En portada (1116)

Iniciativa Xove ten como fin que os mozos e mozas que desenvolvan proxectos financiados a través do programa, adquiran unha serie de destrezas, aptitudes e competencias transversais que lles faciliten o seu acceso ao mundo laboral

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe en Lobios o proxecto Bosques do Xurés, promovido pola asociación Xuvemprende no marco do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia.

Ao abeiro deste proxecto estanse a desenvolver actividades de recuperación dos bosques autóctonos de castiñeiros, carballos ou bidueiros entre outros mediante diferentes xornadas de voluntariado ambiental dirixidas a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos. O obxectivo é incidir na concienciación ambiental da xuventude, fomentar o traballo altruísta e en equipo, a participación e a dinamización do entorno rural. Así mesmo, con estas actuacións estase contribuíndo á conservación da biodiversidade no parque natural, a diminución do risco de incendios e a mellora de hábitats para moitas especies animais.

Durante a súa visita, a directora xeral puido ver in situ as actividades de recuperación dun bidueiral no entorno do río Mao e ademais, apadriñou un castiñeiro.

Dentro do proxecto Bosques do Xurés, os mozos e mozas están a participar en obradoiros sobre o aproveitamento da castaña, de mel do Xurés e de elaboración de marmeladas con froitos silvestres.

Cecilia Vázquez reuniuse tamén hoxe co grupo informal Xóvenes do Xurés que no mes de agosto levaron a cabo o proxecto Do gran ao pan no núcleo de Puxedo (Lobios) e que consistiu na realización de varios obradoiros relacionados co ciclo do pan e as tradicións a el asociadas. Para o seu desenvolvemento, a organización contou coa poboación local que foi partícipe en primeira persoa deste xeito de vida tradicional, unindo así a experiencia práctica coa disciplina teórica co obxectivo de que a mocidade poida coñecela, difundila e practicala.

Así mesmo realizáronse dous grafittis coa finalidade de embelecer recunchos afeados polo ladrillo e o formigón no núcleo rural.

Iniciativa Xove

Este programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten como fin que os mozos e mozas que desenvolvan proxectos financiados a través do programa, adquiran unha serie de destrezas, aptitudes e competencias transversais que lles faciliten o seu acceso ao mundo laboral.

Neste 2017 introducíronse novas áreas prioritarias como a promoción de hábitos saudables e a prevención de condutas de risco, a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, a inclusión social e laboral dos colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables, a valorización do patrimonio cultural, o desenvolvemento e dinamización do medio rural e a dinamización da lingua galega entre a xuventude.

A Xunta de Galicia inviste 545.000 euros para apoiar a posta en marcha de 119 proxectos que xa se están levando a cabo ou o farán ao longo deste ano. Deles, 42 pertencen a grupos informais de mozos e mozas, 32 a entidades asociativas de ámbito autonómico e 45 a entidades asociativas de ámbito provincial. 

Os rapaces e rapazas, todos eles menores de 30 anos, realizarán prácticas non retribuídas durante dous meses e sete días en empresas situadas nas cidades de Cork (Irlanda), Bolonia (Italia) e na rexión de Normandía (Francia)

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou a importancia do programa Galeuropa ao propiciar á mocidade experiencias laborais no estranxeiro que engaden un valor engadido á súa formación e traxectoria profesional, ao tempo que proporcionan máis oportunidades de emprego

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos mozos e mozas participantes no proxecto promovido pola Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA) no marco do programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa convocado pola Consellería de Política Social.

Trátase de 14 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que compren a condición de beneficiarios e que nos vindeiros días iniciarán as súas prácticas formativas non retribuídas cunha duración de dous meses e sete días en empresas de Irlanda, Italia e Francia – seis na cidade de Cork (Irlanda), catro en Bolonia (Italia) e outros catro na rexión de Normandía (Francia)-. Estes 14 mozos e mozas están a recibir preparación sociolingüística e intercultural previa á saída.

A contía da axuda por mozo/a está en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma, e inclúe unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención e outra para a viaxe. O importe total da aportación económica inclúe para a entidade de envío unha achega á organización da mobilidade (550 euros por participante) e a súa execución, así como outra para a entidade de acollida.

