En portada (1108)

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado entregou no albergue de Gandarío (Bergondo) os diplomas que acreditan aos equipos gañadores en Galicia do concurso Euroscola 2009, organizado polo Parlamento Europeo.

O xogo desenvolveuse a través da páxina web www.euro-scola.es . O seu obxectivo principal é informar á mocidade do proceso de integración europea, así como estimular a súa participación activa na construción da Unión. No plano didáctico o concurso tamén fomentou o uso de Internet como ferramenta educativa e a práctica do inglés. Nesta iniciativa participaron 35 institutos de secundaria de Galicia e 350 alumnos de entre 15 e 18 anos.

Nas tres etapas nas que estaba dividido o xogo, os participantes tiveron que superar probas individuais e colectivas para obter o maior número de puntos posibles que os permitisen acceder ás diferentes fases. As linguas do concurso foron o castelán -para as relacións con outros grupos das diferentes comunidades españolas- e o inglés, xa que os integrantes no xogo tiveron que integrarse en comisións parlamentarias simuladas nas que o idioma utilizado era o inglés ou o francés.

Os tres grupos de traballo galegos que acadaron unha maior puntuación final foron do mesmo centro de ensino, o IES Perdouro de Burela (Lugo). Como recompensa ao esforzo efectuado a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizou entre o 27 e o 30 de setembro nas instalacións de Gandarío tres xornadas de intensas actividades lúdicas e deportivas para os integrantes dos tres equipos. Tamén participaron a totalidade dos alumnos da clase do primeiro clasificado.
A Xunta e o Concello de Coruña presentaron o convenio que permitirá construír un local de ensaio na Pobra do Caramiñal.

O delgado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, acompañado polo Director Xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, presentaron na Pobra do Caramiñal o convenio que permitirá a construción dun local de ensaio para grupos musicais neste municipio. O acto tivo lugar na Casa Consistorial ás 13:30 horas e tamén asistiu o alcalde, Isaac Maceira.

.Este acordo entre a administración autonómica e o concello da Pobra permitirá iniciar este ano as obras de ampliación, reforma e acondicionamento dun inmoble municipal situado no Camiño Ancho, no lugar de A Figueira. O proxecto tamén contempla o equipamento e insonorización do local.

O orzamento para esta actuación é dun total de 142.966 euros, que sufragará directamente a dirección xeral de Xuventude e Voluntariado da consellería de Traballo e Benestar a través de 3 anualidades. Este mesmo ano libraranse neste concepto 53.250 euros. En 2010 serán aportados 62.514 e en 2011 27.202 euros.

A dirección xeral de xuventude conta cunha rede de 17 locais de ensaio para grupos musicais distribuídos por toda a xeografía galega. Contan con este tipo de instalación A Guarda, Boiro, Lalín, Pontedeume, Ribadeo, Tui, Arzúa, Vigo (Candeán), Monforte, Pontevedra, Ribas de Sil, Vilagarcía, Betanzos, Carballo, Mugardos, Redondela e Santiago.

Máis info sobre os locais na páxina de nsaio.
Os orzamentos de 2010 da Xunta reservan un incremento do 50% na partida destinada a sufragar as accións organizadas polos colectivos impulsados polos mozos e mozas de Galicia. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, apelou hoxe á necesidade de que "as administracións non exerzan tutelas innecesarias que coarten a creatividade propia das accións xuvenís" nun encontro que mantivo cos estudantes da residencia xuvenil de Altamar de Vigo

A Consellería de Traballo e Benestar apostará por potenciar a creación de asociacións xuvenís e a subvención das súas actividades. Así o confirmou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, nunha mesa debate que compartiu cos estudantes da residencia xuvenil de Altamar, en Vigo.

Neste sentido, Rodeiro afirmou que os orzamentos de 2010 da Xunta de Galicia reservan un incremento do 50% na partida destinada a sufragar actividades organizadas polas asociacións xuvenís, sempre e cando os actores principais sexan os propios mozos e mozas.

A este respecto, o responsable autonómico de Xuventude e Voluntariado apelou á necesidade de que "as administracións non exerzan tutelas innecesarias que coarten a creatividade propia das accións xuvenís".

Ovidio Rodeiro estivo acompañado no acto pola directora da residencia, Teresa Prat, e a responsable da Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil de Tui. Esta última explicou o funcionamento das instalacións aos estudantes e repartiu folletos do programa de Formación na Xestión de Empresas e Ideas Empresariais.

No acto participaron os estudantes da residencia xuvenil de Altamar, unhas instalacións que dispón de 94 prazas e xestiona a Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e o director-xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, presentaron esta mañá o programa de voluntariado de cara ao Ano Xubilar.  Rodeiro anunciou, ademais, o primeiro programa de voluntariado internacional para este evento, campos de traballo relacionados co Camiño de Santiago e un proxecto de voluntariado sanitario.

A Xunta porá en marcha puntos fixos de información nas zonas con máis afluencia dos Camiños.
Todos os participantes recibirán formación específica antes de desenvolver as súas tarefas, para ofrecer unha atención ampla e técnica.

O prazo para inscribirse no voluntariado local comeza o 15 de xaneiro.
Voluntarios galegos, doutras comunidades, xunto con europeos e doutros continentes participarán no Xacobeo grazas ao programa de voluntariado posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Todos eles prestarán os seus servizos, por primeira vez, nos nove Camiños.

Así o explicaron hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, durante o transcurso dunha rolda de prensa. Ambos destacaron o importante papel que desenvolven os voluntarios.

En concreto, Rodeiro sinalou que este programa é un dos plans de voluntariado máis ambiciosos, e apuntou que, por primeira vez, os campos de traballo se sumarán a iniciativa, así como o voluntariado lingüístico con participantes de 19 países.

Pola súa banda, Santos fixo fincapé no importantísimo labor que desenvolven aos voluntarios, xa que o seu traballo será fundamental para que todos aqueles que nos visiten leven consigo unha inmellorable imaxe de Galicia.

No que se refire aos detalles do plan, o director de Xuventude anunciou que o próximo 15 de xaneiro ábrese o prazo para que todos os que estean interesados poidan inscribirse no programa de voluntariado local do Xacobeo, que estará por primeira vez nos nove Camiños de Santiago.As tarefas que desenvolverán os participantes serán, basicamente, informativas, culturais e de enlace dos peregrinos con outros organismos e persoas.

Rodeiro detallou que este programa levará a cabo distintas actividades a desenvolver ao longo do Ano Xubilar. En concreto, fixo referencia ao voluntarios locais, aos campos de traballo no Camiño, ao voluntariado sanitario e ao proxecto Eu Camiño.