálogo de consellos e de medidas de autoprotección que permiten aumentar as garantías de privacidade ou seguridade nas prácticas que a mocidade desenvolve a través das redes sociais.

Así, entre outros consellos, recorda que a decisión de enviar unha imaxe íntima debe tomarse sen ningún tipo de presión ou ameazas e sempre enviarse a persoas merecedoras de confianza. Tamén recomenda excluír das imaxes partes que permitan coñecer a identidade de quen as envía (rostro, marcas corporais...), así como metadatos como a xeolocalización. Ademais, aconsella evitar o uso de redes inalámbricas públicas e eliminar todas as imaxes íntimas, tanto do teléfono como da nube.

As imaxes da campaña, listas para ser compartidas en redes sociais, están dispoñibles na páxina web http://www.sextingseguro.com/xunta/

Máis de un milleiro de estudantes de centros de ensino das catro provincias galegas participaron neste programa dende a súa posta en marcha no ano 2010

Esta iniciativa demostrouse como unha eficaz ferramenta para mellorar o rendemento académico dos estudantes

A Consellería de Política Social incide na importancia da política de xuventude que se desenvolve fóra das aulas para completar a formación académica da mocidade con competencias, capacidades e habilitades a fin de preparalos para a vida e o traballo. Nesta liña enmárcase o programa Parlamento Xove impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e polo que pasaron dende a súa posta en marcha en 2010 un total 261 equipos de centros de ensino de toda Galicia e 1337 participantes entre estudantes e docentes (1076 alumnos e 261 mestres).

Cómpre indicar que o interese dos centros educativos nesta iniciativa foi crecente, pasando de oito equipos nas primeiras dúas edicións aos máis de 40 rexistrados nas dúas últimas. Polo tanto, o balance de Parlamento Xove é positivo en termos de implicación do alumnado de Secundaria e Bacharelato ao que vai dirixido e tamén porque ten demostrado que é unha ferramenta eficaz para mellorar o rendemento académico dos estudantes. Así, a través deste programa non soamente se fomenta a expresión oral, cuestión imprescindible para un mundo como o de hoxe, tamén o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Asemade, fomenta a lectura, a escritura e o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos, educativos e culturais.

Outro aspecto positivo a ter en conta deste programa é que posibilita que os participantes reflexionen sobre temáticas que son de gran interese tanto para a mocidade como para o conxunto da cidadanía, tales como o uso das redes sociais, a globalización, a crise económica e o consumo responsable, o sexismo ou a maioría de idade. Isto potencia o pensamento crítico e a tolerancia, valores imprescindibles para o fortalecemento dos vimbias sobre as que se apoia a calidade democrática da nosa sociedade.

Parlamento Xove é unha competición na que os diversos equipos inscritos (compostos por un profesor e catro alumnos) investigan, escriben e debaten sobre un tema. Realízase en dúas fases: unha clasificatoria da que resultan oito equipos gañadores que se enfrontan nunha final que ten como escenario o hemiciclo do Parlamento de Galicia. A dificultade dos debates está en que soamente cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Os obxectivos principais destes debates son: dar a coñecer e defender a postura sobre o tema proposto, dar elementos de xuízo claros na exposición, exercitar a expresión oral e a capacidade de escoitar, así como a participación activa e a defensa das opinións con xustificación.

En definitiva, esta actividade facilita os espazos e recursos necesarios para que os mozos e mozas poidan expresar as súas opinións e inquedanzas. Asemade, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas. Estas son: a lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita e comprensión oral e escrita); a matemática, porque en todos os debates os equipos manexan datos e porcentaxes que avalan as súas argumentacións; tratamento da información e destreza dixital; competencia social e cidadá, porque contribúe a convivencia dado que o traballo realízase en equipo; competencia cultural e artística, porque nos debates esíxese o emprego de figuras estilísticas; e capacidade de retórica.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado traballa na preparación da novena edición de Parlamento Xove, cuxa convocatoria se prevé para novembro de 2017. Programas como este reforzan a aposta pola xuventude por parte da Xunta ao fomentar o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, así como a tolerancia crítica e o respecto polas ideas dos demais. Tamén axuda a mellorar das competencias, habilidades, capacidades e cualificación dos mozos e mozas.

Este foro vén precedido por cinco xuntanzas de traballo levadas a cabo en Ourense, Lugo, A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, nas que participaron arredor de 100 técnicos de xuventude, monitores e directores de tempo libre, membros de asociacións xuvenís e escolas de tempo libre entre outros

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presidiu hoxe o III Foro aberto do tempo libre, unha iniciativa enmarcada dentro do proceso de participación para a elaboración da nova normativa de desenvolvemento da Lei de Xuventude de Galicia posto en marcha pola Consellería de Política Social.