Cecilia Vázquez sinalou que “os programas de mobilidade teñen como finalidade mellorar a formación da mocidade galega, ampliando o currículo laboral a través dunha experiencia internacional”. Neste sentido, explicou que “a mobilidade na formación ten un impacto moi positivo sobre o capital humano, xa que permite que os mozos e mozas adquiran novos coñecementos e competencias, e complementa ensinanzas académicas”. Así mesmo, a directora xeral insistiu en que “unha experiencia formativa no estranxeiro favorece a empregabilidade e pode achegar un valor engadido á formación permanente dos mozos e mozas, á súa traxectoria profesional e proporcionarlle máis oportunidades de emprego”.

O programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Cun orzamento no ano 2017 de 2.176.515,40 euros, pretende financiar e apoiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas entre dous e tres meses de duración en entidades e empresas públicas ou privadas de 27 países da Unión Europea.

Deste xeito, a través desta iniciativa os mozos e mozas participantes poden recibir axudas individuais, ou ben outórganse achegas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude ou a proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

A titular do departamento autonómico lembrou que nesta última convocatoria, no caso das entidades sen ánimo de lucro foron presentados 26 proxectos, dos que resultaron beneficiarios 15 cun orzamento adxudicado dun millón de euros e un total de 188 mobilidades aprobadas: 72 para Italia, 45 para Portugal, 23 para Irlanda, 12 para Bulgaria, 11 para Reino Unido, cinco para Malta, catro para Polonia, catro para Alemaña, catro para Francia, catro para Chipre e catro para República Checa.

As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias con 15 mobilidades aprobadas de tres meses de duración son: Asociación Erasmus Compostela (Santiago de Compostela), Xeración Asociación Cultural (Narón), Sustinea (Ourense), Euroxuventude (A Coruña), Asociación Foro, LC (Oleiros) e a Asociación cultural Ingalicia (A Coruña); con 14 mobilidades de tres meses de duración, a Asociación sociocultural Luenda (A Baña) e a Asociación cultural, recreativa, deportiva e xuvenil Muxema (Negreira); con 12 mobilidades de tres meses de duración a Asociación Universitaria Ciencias da Educación (Ourense) e Amigos da Terra (Ourense); con oito mobilidades de tres meses de duración: Fundación Paideia Galiza (A Coruña), Asociación Fogart (Santiago), Asociación xuvenil e deportiva Joy (Ames) e a ONG Mestura (Culleredo); e finalmente a Federación EFA Galicia con 14 mobilidades de dous meses e sete días de duración.

No caso de entidades locais, foron aprobados os catro proxectos presentados cun orzamento adxudicado de 356.419,09 euros e un total de 67 mobilidades aprobadas: 31 para Reino Unido, 13 para Irlanda, nove para Italia, nove para Finlandia e cinco para Portugal. As entidades locais beneficiarias son: a agrupación de concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces, con 20 mobilidades de tres meses de duración; a agrupación de concellos Negreira- Val do Dubra con 18 mobilidades de tres meses de duración; a Mancomunidade de concellos de Ordes con 20 mobilidades de dous meses de duración; e o Concello de Ourense con nove mobilidades de dous meses de duración.

Na modalidade de axudas individuais, recibíronse un total de 286 solicitudes, dos que resultaron beneficiarios 160 mozos e mozas cun orzamento adxudicado de 674.527,26 euros. Segundo o país de realización das prácticas, estes 160 mozos e mozas realizarán a súa mobilidade nun total de 18 países: 53 no Reino Unido; 38 en Portugal; 16 en Irlanda; 11 en Malta; 10 en Alemaña; cinco en Francia; cinco en Grecia; catro en Italia; tres en Bélxica, Países Baixos e Polonia, respectivamente; dous en Dinamarca e dous en Eslovaquia; e un respectivamente en Austria, Eslovenia, Hungría, Letonia e Suecia.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos 20 mozos e mozas participantes na última xornada da segunda edición de Líderes de futuro- Programa de Liderado e Innovación Social, unha iniciativa que ten como obxectivo potenciar as competencias clave dos mozos e mozas, así como facilitarlles as ferramentas conceptuais e prácticas necesarias, que lles permitan enfrontarse con éxito a proxectos cun impacto social positivo na súa contorna.

Esta segunda edición do programa Líderes de Futuro desenvolveuse nas instalacións do albergue xuvenil de Gandarío en catro xornadas ao longo dos meses de marzo, abril, maio e setembro. Cada xornada centrouse nun módulo concreto, cunha combinación de formación teórica e obradoiros prácticos: participación e empoderamento xuvenil; innovación e emprendemento no ámbito da sociedade civil; emprendemento e modelos de negocio disruptivos; e liderado social: características e competencias.

Cecilia Vázquez asegurou que estas xornadas “ofrecen aos mozos e mozas ferramentas dirixidas ao fortalecemento das súas habilidades e competencias e ao aumento da súa capacidade de liderado co obxecto de que melloren a súa empregabilidade e que consigan as súas metas profesionais”. “Con este programa ofrecemos un espazo de encontro, coñecemento, información e de formación en habilidades, e, sobre todo, en relacións”, engadiu.

Nesta última xornada, os participantes recibiron formación sobre liderado social e desenvolvemento do propio talento e habilidades. O venres e o sábado as actividades formativas tiveron lugar nas propias instalacións do albergue xuvenil de Gandarío e o domingo nas inmediacións do porto de Sada cunha actividade náutica orientada á adquisición de competencias no ámbito do traballo en equipo, a orientación ao logro e a escoita activa.

Cecilia Vázquez sinalou que “esta actividade formativa pretende facilitar o contacto entre mozos e mozas líderes na nosa comunidade autónoma, construíndo unha rede que favoreza a colaboración en proxectos de impacto social positivo entre entidades xuvenís e de acción voluntaria e mozos e mozas a título individual”. O programa tivo un enfoque basicamente práctico, cun aposta polo aprendizaxe a través da análise de realidades concretas. Por iso, “instrumentos como os estudos de casos, as simulacións, o traballo en grupo e as discusións abertas foron os elementos centrais das catro xornadas na que se desenvolveu esta segunda edición do programa”, explicou a titular autonómica.

Ao finalizar a súa intervención, a directora xeral fixo entrega a todos os participantes dun diploma acreditativo.

  • Un grupo de 30 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos de idade conviven durante unha semana nas instalacións xuvenís da Xunta no municipio coruñés de Bergondo, onde se implican en actividades deportivas, de natureza, obradoiros ou xogos populares, entre outras.
  • A través desta iniciativa, o Goberno galego chega a menores que atravesan unha circunstancia persoal especial e que precisan de experiencias deste tipo para divertirse, ilusionarse, convivir nun clima de campamento no que se relacionan en liberdade e confianza, primando a súa seguridade e benestar


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e a de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, acompañaron na xornada de hoxe aos nenos e nenas que desde o pasado día 29 de agosto e ata mañá martes conviven nas instalacións xuvenís de Gandarío. Un grupo de 30 menores de entre os 9 e os 11 anos de idade que teñen aberto expediente de protección na Administración autonómica participan neste campamento, que leva por nome ‘Aventura en Gandarío’ e que se enmarca no programa Vacacións Solidarias da Consellería de Política Social.

Os departamentos autonómicos de Xuventude e Familia organizan de maneira conxunta esta iniciativa, que resultou gañadora do Premio Vacacións Solidarias 2017 que outorga a Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ). Durante a semana que dura a experiencia, os nenos e nenas teñen a oportunidade de gozar dun amplo programa de actividades que comprende, entre outras, as seguintes: volei pé, aula de natureza mariña e intermareal, obradoiros de diferentes temáticas, xogos de orientación e da tradición popular, actividades na praia ou tiro con arco.

Cecilia Vázquez e Amparo González indicaron que o obxectivo desta acción é que os menores vivan unha experiencia inesquecible, xa que para moitos esta é a primeira vez que participan nun campamento. Deste xeito, a Xunta fai posible a través ‘Vacacións Solidarias’ o acceso ao lecer de menores con menos recursos e nunha situación de protección, ao tempo que fomenta actividades de educación non formal cun programa de actividades culturais, deportivas e de aventura baseadas na cooperación.