Máis de 50 persoas participaron no Foro, que tivo lugar no Centro de novas tecnoloxías en Santiago de Compostela. Os participantes dividíronse en catro grupos de traballo a través dos que se avanzou na renovación da normativa en materia de xuventude, pechando os temas nos que houbo consenso nas reunións mantidas previas ao foro e identificando materias susceptibles de seguir sendo traballadas. Por outra banda, artelláronse mecanismos operativos de comunicación e traballo nos meses subseguintes para avanzar na redacción da norma e para a organización dunha nova edición do programa Interactuando. Así mesmo, o foro serviu para asentar unha base de coñecemento mutuo entre axentes activos no eido da educación non formal e das actividades de tempo libre en Galicia.

O III Foro Aberto de Tempo Libre vén precedido por cinco xuntanzas de traballo levadas a cabo en Ourense, Lugo, A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, nas que arredor de 100 técnicos de xuventude, informadores xuvenís, escolas de tempo libre, monitores e directores, entre outros, debateron en torno a un primeiro borrador de decreto elaborado pola Dirección Xeral de Xuventude. Froito deste traballo conxunto, a Administración autonómica agarda contar cun texto froito do consenso que aborde cuestións tan importantes como os programas formativos e as titulacións válidas para a educación no tempo libre, os requisitos das instalacións xuvenís ou as especializacións na formación dos profesionais, co fin de garantir unha atención adaptada ás necesidades das persoas e outras realidades que foron xurdindo e que non están recollidas na normativa vixente.

Neste senso, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asegurou que “na Xunta de Galicia somos conscientes da importancia de coñecer e contar coa opinión, inquedanzas e necesidades dos distintos axentes implicados nos ámbitos obxecto da regulación e con este III Foro aberto do tempo libre ponse fin á primeira fase deste proceso de participación cidadá na elaboración da normativa”. 
 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou a iniciativa no IES Ramón Otero Pedrayo (A Coruña)

A iniciativa consistirá na escrita de posts en favor da diversidade sexual durante a semana do 16 ao 21 de maio

Está promovida polo servizo Quérote +, e conmemora o Día internacional contra a homofobia e a transfobia e o Día mundial de internet

A Xunta de Galicia lanza en redes sociais a campaña Like pola diversidade, con motivo da conmemoración mañá mércores do Día internacional contra a homofobia e a transfobia e do Día mundial de internet.

A campaña, presentada hoxe no IES Ramón Otero Pedrayo (A Coruña) pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, busca “pór en valor unha canle como internet, que é un espazo de comunicación e interacción social que ten un gran impacto na sociedade, e no que debemos contribuír a difundir contidos que promovan o respecto á diversidade e a fagan visible”, explicou.

A iniciativa consistirá na escrita de posts en favor da diversidade sexual durante a semana do 16 ao 21 de maio. O servizo Quérote+ lanzará as mensaxes e traballará cos centros educativos para que o equipo docente e o alumnado se convertan nun axente activo na súa difusión.

Cecilia Vázquez subliñou que estas mensaxes promocionarán o respecto, a tolerancia e o valor da diversidade sexual, “enfrontando polo tanto, as mensaxes discriminatorias, de odio e de rexeitamento existentes na rede”. A homofobia e a transfobia son un problema social que se manifesta en diferentes esferas e internet é unha delas, “por iso é importante que fagamos público tamén nese ámbito o noso rexeitamento cara as ideas intolerantes e irrespectuosas”, engadiu a directora xeral.

Servizo de atención ao colectivo LGTBI

Ademais desta campaña en redes sociais, Quérote+ participará o día 17 no relatorio Realidade dos menores trans en Galicia na facultade de Traballo Social da Universidade de Santiago de Compostela, así como no obradoiro Divers@s na Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Os centros Quérote+ son un servizo de referencia na atención ao colectivo LGTBI. No plano de asesoramento aténdense consultas relativas á identidade sexual, ás vivencias das persoas transexuais e das súas familias e entorno, mesmo sobre o propio proceso de transición, entre outras, conformando un espazo de apoio e orientación nesta materia. En formación, os contidos LGTBI forman parte das intervencións en centros de ensino, así coma no traballo con familias e profesorado, co ánimo de coñecer mellor e comprender a diversidade sexual, contribuíndo a unha vivencia máis positiva da sexualidade.

Amplíase o prazo de inscrición ata o día 12 de xuño

 

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, xunto coa Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ), organiza as xornadas “Implicando á xuventude na conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sustentable”, no marco do programa MOVIC´17.