Así mesmo, outros obxectivos que se promoven entre os participantes deste campamento son os hábitos de vida saudables; inculcar valores de respecto e cooperación; educar na importancia de preservar o medio ambiente; potenciar a autonomía dos nenos e nenas mediante a participación activa; recuperar os xogos que estimulan a imaxinación, a habilidade e a creatividade; e fomentar a comunicación e a iniciativa, capacitando aos menores para a toma de decisións e o traballo en equipo.

O Goberno galego, por medio deste programa de ‘Vacacións Solidarias’, chega a menores que atravesan unha circunstancia persoal especial e que necesitan de experiencias deste tipo para divertirse, ilusionarse e convivir nun clima de campamento no que se relacionan en liberdade e confianza, primando a súa seguridade e benestar.

  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou a lonxa do municipio pontevedrés con participantes nesta iniciativa
  • Un grupo de 15 persoas de entre 14 e 18 anos de idade coñeceron mellor a realidade laboral con estancias-visitas en distintas empresas da zona
  • O obxectivo deste programa é poñer a disposición da xente nova unha ferramenta que lle facilite ou clarifique a toma de decisións de cara á súa futura traxectoria formativa e profesional

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, acompañou hoxe aos participantes no proxecto promovido polo Concello de Cambados no marco do programa ‘Deseñando o teu futuro’ nunha visita á lonxa deste municipio pontevedrés. O proxecto permitiu que un grupo de 15 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos se achegaran á realidade do ámbito laboral con estancias-visitas en distintas empresas da zona.

A iniciativa, cun orzamento de 2.580 euros, contou coa colaboración do IES Ramón Cabanillas, o IES Francisco Asorey e a entidade Cambados Zona Centro. As estancias-visitas tiveron unha duración de doce días, cunha xornada diaria de catro horas e durante as que coñeceron varios proxectos empresariais en diversos sectores: agricultura, gandería, silvicultura e pesca; educación, comercio ao por maior e ao por menor; e actividades artísticas, recreativas e de tempo libre.

Así, desde o 18 de agosto e ata a xornada de hoxe os participantes coñeceron de primeira man varios proxectos empresariais, en concreto: Horsal, SCG, a Asociación Cultural Mulleres do Mar de Cambados (Guimatur), Bodegas Martín Codax, SAV, Bodegas Paco e Lola Deportes Piñeiro. Tamén tiveron a opción de comprobar de primeira man como é o funcionamento e a xestión da escola infantil municipal.

Cecilia Vázquez sinalou que no marco de ‘Deseñando o teu futuro’ no 2017 se financian 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitarán que un total de 358 mozos e mozas realicen estadías-visitas en empresas.“Esta iniciativa ofrécelle á xente nova alternativas para aprender, fomenta o seu autocoñecemento e os motiva no seu proceso de formación e actualización de competencias e habilidades”, apuntou.

Neste sentido, a directora xeral engadiu que “este programa ofrece unha plataforma para que os mozos e mozas adquiran coñecementos e habilidades que axudan a completar o seu desenvolvemento persoal e futura formación académica e profesional” . Así mesmo, engadiu que “a finalidade deste programa é ofrecer á mocidade unha experiencia de educación non formal e poñer a súa disposición unha ferramenta que lle facilite e clarifique a toma de decisión do seu futuro perfil profesional, para que coñezan a realidade da empresa previamente a decidir a súa traxectoria formativa profesional”.

As estadías-visitas en empresas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de quince días hábiles e se establece unha xornada mínima diaria de catro horas. o número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 15.

A cantidade subvencionable a cada entidade e concello ou agrupación de concellos se calcula a razón de 6 euros por participante e día para cubrir os gastos de manutención e desprazamento

  • Cecilia Vázquez, que amosou a súa satisfacción polo éxito da campaña de verán na que se enmarca esta actividade, asegurou que a programación estival “chegou a máis mozos e mozas e transcorreu sen incidencias”
  • Antonio Rodríguez Miranda, destacou a importancia da convivencia entre a mocidade galega do exterior e a residente no territorio


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, xunto co secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitaron esta mañá o campo de traballo A esencia galega, emprazado na localidade lucense de Portomarín e co que a Xunta de Galicia quere pór en valor a cultura popular galega. A actividade está incluída na campaña O teu verán colle nunha mochila e nela están a participar 30 mozos e mozas galegos e da Galicia exterior, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.

Neste contexto, Cecilia Vázquez sinalou a importancia que ten recordar e por en valor a nosa historia ao tempo que lembraba que con esta actividade, os participantes recuperaron tradicións e acontecementos da vida no rural galego dos nosos antepasados para, posteriormente, teatralizalas e gravalas, e así máis adiante difundir este material audiovisual nos centros galegos no exterior e nas residencias de maiores do noso contorno.

A directora xeral de Xuventude aproveitou a súa estadía en Portomarín para lembrar o remate da campaña de verán. “Unha campaña – sinalaba – na que chegamos a máis xente, 526 mozos e mozas máis que o ano anterior; máis inclusiva e participativa e que hoxe remata sen incidencias salientables”. E, ao fío, lembraba que o investimento destinado polo Goberno galego a esta actividade ascendeu a 2,9 millóns de euros.

Pola súa banda, Antonio Rodríguez Miranda salientou o feito de que a convivencia entre a mocidade galega residente no estranxeiro e no propio territorio "constrúe novas pontes persoais de comunicación, que se engaden as ligazóns familiares e culturais que as e os rapaces da diáspora teñen con Galicia, e que fan que, malia a distancia, se sintan tan galegos coma calquera de nós", asegurou Miranda.

‘O teu verán colle nunha mochila’


A Campaña de Verán 2017 estruturouse en seis eixes: os campamentos para menores de 18 anos, campamentos noutras comunidades autónomas, as actividades para maiores de 18 anos, a oferta concertada, os campos de traballo e a programación para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior. O maior investimento económico na iniciativa permitiu incrementar o número de prazas, abarcando deste xeito a máis interesados.

Así, os campamentos organizados nas instalacións xuvenís galegas para mozos e mozas entre nove e 17 anos ofertaron 6.400 prazas, aumentando un 3% con respecto á convocatoria do verán pasado e un 20% en relación a do ano 2015. A natureza, o deporte, o voluntariado foros as principais actividades realizadas nestes campamentos.

En canto a campamentos noutras comunidades autónomas, a Xunta puxo a disposición dos interesados 298 prazas, 90 máis que en 2016, o que supuxo un incremento do 40%. Ademais a oferta deste verán incluíu a País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e, como novidade, Cantabria.

Os campos de traballo estiveron encamiñados a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno a través de actividades levadas a cabo en todas as rexións de España e noutros países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón. Nestes campos ofrecéuselles aos mozos e mozas unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, na práctica de deportes e na visita a lugares de interese turístico, histórico ou cultural. A oferta de prazas dos 28 campos de traballo situados en Galicia medrou un 25% nas últimas dúas convocatorias, ata acadar un total de 598. A estas prazas hai que sumar as 298 que se ofertaron en campos no estranxeiro e noutras comunidades autónomas.

Así mesmo, a Xunta mantivo o número de prazas reservadas para descendentes de galegos residentes no exterior, cun total de 230 ao abeiro do programa Conecta con Galicia que organizou a Secretaría Xeral de Emigración e que tivo como principais actividades Cultura e Camiño e O mar de Galicia.

A programación dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre 18 e 30 anos mantívose intacta neste 2017 ao continuar ofertando as 240 prazas que xa se puxeron a disposición na convocatoria de 2016.

E, por último, a oferta en prazas concertadas aumentou de maneira considerable, 295 máis que na anterior campaña de verán ata alcanzar un total de 1.195, o que supuxo unha subida do 33%.