Os obxectivos últimos do programa MOVIC son manter e crear novos vínculos entre as persoas mozas das distintas comunidades autónomas, materializados a través da posta en marcha de actividades nos albergues xuvenís; promocionar e difundir o movemento alberguista e as potencialidades dos establecementos xuvenís que conforman a Rede; e fomentar a mobilidade xuvenil e a adquisición de valores coa posta en marcha de actividades en distintos ámbitos.

No Albergue Xuvenil de Gandarío, que forma parte da REAJ, organízanse estas xornadas co obxectivo concreto de visibilizar entre os mozos as oportunidades sociais e económicas que se xeran arredor das Reservas da Biosfera e dos espazos naturais protexidos, enmárcase esta actividade de tres días dirixida especialmente a vós, verdadeiros motores de futuro para estas áreas protexidas.

Estas xornadas vanse desenvolver integramente en distintos espazos naturais da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo declarada pola UNESCO en 2013. As Reservas da Biosfera son territorios que teñen como obxectivo fundamental a protección e o mantemento do patrimonio natural e cultural, conciliándoo e harmonizándoo co desenvolvemento económico e social.

Nestes días visitaremos e realizaremos actividades en dous espazos naturais protexidos emblemáticos desta Reserva xa que albergan valores naturais sobresalientes, con especies de flora e fauna ameazadas ou raras moi valiosas.

Ademais, ambos forman parte da Rede Natura 2000, unha rede de espazos naturais a nivel europeo.

MOVIC17.1

Na Zona de Especial Conservación Betanzos-Mandeo sobresaen os seus bosques de ribeira de ameneiros e freixos, e as fragas de carballo que dan refuxio e alimento a unha gran diversidade de especies, incluso varios fieitos relictos do Terciario ou unha das poboacións ibéricas máis importantes do cada vez máis escaso mexillón de río ou maderperla.

A Costa de Dexo, que é Monumento Natural e tamén forma parte da Rede Natura 2000, é unha importante área de cantiis, covas mariñas, e illotes que se estende ao longo dun dos tramos de costa mellor conservados do Golfo Ártabro, un espazo natural de gran interese polo seu xeomorfología e o seu alto valor paisaxístico.
Durante estes tres días realizaremos diversas actividades de investigación e coñecemento do medio natural e os seus valores pero tamén desenvolveremos actividades de voluntariado ambiental que contribúen de forma moi positiva á conservación da natureza. Teremos, ademais, a oportunidade de coñecer outras oportunidades de economía alternativas e sustentables coa conservación do medio ambiente.

MOVIC17.2

 

 

Para mais información:

MÁIS INFORMACIÓN

MÁS INFORMACIÓN

FORMULARIO

FORMULARIO

A directora xeral de Xuventude destacou que esta iniciativa “é unha oportunidade para a mocidade e para dotar de profesionais de calidade o tecido empresarial galego nun momento de tan rápida transformación do mercado laboral”

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela corrobora que o desemprego entre os participantes en edicións anteriores deste programa diminuíu nun 67%

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, deu a coñecer hoxe a nova edición do programa Galeuropa, iniciativa da Unión Europea na que participa a Xunta e que ten como obxectivo a mellora das competencias profesionais da mocidade mediante a realización de prácticas formativas en empresas europeas. Esta presentación coincide coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases deste programa para 2017 e na mesma a responsable autonómica estivo acompañada de Paula Pedreira, estudante de Dereito que na edición do ano pasado ampliou a súa formación con prácticas na Cámara Hispano-Lusa, en Lisboa (Portugal), grazas a Galeuropa.

Desta nova convocatoria de Galeuropa, Cecilia Vázquez destacou o crecemento do orzamento ata acadar os 2,1 millóns de euros para a presente anualidade, o que beneficiará a medio millar de mozos de mozas. Así, indicou que os participantes neste programa “gañarán competencias que lles axudarán logo ao seu desempeño laboral como as aptitudes para os idiomas, a habilidade para traballar nun contexto internacional, a capacidade de adaptación a distintos modelos organizativos e o coñecemento de culturas e costumes doutros países”.

Ademais, a responsable autonómica indicou que “nun momento de transformación tan rápida do mercado laboral como actual Galeuropa é unha excelente oportunidade para dotar de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego, así como para detectar novos sectores empresariais para implantar en Galicia e descubrir novas posibilidades de internacionalización para as empresas galegas”.