  • Un total de 115 persoas con diferentes capacidades desfrutaron da programación elaborada pola Consellería de Política Social no marco da iniciativa ‘O teu verán colle nunha mochila’
  • O departamento autonómico realizou diversas obras de mellora da accesibilidade no Albergue Xuvenil de Gandarío para garantir a autonomía dos usuarios con discapacidade

 

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, realizaron esta mañá unha visita ao Albergue Xuvenil de Gandarío, onde os participantes da quenda específica para persoas con discapacidade da campaña de verán da Xunta de Galicia apuran as súas últimas horas antes de partir cara aos seus fogares. Unha actividade que se enmarca no amplo abano de propostas elaboradas pola Consellería de Política Social no marco da campaña estival “O teu verán colle unha mochila”.

As directoras xerais visitaron as instalacións recentemente melloradas mentres está a ter lugar a última quenda para persoas con discapacidade do campamento e no que un total de 30 mozos e mozas de entre 26 e 40 anos están a desfrutar destas instalacións dende o pasado 20 de agosto. Entre as actividades programadas para este colectivo están exercicios de ximnasia adaptada, deporte na praia, actividades de iniciación ao teatro ao aire libre, actividades acuáticas, risoterapia e a construción de castelos na area, entre outras cousas, e sempre que o tempo o permita.

Cecilia Vázquez, subliñou a importancia de desenvolver este tipo de estadías na que os participantes gozan dunha programación de ocio educativo e tempo libre nun entorno incomparable como é o Albergue Xuvenil de Gandario. E, ao fío, lembrou que durante a campaña de verán un total de 115 persoas con discapacidade desfrutaron dos campamentos tanto nas quendas específicas como nas ordinarias.

Obras de mellora na accesibilidade no albergue de Gandarío

A finais do pasado 2016 a Consellería de Política Social realizou diversas actuacións de mellora que se centraron na adquisición de equipamento de soporte e axuda ás transferencias para persoas con mobilidade reducida, así como equipamento de soporte posicional dos usuarios tales como guindastres, cadeiras de rodas para ducha, cadeiras anfibias para piscina e praia e coxíns posicionais.

A este respecto, Fabiola García apuntaba logo da visita a importancia que ten impulsar este tipo de obras de adaptación para así fomentar a integración e insistiu que “os traballos realizados son un paso adiante na loita en favor da igualdade de oportunidades e como garante dunha correcta autonomía para os usuarios das quendas específicas dos campamentos nestas instalacións”. Unhas actuacións cuxo custo ascendeu a 230.000 euros.

O teu verán colle nunha mochila

Os campamentos específicos para persoas con discapacidade están incluídos dentro da Campaña de verán 2017 da Xunta de Galicia. Unha campaña na que están a tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitiron a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

 

 



  • Un total de 160 rapaces e rapazas menores de 30 anos e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil recibirán axudas individuais para financiar a viaxe, estancia e manutención no estranxeiro durante os dous ou tres meses que durará a súa formación
  • O programa Galeuropa conta este ano cun orzamento global superior aos 2 millóns de euros, que se distribúen entre achegas individuais, a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro ou a proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, participou esta mañá nun encontro informativo cos beneficiarios do programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa 2017 no apartado de axudas individuais. A este encontro, que tivo lugar nas dependencias administrativas de San Caetano, estaban citados 160 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma que participarán neste programa.

Trátase dunha xornada previa ao inicio das prácticas formativas non retribuídas en empresas e entidades públicas ou privadas de países europeos dunha duración entre dous e tres meses. A contía da axuda por beneficiario depende tanto do país de realización da práctica formativa como da duración da mesma. O importe da axuda total inclúe unha achega para os gastos de aloxamento e manutención, así como para a viaxe e para apoio lingüístico.

Na modalidade de axudas individuais, recibíronse un total de 286 solicitudes e resultaron beneficiarios 160 mozos e mozas cun orzamento adxudicado de 674.527,26 euros. Segundo o país de realización das prácticas, estes 160 mozos e mozas realizarán a súa mobilidade nun total de 18 países: 53 no Reino Unido; 38 en Portugal; 16 en Irlanda; 11 en Malta; 10 en Alemaña; cinco en Francia; cinco en Grecia; catro en Italia; tres en Bélxica, Países Baixos e Polonia, respectivamente; dous en Dinamarca e dous en Eslovaquia; e un respectivamente en Austria, Eslovenia, Hungría, Letonia e Suecia.

Neste ano 2017, o programa Galeuropa conta cun orzamento global de 2.176.515,40 euros es está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. A iniciativa, que forma parte do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, ten por finalidade financiar e apoiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas entre dous e tres meses de duración en entidades ou empresas públicas ou privadas de 27 países da Unión Europea. Así mesmo e ao respecto das achegas económicas, estás poden ser individuais aos mozos e mozas así como a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no eixo da xuventude ou a proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades.


Mellora da empregabilidade


A directora xeral salientou que “un eixe prioritario das políticas de Xuventude desta administración é o destinado ao fomento da mobilidade xuvenil”. Nesta liña de traballo enmárcase o programa Galeuropa, xa que ten como finalidade apoiar a formación da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificacións para facilitar a súa inclusión no mercado de traballo, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo.

Así, con estas mobilidades se intenta dotar á comunidade de profesionais con coñecementos non só das habilidades propiamente da súa titulación senón tamén que coñezan o funcionamento do mundo empresarial internacional e á súa vez con dominio de idiomas estranxeiros. Preténdese que os mozos e mozas alcancen e asimilen unha visión a nivel persoal e profesional que contribuirá á mellora da súa vida persoal e profesional á vez que se dota de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego, así como tamén contribúe a descubrir novas posibilidades para a internacionalización das empresas galegas.

Cecilia Vázquez sinalou que segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da xuventude en Galicia, presentado en 2016 e que analizou os resultados de tres programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o desemprego entre os participantes en Galeuropa diminuíu nun 67%. O estudo destaca que antes das prácticas, un 70,4% dos participantes estaba no paro, cifra que se reduciu posteriormente ata o 23,4%.

De conformidade co Programa Operativo de Emprego Xuvenil, a mobilidade, transnacional, pode constituír un elemento fundamental na formación dos mozos e mozas, tanto pola experiencia adquirida como polo apoio que pode supoñer a aprendizaxe dun idioma estranxeiro. Desta maneira, pode aportar un valor engadido á formación permanente dos mozos e a súa traxectoria profesional e proporcionarlle máis oportunidades de emprego.

A Consellería de Política Social considera prioritario apoiar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para os mozos e mozas, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, reducir os obstáculos lingüísticos e fomentar a súa autonomía persoal mediante a mellora da súa empregabilidade.

A responsable de Xuventude finalizou a súa intervención recordando que unha vez finalizados os proxectos, os participantes poden obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permite confirmar a participación nos programas de educación non formal e sobre todo validar as competencias adquiridas.

  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou o campamento de Viveiro
  • Cecilia Vázquez saudou aos rapaces e rapazas que participan no campamento ‘NaturArea: medioambiente mariño e náutica’ en Viveiro
  • Este ano na Campaña de verán están a tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016 con actividades dirixidas a mozos de 9 a 30 anos

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe o campamentos da localidade lucense de Viveiro. Unha actividade enmarcada na campaña O teu verán colle nunha mochila, que a Consellería de Política Social pon a disposición da xuventude galega para o período estival.

O campamento NaturArea: medioambiente mariño e náutica ofrece aos seus participantes a posibilidade de practicar diferentes actividades no entorno acuático entre as que se atopan a práctica de vela, windsurf, wakeboard, kaiak, snorkel, skimboard e paddlesurf ademais do desenvolvemento doutras actividades coma unha aula de natureza mariña, volei praia, tiro con arco e xeocaptura. Cecilia Vázquez tivo a oportunidade de saudar aos 100 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos que desfrutan deste campamento.

Durante a visita, Cecilia Vázquez dedicou unhas palabras á importancia que ten a realización de este tipo programas destinados aos máis novos. Deste xeito, destacou a influencia positiva que teñen estas actividades no plano persoal ao gozar dunha programación de ocio educativo e de tempo libre de primeiro nivel. Así mesmo, lembrou que no que respecta ao total provincial, Lugo oferta este ano 2155 prazas: 1985 nos campamentos de verán para rapaces e rapazas con idades de 10 a 17 anos, e 170 prazas nos campos de traballo.

'O teu verán colle nunha mochila'

En total, en toda a Campaña de verán están a tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
Na programación estival inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitiron a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.