A Xunta impulsa Galeuropa desde 2012 e na edición de 2015 Galicia convértese na única Comunidade Autónoma que certifica de xeito oficial a participación neste programa e de todos aqueles vinculados á educación non formal, o que permite incorporar esta experiencias nos currículos dos participantes.

Desde as primeiras edicións, participaron nesta iniciativa preto dun millar de mozos e mozas, sendo os principais países elixidos para as prácticas Reino Unido, Portugal, Irlanda e Italia.

Segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre os programas de educación non formal e a empregabilidade da xuventude en Galicia, Galeuropa permitiu que o desemprego entre os inscritos en edicións anteriores diminuíse nun 67%. Asemade, antes das prácticas, un 70,4% dos beneficiarios estaban en paro, cifra que se reduciu posteriormente ata o 23,4%. O estudo conclúe que o grao de satisfacción dos participantes é do 80% e que un 92% recomendarían Galeuropa aos seus amigos.

Galeuropa 2017 establece axudas a mozos e mozas menores de 30 anos a título individual, que deberán estar inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e tamén a proxectos presentados por concellos e organizacións sen ánimo de lucro. As prácticas, que se poderán desenvolver en 27 países europeos, terán unha duración de dous a tres meses.

A iniciativa se enmarca na firma aposta do Goberno galego polos programas de educación non formal que preparen aos mozos e mozas para o futuro, como son tamén Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Erasmus +, a Campaña de Verán (campamentos e campos de traballo) e Deseñando o teu Futuro.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, organiza esta actividade que se desenvolverá o vindeiro día 30 de maio no Espazo Xove de Noia

A inscrición para participar neste encontro ábrese o luns, sendo obxectivo do mesmo coñecer proxectos e que os mozos e mozas obteñan información e asesoramento sobre este programa

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, en colaboración coa Axencia Nacional do programa ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’, organizará o 30 de maio en Noia unha xornada de intercambio de experiencias entre os participantes desta iniciativa de voluntariado xuvenil europeo, que este ano cumpre o seu 30 aniversario.

Xuventude quere pór en valor os proxectos que se realizaron ou se están a realizar centrados na participación e a cidadanía activa, así como na inclusión de mozos e mozas que presentan especiais dificultades. A xornada, baixo o lema ‘30 anos compartindo experiencias de participación e inclusión en Erasmus+’, será un punto de encontro e coñecemento para que tanto as entidades como as persoas que traballan en Erasmus+ e en proxectos de inclusión poidan achegarse e obter información e asesoramento sobre as oportunidades que ofrece o programa, ao tempo que coñecen experiencias neste ámbito.

Esta iniciativa ten como destinatarios a responsables de entidades participantes no ‘Erasmus+’, técnicos xestores de proxectos europeos, mozos e mozas interesados en participar no programa; organismos públicos implicados, persoal das distintas administracións que traballen no ámbito de xuventude ou calquera persoa interesada. A inscrición para participar, que se abrirá mañá luns, día15, cun total de 70 prazas, será mediante formulario electrónico dispoñible na web de Xuventude.

O encontro descorrerá no Espazo Xove de Noia e incluirá o relatorio ‘30 anos compartindo experiencias de participación en Erasmus+. A inclusión nos proxectos Erasmus +0’, e un panel de experiencias de entidades e participantes no programa. Paralelamente instalarase unha zona expositiva con material gráfico e audiovisual sobre proxectos realizados e un punto de información e asesoramento,

O ‘Erasmus+’ para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, busca, entre outros fins, mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas, promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo, a cidadanía activa, o diálogo intercultural, a inclusión social e a solidariedade, así como potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís.

 

Inscrición na Xornada no Espazo Xove de Noia

 O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, despediu esta mañá ao grupo de 25 mozos e mozas procedentes de Sicilia (Italia), que participaron no intercambio A xuventude no mundo da Xunta de Galicia e a través do cal puideron coñecer Galicia durante unha semana.

A expedición contou cun amplo calendario a través do cal coñeceron a realidade galega, así como a cultura e a gastronomía. Ademais, os participantes neste intercambio coñeceron paraxes e contornas emblemáticas dende o punto de vista cultural, patrimonial e histórico como a catedral de Santiago e o casco histórico da capital galega, a praza de abastos compostelá, o Museo do Pobo Galego e o Museo das Peregrinacións, o Mosteiro de Santo Domingo de Bonaval ou a Torre de Hércules, entre outros.

“Os participantes nesta iniciativa incrementan o seu nivel de independencia e responsabilidade ao tempo que se potencia o voluntariado e a tolerancia”, declarou Rey Varela durante a despedida, na que desexou unha boa viaxe aos mozos e mozas e que esta experiencia lles fose proveitosa.